O PP forza que o Parlamento esixa fondos para escolas infantís ao Estado tras devolverlle 22 millóns

Membros do Goberno e do grupo do PP aplauden a Rueda tras as súas respostas aos grupos parlamentarios no debate de política xeral CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

27 das 40 propostas de resolución rexistradas polos populares no debate de política xeral piden algo ao Goberno de Pedro Sánchez

A finais de 2024 a Xunta confirmou que devolvía ao Goberno de España 22 dos 22,3 dos 34,9 millóns de euros de fondos europeos de recuperación que lle adxudicara para crear ata 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos co 31 de decembro de 2025 como prazo máximo. Apenas medio ano despois, o PP galego disponse a aproveitar o debate de política xeral para reclamar ao Executivo de Pedro Sánchez máis fondos para financiar escolas infantís.

Como adiantou Praza.gal, a Consellería de Política Social sustentara aquela devolución en que Galicia xa "supera a barreira do 60%" de escolarización de 0 a 3 anos. Pero, sobre todo, en que o Estado non lle permitiu dedicalos a financiar prazas "tanto públicas como privadas" do seu modelo de gratuidade. Isto é, os fondos europeos debían ir dedicados a crear novas prazas en escolas públicas e non a financialas en escolas privadas, clave na extensión da gratuidade deseñada pola Xunta.

Desta maneira, o Goberno galego empregou só 12,54 dos 22 millóns que lle enviou o Estado, fundamentalmente a través de convocatorias de axudas (en outubro de 2022, setembro de 2023 e agosto de 2024) para concellos. Atendendo a datos contidos nos Orzamentos Xerais de 2024, as novas prazas públicas de escolas infantís logradas por esta vía acabaron sendo 1.139 fronte ás 3.417 posibles.

Malia estes antecedentes, unha das propostas de resolución rexistrada polo PP para concretar as súas iniciativas no debate de política xeral iniciado este mércores reclama ao Goberno de España máis cartos neste eido. Concretamente, os votos do PP aprobarán na súa proposta número 10 que a Xunta esixa ao Estado que "cumpra co compromiso de colaborar co cofinanciamento do custe da gratuidade total das escolas infantís vixente en Galicia".

27 das 40 propostas dos populares, para o Goberno de Sánchez

Das 151 propostas presentadas polos grupos -cada un ten dereito a 40 pero Democracia Ourensana presentou só 31- as únicas que teñen garantida a súa aprobación son as 40 presentadas polo PP grazas á súa maioría absoluta. Entre elas, a devandita sobre escolas infantís.

Rueda conversa co conselleiro Calvo e cos deputados do PP Alberto Pazos, Paula Prado e Julio García Comesaña CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Como xa viña ocorrendo en anteriores debates de política xeral, pero desta volta aínda en maior grao, boa parte das propostas do PP reclaman algún tipo de actuación ao Goberno de España. Nalgúns casos piden esas actuacións estatais como complemento doutras actuacións no mesmo eido solicitadas á Xunta e noutros a reclamación diríxese en exclusiva ao Estado. En total son 27 das 40 propostas do PP as que piden algo ao Estado, fronte a anos anteriores en que a cifra situábase na metade. 

Apoio ao "lustro Xacobeo 27-32" ou que a Xunta e non o Estado elixa a presidencia da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que atinxe tamén a Asturias e Castela e León, entre as propostas do PP

Entre outras cuestións, o PP pide a Sánchez apoio ao "lustro Xacobeo 27-32" e a estratexias galegas de retorno de emigrantes ou para a mocidade; mellores infraestruturas ferroviarias e viarias; o rescate e gratuidade da AP-9; máis policía adscrita; máis financiamento autonómico, da dependencia e das linguas cooficiais; mellores conexións eléctricas; que a Sareb ceda vivendas baleiras;que baixe o IVE do peixe; ou que se instale en Galicia o Centro Nacional de Ciberseguridade.

Os populares tamén piden máis competencias para Galicia en eidos como os servizos de meteoroloxía, a AP-9, o ingreso mínimo vital ou os permisos de traballo para estranxeiros. Igualmente piden que a Xunta e non o Estado sexa quen elixa o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que atinxe tamén ás comunidades de Castela e León e Asturias.

Propostas de resolución rexistradas por PP, BNG, PSdeG e DO no debate de política xeral

Propostas de BNG e PSdeG

O BNG, pola súa banda, destaca que se dispón a aproveitar a segunda parte do debate, o centrado nestas propostas de resolución, en "falar do que realmente lle preocupa á xente" porque "non nos van atopar" no "intento de crispar e enlamar" que, di, puxo en práctica o PP no inicio da sesión. A vicevoceira parlamentaria da formación soberanista, Olalla Rodil, destaca propostas como "mobilizar 16.000 vivendas públicas", a creación dun ente equivalente ao Sergas para os servizos sociais ou "un plan de rescate para a Atención Primaria".

O Bloque formula propostas como "un plan de rescate para Atención Primaria" ou "un fondo soberano para investimentos estratéxicos". Os socialistas ratifican a oposición a Altri, promoven un banco público de vivendas de alugueiro ou instan a aceptar a condonación de débeda proposta polo Estado

Que a Xunta cree "un fondo soberano para investimentos estratéxicos" e "unha empresa pública de enerxía" forman parte tamén das propostas do Bloque, que reclamará ademais "pedir todas as competencias contempladas no Estatuto e aqueloutras sobre as que xa existen acordos parlamentarios. Trátase de traspasos como Tráfico, Salvamento Marítimo ou Inspección de Traballo, algunhas das cales -nomeadamente, a de tráfico- o PP xa advertiu que non apoiará en ningún caso mentres goberne.

Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, sinala que o seu grupo proporá iniciativas que son "realizables" e que o son, ademais, de maneira "inmediata". Así, por exemplo, os socialistas encabezan as súas propostas de resolución reclamando "que a implantación de proxectos estratéxicos industriais en Galicia" se faga "con máximo respecto ás normativas medioambientais, amosando solvencia e fiabilidade, cumprindo criterios de transparencia absoluta e vinculados ás necesidades reais de Galicia". Altri, indican, "evidencia non cumprir eses criterios e non debe ser merecedor de fondos públicos das administracións"

Rodil e Besteiro amosan as propostas de resolución de BNG e PSdeG, respectivamente, para o debate de política xeral, este 24 de abril de 2025 no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Alén desta cuestión, a formación que encabeza Besteiro formula propostas no ámbito social e sanitario, como garantir o acceso a citas en Atención Primaria do Sergas nun máximo de 48 horas, un plan para reducir as esperas cirúrxicas ou un banco público de vivendas de alugueiro. O PSdeG pedirá tamén que a Xunta cumpra coa lei de memoria democrática, unha nova lei da CRTVG que evite o control gobernamental ou reiterará a reclamación de que o Goberno de Rueda acepte a condonación de débeda proposta polo Goberno de España.

As propostas de nacionalistas e socialistas dependen, en calquera caso, da disposición da maioría absoluta do PP a aceptalas. Todo apunta a que, como en anos anteriores, ese grao de aceptación será escaso ou nulo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.