A compañía irlandesa clausura a súa base en Santiago e, segundo o previsto, deixa de voar de Vigo a Londres tras a fin do acordo sufragado polo Concello vigués
A aeroliña Ryanair anunciou este pasado mércores o peche da súa base no aeroporto de Santiago, coa retirada dos dous avións asignados á terminal compostelá e a consecuente perda de postos de traballo e conexións. Tamén ratificou que, como adiantara Faro de Vigo, dende o 1 de xaneiro suspende a ruta entre Peinador e o aeroporto británico de Stansted co remate do contrato sufragado dende 2023 con algo máis de 600.000 euros anuais polo Concello vigués.
En liña da súa estratexia empresarial de presións a diversos gobernos europeos, a compañía irlandesa de baixo custo xustificou a decisión de manter unicamente cinco conexións con Galicia (Londres, Valencia, Sevilla, Lanzarote e Tenerife, todas en Lavacolla) en clave política. Culpa en exclusiva a Aena, a empresa de maioría estatal que xestiona os aeroportos, polas súas "excesivas taxas aeroportuarias" e a súa prevista suba para o ano vindeiro en "aeroportos rexionais". O incremento destas tarifas a partir de 2025 tras unha década de conxelación procede dunha regulamentación do Goberno do PP de Mariano Rajoy, na etapa de Ana Pastor como ministra de Fomento.
A reacción de Aena foi contundente. A resposta política e empresarial do xestor aeroportuario centrouse na "deshonestidade da política de comunicación" de Ryanair, a súa "concepción plutocrática do sistema político" e a súa vontade de "atemorizar a opinión pública" mentres pide "cambios de leis ao seu favor". "Considera que a toma de decisións dos gobernos debe dobregarse aos intereses das empresas con maior poder económico, declarou o seu conselleiro delegado, Maurici Lucena.
O conselleiro Calvo e o presidente da CEG coinciden en sinalar a Aena e as súas taxas como culpable da marcha de Ryanair mentres que o xestor aeroportuario censura a súa "concepción plutocrática do sistema político e estratexias para tentar "cambiar leis ao seu favor"
Esta resposta contrasta coa ofrecida en Galicia por parte da Xunta e da Confederación de Empresarios (CEG). O conselleiro da Presidencia, con competencias nesta lexislatura en materia de Transportes, evitou calquera crítica a Ryanair e centrouse en cargar contra Aena en particular e contra o Goberno de España en xeral. O acontecido, cre Diego Calvo, debe levar a un "cambio nas políticas" do Estado para implicárense "na potenciación de medianos e pequenos aeroportos como é o caso dos galegos" para que así "Galicia non siga perdendo voos e bases de aeroliñas".
Nunha liña semellante pronunciábase este xoves a patronal galega. Mediante un comunicado, a CEG manifesta a súa "profunda preocupación" polo anuncio da aeroliña e di non poder "aceptar" a "perda de en torno a 70 frecuencias semanais" dunha compañía á que gaba como "motor estratéxico para a conectividade aérea" de Galicia durante anos. Por iso, como a Xunta, o presidente da patronal apela "en especial a Aena" e concorda con Ryanair en que "o incremento das taxas foi o detonante, di Juan Manuel Vieites, que pide "ofrecer condicións máis atractivas aos operadores" para que voen nos aeroportos galegos.
Xunta e CEG coinciden non só en evitar a crítica a Ryanair e centrala en Aena. Tamén esquivan en cadansúas reaccións o impacto que nos aeroportos galegos está a ter a consolidación das conexións ferroviarias de alta velocidade coa Meseta.