En 2016 o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar recoñeceu o dereito á adaptación do posto de traballo dunha das mestras da Escola Infantil San Roque debido a que a educadora sofre unha limitación física que lle impide desenvolver o seu labor en igualdade de condicións
No ano 2016 o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Consellaría de Política Social, recoñeceu o dereito á adaptación do posto de traballo dunha das mestras da Escola Infantil San Roque, en Compostela (que forma parte da rede da Galiña Azul), debido a que a educadora sofre unha limitación física que lle impide desenvolver o seu labor en igualdade de condicións. Isto debería ter suposto un reforzo de persoal no centro, pero esta medida leva case sete anos sen ser adoptada.
A ANPA do centro vén de denunciar publicamente "a situación de abandono" que sofre a escola, a pesar de que o problema foi posto en coñecemento do Consorcio, ao que acusan dunha "reiterada desatención ao problema". A ANPA engade que a dirección "declinou o convite a vir a escoitarnos durante o Consello Escolar que realizamos o pasado 1 de febreiro para abordar o tema, delegando a súa representación na directora do centro". A asociación denuncia que "as principais prexudicadas por esta inacción son as crianzas do centro e, en especial, as da aula na que traballa esta educadora", ademais da propia traballadora.
A ANPA do centro vén de denunciar publicamente "a situación de abandono" que sofre a escola, a pesar de que o problema foi posto en coñecemento do Consorcio, ao que acusan dunha "reiterada desatención ao problema"
En resposta, a Consellaría de Política Social sinala pola contra que "o persoal da escola infantil de San Roque, como todo o persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, sométese anualmente a unha revisión médica polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais para valorar a súa aptitude laboral" e explica que no momento actual "non consta" que "algún traballador de dita escola non sexa apto para desenvolver as súas funcións".
Engade, iso si, que "pode darse o caso que algún traballador sexa apto pero con algunhas restricións de tarefas que non puidera levar a cabo, o que supón a correspondente adaptación do seu posto de traballo conforme á normativa laboral. Isto faise a través do Servizo de Prevención que ten contratado o Consorcio, respectando sempre os dereitos laborais dos traballadores e a protección de datos". A Consellaría informa, finalmente, de que "está previsto que técnicos do servizo de prevención acudan nos vindeiros días ao centro para aclarar calquera dúbida relativa á adaptación do posto".
A Consellaría de Política Social sinala pola contra que no momento actual "non consta" que "algún traballador de dita escola non sexa apto para desenvolver as súas funcións" e di que o centro "ten unha ratio de persoal superior á requirida pola normativa vixente"
A ANPA do centro denuncia que coa situación denunciada se está a incumprir o propio regulamento dos centros da rede de escolas infantís de Galicia xestionadas polo Consorcio, que establece que "a ratio do persoal de atención directa ás crianzas será de dúas persoas por unidade en funcionamento naqueles momentos máis significativos da xornada”. Porén, sinalan, a limitación física da mestra -recoñecida polo Consorcio- "xera unha serie de situacións que limitan o grao de atención das crianzas da aula, malia a longamente acreditada profesionalidade da educadora".
A Consellaría de Política Social responde, no entanto, que a Escola Infantil de San Roque "ten unha ratio de persoal superior á requirida pola normativa vixente". "Ao tratarse dunha escola infantil de catro unidades, a normativa indica que debe ter un mínimo de seis traballadores de persoal educativo, tendo este centro actualmente un cadro de persoal de oito traballadores de persoal educativo (tres mestras e cinco educadoras, ademais de unha persoa de servizos xerais). É dicir, dúas profesionais máis de persoal educativo do que require a normativa vixente en materia de escolas infantís", sinala o departamento do Goberno galego.
a ANPA denuncia que "na dinámica cotiá da aula hai múltiples situacións nas que a educadora non pode realizar funcións básicas de coidado nin atender as demandas das crianzas, polo que a efectos reais non existe parella educativa ao uso"
Pola contra, a ANPA denuncia que "na dinámica cotiá da aula hai múltiples situacións nas que a educadora non pode realizar funcións básicas de coidado nin atender as demandas das crianzas, polo que a efectos reais non existe parella educativa ao uso". "A pesar da indubidable valía da docente, a falta dunha adaptación do seu posto xera unha sobrecarga de traballo evidente na compañeira, repercutindo na vida da aula", engade.
Ademais, destácase que "a ausencia recorrente da educadora para coidar da súa saúde" provoca "habituais rotacións e cambios no persoal da aula", polo que se xera "unha dinámica na que outra educadora da escola debe asumir moitas veces as súas funcións, véndose obrigada esta última a deixar de lado as tarefas que fai diariamente e afectando así a situación a outras aulas".
As familias sinalan a "incerteza e inquietude" que lles provoca esta situación, indicando que a educadora "non debe quedar soa a cargo dun grupo de dezanove crianzas", xa que "non sempre pode atender as súas demandas de xeito eficaz, a pesares de contar con sobrada vontade, preparación e experiencia"
As familias sinalan así mesmo a "incerteza e inquietude" que lles provoca esta situación, indicando que a educadora "non debe quedar soa a cargo dun grupo de dezanove crianzas", xa que "non sempre pode atender as súas demandas de xeito eficaz, a pesares de contar con sobrada vontade, preparación e experiencia".
A entidade denuncia finalmente que "a deixadez do Consorcio fronte ás condicións laborais desta traballadora (e por extensión das súas compañeiras que deben realizar tarefas que debían ser cubertas por un reforzo de persoal) impide o adecuado cumprimento das funcións das educadoras ou mestras recollidas polo propio Consorcio". Volvendo ao regulamento do propio Consorcio, destácase que as escolas da súa rede deben manter a calidade educativa e rexeita que sexan un servizo puramente "asistencial".
A Consellaría informa, finalmente, de que "está previsto que técnicos do servizo de prevención acudan nos vindeiros días ao centro para aclarar calquera dúbida relativa á adaptación do posto"
A raíz da xuntanza do Consello Escolar do pasado 1 de febreiro, o Consorcio comunicou á ANPA que solicitara a visita dunha técnica do Servizo de Prevención da empresa privada Cualtis. Porén, esta nunca chegou a visitar o centro para avaliar as condicións de traballo da educadora "por motivos que o Consorcio presentou como alleos á súa responsabilidade". As familias denuncian que o Consorcio segue "sen propoñer solución ningunha a un problema que leva máis de seis anos poñendo a proba o excelente funcionamento da comunidade educativa que constitúe a Escola Infantil San Roque".