As escolas infantís privadas subvencionadas deixarán de dar prazas por orde de chegada no curso 25-26

Rueda e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitando unha escola infantil en Coristanco o pasado marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A gratuidade na matrícula das escolas infantís implantada pola Xunta dende o curso 22-23 trouxo consigo a fin das cotas para acceder aos centros públicos. Pero tamén a creación instantánea da que, de facto, pasou a ser unha nova rede de escolas infantís concertadas, a conformada por todas as privadas que acceden ás subvencións do Goberno galego para sufragar as matrículas que non abonan as familias.

A gratuidade na matrícula das escolas infantís que a Xunta aplica dende o curso 22-23 suprimiu as cotas nos centros públicos, pero tamén creou de facto unha nova rede concertada sen criterios de acceso económicos ou sociais para asignar as prazas

Alén do incremento de demanda nun servizo público que pasou a ser gratuíto no seu acceso, pero non universal -non toda a infancia de 0 a 3 anos ten garantida unha praza-, o novo sistema naceu cunha desigualdade estrutural. Mentres as escolas públicas (as da Axencia Galega de Servizos Sociais e do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, pero tamén as dos concellos) continuaron aplicando os seus baremos económicos ou sociais para asignar as prazas, as privadas subvencionadas quedaron fóra deles, outorgándoas por orde de solicitude ou aplicando os criterios que considerasen convenientes.

Instalacións dunha escola infantil da Xunta en Santiago CC-BY-SA Xunta

Como veu avanzando Praza.gal, a propia entidade que agrupa á maioría das escolas privadas do país, a Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei), viña reclamando a fin dunha situación que, pola súa opacidade, disparou as "suspicacias" entre as familias, especialmente entre s que non logran prazas. Facíao mentres negociaba coa Xunta co horizonte de que o vindeiro curso, o 24-25, fose o último sen criterios de admisión comúns para as privadas subvencionadas. E así será, segundo confirmou Alfonso Rueda este pasado luns.

Dende o curso 25-26, no que as prazas subvencionadas suporán 45,7 millóns de euros, os centros privados terán que aplicar baremos que prioricen as familias monoparentais, as nais e pais que traballan ou as crianzas con irmáns ou irmás na mesma escola

No marco da aprobación no Consello da Xunta dos trámites previos para subvencionar as prazas en escolas infantís privadas para o vindeiro curso -45,7 millóns de euros, un montante que a Consellería de Política Social comeza a pagar anticipadamente transferindo as cotas de setembro a decembro-, o presidente da Xunta confirmou que esta orde de axudas incorporará a "novidade" dos criterios de acceso. "Por primeira vez, todas as escolas" privadas, tanto as propiedades de empresa como as de iniciativa social, "aplicarán os mesmos criterios de preferencia no acceso" se están financiadas con fondos públicos.

Así, dende o curso 25-26 terán prioridade, como nas escolas públicas, "as familias con irmáns na escola, fillos de traballadores do centro e familias nas que traballan os dous proxenitores ou o proxenitor no caso de familias monoparentais", avanza Rueda. A publicación da orde completa permitirá coñecer, en todo caso, se a que funciona como rede concertada terá, finalmente, criterios de admisión idénticos aos das escolas públicas.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha escola infantil pública no Pino o pasado maio CC-BY-SA Xunta

Segundo a Xunta, a nova orde de subvencións e a aplicación de criterios de acceso permitirá "reforzar o liderado" de Galicia na escolarización de alumnado de 0 a 3 anos, cunha taxa de escolarización actualmente situada no 56,4%. O Goberno galego non indica, en todo caso, se entre os seus obxectivos a medio ou longo prazo está tender á universalización do servizo ou á súa integración no sistema educativo xeral, tal e como prometera en xuño de 2009.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.