7.500 euros de multa a Ryanair por vulnerar o dereito de folga en Lavacolla en 2022

Avións de Ryanair © Ryanair

A empresa desprazou persoal desde outros lugares, estableceu gardas por riba do normal e mudou os seus protocolos habituais para axilizar a substitución de folguistas

En xuño e xullo de 2022 Ryanair sufriu unha folga do seu persoal de cabina que afectou a todos os aeroportos nos que opera en España. Durante os paros a empresa realizou diversas actuacións no aeroporto de Lavacolla, como desprazar persoal desde outros lugares ou establecer gardas por riba do normal, que vulneraron o dereito á folga dos e das 54 tripulantes de cabina con base na terminal compostelá. Uns feitos polos que foi multada pola Consellería de Emprego con 7.500 euros, sanción que agora vén de ser ratificada por un xulgado do Social da Coruña.

Aeroporto de Lavacolla © Concello de Santiago

Segundo a sanción imposta a Ryanair agora avalada pola xustiza, durante a folga Ryanair estableceu "unha cifra anómala de tripulantes en servizo de garda no aeroporto en lugar de prestar os seus servizos habituais desde o domicilio". Unha medida coa que quixo ter a suficiente dispoñibilidade de persoal na terminal "co obxecto de garantir o 100% dos voos". 

A sentenza considera acreditado que Ryanair desprazou a Santiago "un gran número de tripulantes de cabina de pasaxeiros de bases extracomunitarias"

Así, se "nunha xornada ordinaria o normal é que se designe a un só tripulante de cabina de pasaxeiros de garda no aeroporto", durante a folga chegaron a estar designados ata oito tripulantes de cabina de garda no aeroporto. "A empresa demandada programou servizos excepcionais máis gravosos para as persoas traballadoras en servizo de garda, co obxecto de axilizar a substitución de persoas traballadoras que estaban en folga, co obxecto de minimizar os efectos da folga", di a sentenza, que engade que esta foi unha decisión contraria aos servizos mínimos fixados polo Ministerio de Transportes que estableceron que o persoal de garda non podería superar o habitual en caso de que non houbese folga.

Nesa liña de garantirse unha rápida substitución de persoal en folga, Ryanair tamén mudou o sistema de reunións dos tripulantes de cabina previas aos voos para que persoal supervisor tivese un maior control sobre elas.

Aeroporto de Lavacolla © Aena

Igualmente, a sentenza considera acreditado que durante a folga a empresa desprazou a Santiago "un gran número de tripulantes de cabina de pasaxeiros de bases extracomunitarias" fronte ao procedemento habitual de que os voos con base en Santiago se conformasen con persoal desta mesma base. Ademais dese persoal desprazado, a súa supervisión, habitualmente realizada tamén desde Lavacolla, foi dirixida desde Dublín e por unha supervisora con base en Londres.

No proceso xudicial Ryanair alegou na súa defensa, entre outras cuestións, que non substituíu persoal en folga, ao que o sentenza contesta que, "se ben é certo", as súas outras actuacións estiveron dirixidas a neutralizar os efectos da folga. "Se se constatase a substitución de traballadores folguistas estariamos ante outra infracción cualificada como moi grave", lembra a xuíza, que valora que "os feitos que constan na acta de infracción son claros e contundentes e moi explicativos".

Aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

Ryanair xa recibira unha condena por despedir unha traballadora durante a mesma folga do verán de 2022

Antes desta sentenza por vulneración do dereito de folga, Ryanair xa recibira outra condena por despedir unha tripulante de cabina durante aqueles mesmos paros do verán de 2022. Ryanair acusara a empregada de incumprir os servizos mínimos pero a xustiza confirmou que a empresa mudáballe os seus cometidos sen antelación para substituír funcións de persoal en folga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.