De citar a Žižek a inventar un 'dicionario de benegués': o PP evoluciona a súa oposición da oposición

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, co seu 'dicionario de benegués' © PPdeG

"Cando deixemos a política, eu terei onde ir e vostede non", di Rueda a Pontón, que lle replica que el xa era concelleiro do PP en 1996

Aos poucos minutos de iniciar o seu último debate de política xeral, o 13 de outubro de 2021, o daquela portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga, citaba os filósofos Bernard-Henri Lévy, Slavoj Žižek e Peter Sloterdijk para advertir do risco de que a pandemia do coronavirus dese un pulo aos extremismos e populismos. En Galicia, eses riscos personificábaos no BNG. O sucesor de Puy como portavoz do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, mantivo no debate de política xeral deste mércores o mesmo obxectivo de fondo, confrontar co BNG como gran antagonista dos populares. Para facelo optou por crear as súas propias referencias bibliográficas: un "dicionario de benegués".

Esgrimindo un groso volume coas cubertas editadas para a ocasión, Pazos Couñago explicou que conceptos como "industria" son definidos no seu dicionario de benegués como "conxunto de actividades mitolóxicas que contemplan a creación de riqueza a partir da non explotación dos minerais e das fontes de enerxía e a elaboración de substancias e obxectos por medios mecánicos a partir da nada". Unha definición coa que o popular pretendía dicir, dun xeito algo máis enrevesado, que o BNG só aceptaría unha industria imposible que non contamine nin consuma recursos. 

Esa e outras definicións do dicionario de benegués foron empregadas por Pazos Couñago para cargar contra o BNG e a súa portavoz, Ana Pontón, foco tamén das principais críticas de Alfonso Rueda ao tempo que afondaba coas súas propostas nalgúns dos marcos retóricos clave para o BNG nos últimos anos e que agora esta a enarbolar a Xunta. O presidente chegou a asegurar que, por recomendación da súa nai, el estudou e buscou un traballo antes de entrar en política, en suposta contraposición coa traxectoria de Pontón. "Cando deixemos a política, eu terei onde ir e vostede non", díxolle o presidente da Xunta á líder da oposición.

Rueda sorrí durante o debate da tarde cos grupos da oposición CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A resposta de Pontón foi lembrar o pasado de Rueda, fillo dun senador do PP: "Vostede xa era concelleiro en Pontevedra no ano 1996". A nacionalista lamentou que "se es un home do PP e levas 30 anos en política subido ao coche oficial, iso é experiencia, pero se es muller é un demérito, iso é machismo e clasismo". 

Unha defensa a de Pontón que non gustou ao portavoz do PP, para quen "machista é esconderse na súa condición de muller para evitar a crítica política". Crítica que, ao seu ver, non merece o seu xefe de filas, Alfonso Rueda, ao que a oposición ataca por "cumprir os seus compromisos". 

Público asistente ao debate de política xeral © Parlamento de Galicia

Nesa liña rematou Pazos Couñago o seu discurso deste mércores, defendendo das críticas da oposición a "un presidente libre, autónomo e sen máis tutela que a do pobo galego". En 2021 o foco do daquela portavoz popular, Puy, estaba lixeiramente virado e de quen se amosaba orgulloso nas últimas verbas do seu discurso era "do noso país, de Galicia, que, ao igual que noutros momentos difíciles da historia, soubo estar á altura das circunstancias". Este mércores Puy, agora deputado no Congreso, era un dos espectadores na tribuna de invitados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.