A Xunta devolverá ao Estado 22 millóns de fondos europeos para novas prazas de escolas infantís

Rueda e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitando unha escola infantil en Coristanco o pasado marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Política Social comunica ao Ministerio de Educación que prevé reintegrar máis do 60% dos 34,9 milóns que recibiu para crear ata 3.417 novas prazas de educación infantil de 0 a 3 anos

A Xunta ten previsto devolver algo máis do 60% dos fondos europeos de recuperación que, entre 2021 e 2023, lle transferiu o Goberno de España para crear ata 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos. Dos 34,85 millóns de euros recibidos a Consellería de Política Social prevé reintegrar ao Ministerio de Educación ata 22,3.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este xoves en declaracións aos medios de comunicación en Bergondo que esa devolución se ía producir, no que considera unha aposta por "fortalecer o sector privado" no canto de ampliar a rede pública. Segundo puido confirmar Praza.gal de fontes coñecedoras dos contactos entre a Xunta e o Goberno de España ao respecto, a decisión de devolver eses fondos xa foi comunicada oficialmente pola Consellería de Política Social ao Ministerio a finais do pasado novembro.

A distribución destes fondos europeos entre as comunidades autónomas principiou en 2021 e estivo dotada cun total de 670 millóns. A Galicia correspondéronlle os devanditos 34,85 millóns en tres anualidades: 10,50 millóns en 2021; 17,30 en 2022 e unha última achega de 7,05 millóns no ano 2023. Dende o inicio, o Goberno galego amosou a súa discrepancia por estar condicionados á creación de novas prazas públicas de escolas infantís, sen posibilidade de empregalas para outras finalidades como obras en escolas xa existentes ou subvencións a centros privados incorporados ao modelo de gratuidade vixente en Galicia dende o curso 22-23.

A Xunta veu amosando a súa discrepancia coa "configuración destes fondos" por non permitiren sufragar obras en escolas xa existentes nin "financiar o programa de gratuidade do ensino 0-3 que ten Galicia", incluíndo os centros privados

Preguntada ao respecto por Praza.gal este 5 de decembro, Política Social reitera estes argumentos sobre uns fondos que, indica "foron deseñados para aumentar a taxa neta de escolarización 0-3 no conxunto de España ata situala na contorna do 50%" mentres que en Galicia "xa superamos a barreira do 60%". "A Xunta -agregan- xa advertiu en varias ocasións" de que "a configuración destes fondos ía impedir a súa execución total en moitas comunidades autónomas" porque "non se permitiu utilizalos para financiar o programa de gratuidade de ensino 0-3 que ten Galicia nin ser empregados para mellorar as instalacións das escolas xa existentes".

A Consellería confirma a este xornal que na devandita comunicación do pasado novembro reiterou estes argumentos ao Ministerio, ademais de lle lembrar que empregou parte destes fondos en "diversas convocatorias públicas" que "demandaban algúns concellos". Concretamente, Política Social ditou tres ordes de axudas con estes fondos en outubro de 2022, setembro de 2023 e agosto deste 2024.

A conselleira de Política Social, Fabiola García; o director xeral de Infancia, Jacobo Rey, e outros cargos, visitando unha escola infantil na Coruña o pasado setembro CC-BY-SA Xunta

As fontes consultadas por Praza.gal confirman que a Xunta transmitiu ao Ministerio que, mediante estas convocatorias de axudas e outras asignacións ten previsto gastar ata ata 12,54 dos 34,85 millóns de fondos europeos que recibiu. E que procederá ao reintegro dos restantes 22,3. O propio Ministerio de Educación ratifica a preguntas deste xornal tanto as cifras como a comunicación.

O departamento que dirixe Fabiola García mantén, non obstante, que cómpre agardar ao remate do programa, "a finais do ano 2025", para "coñecer a execución final" de fondos por parte de Galicia. Nese sentido, indican, "mantemos a nosa demanda ao Goberno de España para que achegue financiamento para manter a gratuidade das prazas 0-3 en Galicia" que implican, subliñan, 65 millóns de euros da Xunta.

Se o Goberno de España permite redirixir eses cartos, aseguran, executarán unha maior porcentaxe. Non obstante, a comunicación oficial afirma a vontade de devolvelos e fontes oficiais do Ministerio certifican que, unha vez transmitida esa intención, dan por feito o reintegro sen marxe para outras decisións ao respecto.

"Unha aposta por beneficiar á privada"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, dirixíndose a Rueda durante a sesión de control deste 5 de decembro CC-BY-NC-SA PSdeG

Para Besteiro, esta devolución é "unha mostra máis da incapacidade do PP para xestionar os fondos europeos" e mais tamén "da súa aposta por un modelo que beneficia intereses privados por riba do público". "Xa o fixeron en Andalucía", sinala o líder socialista en referencia aos 112 millóns xa devoltos polo Goberno do PP andaluz ao Ministerio, "é o modus operandi da dereita de Feijóo, á que pouco ou nada lle gusta o público".

O secretario xeral do PSdeG censura que "mentres devolve fondos europeos, Rueda comprometa 45 millóns para a gratuidade das escolas privadas". "Xa o fixeron en Andalucía, é o modus operandi da dereita de Feijóo", agrega

O secretario xeral do PSdeG lamenta, asemade, que Política Social decida reintegrar os fondos cando "ten aínda un ano para executalas" e crear as máis de 3.000 prazas públicas previstas. "Pero optou por non facelas; en tres anos só foi capaz de crear ou ampliar 205 prazas na rede pública" e, "mentres devolve fondos europeos, Rueda compromete un financiamento de 45 millóns para a gratuidade das escolas infantís privadas no 2025". 

"É evidente -conclúe o socialista- que ten un interese claro en favorecer o modelo concertado" tamén fronte ás escolas públicas municipais, "ás que só paga 93 euros mensuais por alumno fronte aos 310 que reciben as empresas privadas". "Galicia perde máis de 22 millóns de euros que poderían transformar a vida das familias galegas, especialmente nas zonas rurais e máis desfavorecidas. Mentres outras comunidades avanzan, aquí retrocedemos", lamenta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.