“Xa abonda de ver esta etapa só como asistencial, somos a etapa educativa máis importante de todas"
“Os nenos están ben atendidos, pero a nivel educativo a verdade é que non podemos”, explica unha traballadora dunha escola infantil da Xunta en Santiago. A falta de persoal no día a día, que se complica cando –como é normal- xorde algunha baixa ou permiso- porque a cobertura é moi deficiente e poden estar días en condicións penosas para a atención da cativada, é unha das principais eivas que sinalan as traballadoras destas escolas públicas.
Asociadas, desde finais do ano pasado, baixo as siglas Atsega -Asociación de técnicas e técnicos superiores en Educación Infantil de Galicia- claman: “Xa abonda de ver esta etapa só como asistencial, somos a etapa educativa máis importante de todas, onde os nenos e nena atópanse nos seus períodos sensibles e por tanto onde máis ‘absorben’ e aprenden”. Mais cada paso que dá o Goberno, alertan, vai no camiño contrario aos criterios pedagóxicos das profesionais.
O goberno de Feijóo xa anunciara á súa chegada a súa firme intención de traspasar as escolas infantís cara á Consellería de Educación. Mais o tempo pasou e diso nada se sabe
Nos inicios, cando a autonomía comezaba a dar os seus primeiros pasos, estes centros incluso contaban nalgúns casos con persoal de enfermaría. Mais, segundo explican desde a Consellería de Política Social, “este persoal foi recolocado hai décadas noutros postos da Administración ao ser totalmente innecesarios nas escolas infantís grazas á mellora da sanidade pública e á propia evolución destes centros, que pasaron de ser 'garderías' cuxa función fundamental era mellorar as condicións de hixiene e benestar dos recén nacidos (xeralmente nenos de familias con menos recursos) a escolas cunha finalidade eminentemente educativa, non asistencial”.
O executivo de Feijóo xa anunciara á súa chegada (en 2009) a súa firme intención de traspasar as escolas infantís cara á Consellería de Educación e mesmo creou entón unha comisión para levalo a cabo. Así ficaría garantido que a educación infantil fose "unha etapa formativa coa súa propia identidade", na que se aplicasen "principios pedagóxicos comúns" ao resto do ensino público. Mais o tempo pasou e diso nada se sabe. Existe de facto unha indefinición sobre o que son este tipo de centros porque aínda que na teoría a Administración defende o seu carácter educativo, na práctica non se están a dotar os recursos necesarios para poder traballar así.
A asociación detalla que apenas contan con tres reunións do equipo educativo ao ano para programar o traballo do curso. Ademais, non teñen parella educativa, como no caso das Galiñas Azuis
En Galicia existen actualmente 25 escolas infantís públicas con atención de 0 a 3 anos dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais da Consellería a de Política Social. “Somos as da Xunta de sempre”, indican, para diferenciarse das da Galiña Azul, dependentes tamén do departamento de Fabiola García, pero xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, un ente participado tamén polos concellos.
Non hai moitos días que persoal das Galiñas Azuis, con 140 escolas, se mobilizou para reclamar unha mellor organización que lles permitise seguir programando a atención educativa, logo do cambio de convenio. Estas profesionais alertaban entón da eliminación das horas de titorías ou organización da aula. “Se elas están en precario porque lles quitan estas horas, nós xa non as temos desde nunca. A nosa xa é unha precariedade histórica”, lamentan desde a Atsega. A asociación detalla que apenas contan con tres reunións do equipo educativo ao ano para programar o traballo do curso. Ademais, non teñen parella educativa (dúas profesoras sempre na aula), como no caso das Galiñas Azuis. “Estamos moitísimo máis en precario”, subliñan.
A situación concrétase, segundo explican, en que tanto para as aulas de 8 bebés (0-1); como para as de 1-2 anos, que xa acollen a 13 nenos e mesmo para as de 2-3 anos, con 20 cativos e cativas aprendendo a deixar os cueiros, só contan cunha persoa ao cargo máis un reforzo cada tres aulas.
“Tanto animicamente como fisicamente é moi duro. Como lles das de comer aos pequenos? Pois como podes. Non con toda a calma e dedicación que merecen”, relata unha traballadora
“As traballadoras levamos anos sufrindo discriminacións laborais con relación ás nosas compañeiras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Baseámonos en datos obxectivos tales, como que nas Galiñas Azuis dispoñen de parella educativa nas aulas, polo que resulta unha obviedade absoluta entender que a comparación de carga de traballo é moi dispar”, indican desde a asociación.
Ademais, engaden, de maneira permanente non se cobren os días de asuntos propios do persoal e a cobertura de baixas é moi deficiente, tardando varios días en cubrilas no mellor dos casos ou chegando, mesmo, a non cubrilas. “Algúns centros, cónstanos que tomaron mesmo a decisión de non solicitar a cobertura de baixas, debido a que saben que a resposta adoita ser nunha 90% negativa, o que implicou entrar nunha dinámica de nin sequera solicitar persoal”, detallan desde a asociación de técnicas superiores en educación infantil.
Coa modificación do convenio que entrou en vigor en febreiro, as traballadoras conseguiron a xornada de sete horas, mais agora teñen que asumir a redución horaria sen reforzo de persoal polo que moitas escolas "quedan coxas" na atención aos pequenos e pequenas, segundo explican.
Nesta situación, aseguran estar sobrecargadas e emocionalmente esgotadas. “Todo isto conleva no cadro do persoal desánimo, frustración, desesperanza ou nerviosismo”, explican, e refiren a síndrome de ‘burnout’ como algo habitual nas traballadoras. “Tanto animicamente como fisicamente é moi duro. Como lles das de comer aos pequenos? Pois como podes. Non con toda a calma e dedicación que merecen”, relata unha traballadora.
O persoal tamén esixe á Xunta que cese o “traspaso” de nenas e nenos dun centro a outro nos períodos de Nadal, Semana Santa ou no mes de agosto. Detallan que o período de adaptación que un neno precisa non adoita ser nunca inferior a 15 días e debe ser gradual. “É o neno ou nena quen marca o ritmo”. “O que se fai cos nenos levándoos a outros centros é inhumano e en ningún momento prima o benestar do pequeno, que se deixa dun día para outro nun centro que non coñece e con persoal e compañeiros que se lle son alleos durante moitas horas", aseguran.
Desde o Goberno galego falouse en máis dunha ocasión da agrupación dos dous modelos de escolas, pero nunca se levou a cabo e a día de hoxe as 25 escolas públicas da Axencia Galega de Servizos Sociais son as grandes esquecidas. Mesmo a nivel instalacións, explica un pai, nótase precariedade. “Foron as primeiras da autonomía e quedaron igual”, indica, ao tempo que refire ter visto pingueiras no centro.