O BNG forza que o PP vote o traspaso dos aeroportos á Xunta que prometeu en 2009

Un avión aterrando no aeroporto de Lavacolla, en Santiago Dominio Público AENA

Tras iniciar a Xunta as conversas para asumir os aeródromos fóra da rede de interese xeral, Pontón defende como "estratéxica" a transferencia das terminais aeroportuarias da Coruña, Santiago e Vigo: "O futuro non pode ser estar permanentemente na queixa de que mal o fan dende Madrid

A finais de setembro a Xunta pactou co Goberno de España iniciar as negociacións para asumir as competencias sobre os aeródromos que non están dentro da rede de interese xeral do Estado. Trátase dun traspaso contemplado polo Estatuto que, malia a periódicas reaparicións no debate público, non chegou a concretarse máis de 40 anos despois.

Aproveitando o rexurdimento e máis que probable concreción do traspaso dos aeródromos, o BNG disponse a forzar no Parlamento unha votación para ir máis alá e estender a transferencia tamén aos tres aeroportos. Un "traspaso de interese estratéxico", en verbas de Ana Pontón, que suporía ademais avanzar cara ao que tamén foi unha promesa do PP cando retorno á Xunta en 2009, tras os tres anos e medio de Goberno progresista.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en conferencia de prensa esta semana no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

No amplo capítulo dedicado ao autogoberno do programa co que concorreran os populares a aqueles comicios liderados por Alberto Núñez Feijóo -o seu daquela xefe de campaña, Alfonso Rueda, reducía a "traspasiños" a ducia de transferencias logradas por PSdeG e BNG-, a promesa aeroportuaria era explícita. O PPdeG vía "fundamental" que a Xunta asumise os aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo "para as súa xestión máis eficaz".

O programa co que Feijóo chegou á Xunta defendía reclamar esta competencia para a "xestión máis eficaz" e "fomentar a implantación de novos servizos aéreos"

"Coa competencia sobre aeroportos as entidades locais e sociais poderán participar na planificación do sistema aeroportuario galego", sinalaban os de Feijóo. Concretamente, prometían, ían "integrar" os tres aeroportos "nun sistema" que "contribúa á coordinación"; ían "fomentar a implantación de novos servizos aéreos" e "potenciar o tráfico de mercadorías".

Aquela promesa desapareceu da axenda dos gobernos de Feijóo e dos sucesivos programas electorais do PP, incluído o presentado en 2024 por Alfonso Rueda. Con este pano de fondo, o Bloque anunciou esta semana o rexistro dunha proposición de lei para reclamar ao Goberno de España un traspaso que Pontón defende como "de sentido común", a "aposta por un modelo descentralizado, como se fai na maioría dos países da nosa contorna".

Promesa de traspaso dos aeroportos no programa electoral do PP en 2009 CC-BY-NC-SA PPdeG

"O futuro non pode ser estar permanentemente na queixa de que mal o fan dende Madrid" a respecto das terminais aeroportuarias galegas, defende a portavoz nacional do Bloque, nun contexto no que os comités creados ata agora para coordinar rutas "só permiten unha participación testemuñal da Xunta" e dos concellos das cidades atinxidas. E a solución, agrega, tampouco pasa polo grupo de traballo que agora propón a Xunta.

A transferencia, agrega Pontón, implicaría "a titularidade dos tres aeroportos e de todos os bens de dominio público afectados a Aena situados en Galiza". E sería, coida, un "cambio histórico" porque traería consigo "antepoñer os intereses dos galegos e das galegas e facerlle fronte tamén á competencia doutros aeródromos internacionais da contorna", no canto de "seguir apoiando un modelo centralista que leva os nosos aeroportos a unha situación de perda de oportunidades e marxinalidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.