"Remataron as Galescolas". O 4 de marzo de 2009, apenas tres días despois de que o PP vencese nas eleccións autonómicas por maioría absoluta, o futuro presidente, Alberto Núñez Feijóo, lanzaba esta advertencia. Cumpría "chamarlles ás cousas polo nome" e, de paso, rematar cunha suposta "imposición" do galego. O plan do flamante gañador das eleccións incluía deixar en mans das familias dos nenos e nenas de 0 a 3 anos o idioma que se empregaba nestes centros e, ademais, transferir a súa xestión á Consellería de Educación dende a de Traballo e Benestar, que herdara as competencias da antiga Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Cando xa pasaron catro anos e medio, aquela fulminante decisión permanece no esquecemento.
Apenas tres meses despois daquela proclama e xa dende o poder, o Consello da Xunta do 11 de xuño creaba unha comisión "que se ocupe do traspaso á Consellería de Educación de todas as funcións relativas á educación infantil" e xustificábao ofrecendo, esencialmente, os argumentos que xa empregara dende a oposición. Segundo o novo gabinete conservador era "necesario realizar unha única política" educativa e para "habilitar unha rede galega de escolas infantís eficientes en termos de calidade" facíase indispensable o traspaso. Así ficaría garantido que a educación infantil fose "unha etapa formativa coa súa propia identidade", na que se aplicasen "principios pedagóxicos comúns" ao resto do ensino público.
Feijóo apelaba a criterios pedagóxicos para defender o traspaso á Consellería de Educación
O novo presidente explicaba que o traslado das escolas permitiría que estes centros se baseasen "na aprendizaxe e no coñecemento" tras un "traspaso ordenado" que implicaría tamén a recuperación do "seu nome tradicional". Porque os nenos e nenas de Galicia, aseguraba, ían "a escolas infantís" e non a Galescolas. Todas estas tarefas fóronlle encomendadas a unha comisión de once persoas que representaban ás consellerías de Benestar, Educación e Facenda, á Federación Galega de Municipios e Provincias e ao Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.
Cambio de nome e conflito laboral
No verán dese mesmo 2009 a Xunta semellaba comezar a executar o seu roteiro pero non comezando polo traspaso, senón polo consabido nome. Como avanzara o presidentem as Galescolas pasaban á historia e no lugar da casiña sorrinte coa bandeira galega a Xunta colocaba unha galiña azul "despolitizada", en verbas do propio Executivo. Ao acto de presentación acudiran a conselleira de Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para simbolizar así o traspaso. Ante a prensa e acompañados da polémica pita ambos conselleiros proclamaban a fin do "adoutrinamento". A mudanza de rótulos e simboloxía custou 40.000 euros.
As escolas, renomeadas por 40.000 euros, irán parar finalmente á nova Axencia de Servizos Sociais
Tanto coa casiña como coa pita a Xunta continuou asegurando durante un tempo que o prometido traspaso se ía producir. Mentres, o persoal das Galescolas, como o do resto do Consorcio de Benestar, clamaba polo recoñecemento dos seus dereitos laborais, tales como inserirse no convenio colectivo da Xunta ou a garantía da totalidade dos postos de traballo. Estas reivindicacións laborais, que continúan vivas, viñéronse desenvolvendo mentres a xerencia do Consorcio estivo a aplicar diversos axustes laborais en forma de traslados ou, directamente, de despedimentos.
Boa parte das reivindicacións do persoal teñen como base o temor polos postos de traballos que suscita a desaparición do Consorcio e a transferencia das súas funcións á Axencia Galega de Servizos Sociais, outra das promesas estrela da pasada lexislatura que finalmente, seguno o Goberno, se constituirá "no primeiro semestre de 2014. Segundo avanzou Feijóo tras o Consello da Xunta do pasado 7 de novembro esta nova axenica "irá asumindo, progresivamente, todos os centros de servizos sociais de forma gradual". E, por onde comezará o traspaso? Precisamente, polas "escolas infantís que dependen da Consellería de Trabalo e Benestar".