Os sindicatos reclaman que o Goberno galego non demore a fixación de servizos mínimos, o que dificulta que a xustiza poida adoptar medidas cautelares, e lamentan a falta de efectos reais das sentenzas definitivas, que chegan máis de medio ano despois
O 10 de setembro do pasado ano o persoal do servizo de atención telefónica de emerxencias sanitarias 061 foi a unha folga parcial, en determinadas franxas horarias. A Xunta agardou ata o mesmo día de inicio dos paros para ditar os servizos mínimos, que estableceu no 100%, unha imposición que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acabou anulando meses despois nunha sentenza que ratificou o evidente: uns servizos mínimos iguais aos ordinarios “baleiran de contido o dereito de folga”.
Esa non foi nin a primeira nin a última condena da Xunta, xa que son reiteradas as sentenzas que anulan servizos mínimos establecidos polo Goberno galego de xeito “inxustificado” e mesmo “malicioso” por ditalos a última hora, dificultando así que a xustiza poida modificalos de xeito cautelar. E cando os acaba anulando nas sentenzas definitivas, nada impide que a Xunta volva ditar exactamente os mesmos servizos mínimos xa invalidados noutra futura nova folga no mesmo sector. Unha situación que se repite e que leva aos sindicatos a clamar contra o Goberno galego por vulnerar reiteradamente o dereito de folga sen que existan sancións ou efectos reais prácticos das sentenzas que impidan que siga a actuar igual.
A antedita sentenza anulando os servizos mínimos daquela folga do 061 tardou 128 días desde o inicio do paro e foi rápida, xa que a media das sentenzas emitidas nos últimos meses, recompiladas por Praza.gal, supera os 200 días, máis de seis meses despois do comezo dos paros. As folgas adoitan durar moito menos, así que para cando chegan as condenas as súas anulacións dos servizos mínimos xa non teñen un efecto práctico. Mesmo en folgas de longa duración, como a do servizo de mantemento do complexo hospitalario de Ourense, que durou máis de cen días a comezos de 2018, as anulacións de servizos mínimos chegan tarde, nese caso 316 días despois do inicio dos paros, récord de demora das sentenzas xudiciais dos últimos anos.
Dirixentes de CCOO, CIG e CSIF salientan a ineficacia das sancións, con condenas a pagar as costas xudiciais que acaban saíndo dos cartos públicos
“Non é tanto un problema de atraso das sentenzas como de ineficacia das sancións”, sinala desde o sindicato CSIF o seu presidente en Galicia, José Francisco Méndez. “A Xunta reitera ese comportamento porque non hai sanción, e as condenas a pagar as costas dos procesos xudiciais acabamos pagándoas a cidadanía, debería haber algún tipo de sanción á persoa responsable de fixar eses servizos mínimos que vulnera o dereito fundamental de folga”, di.
Similar visión ten desde a CIG a súa secretaria de Organización, Susana Méndez, para quen “hai unha indefensión, porque a Administración non pode sancionarse a si mesma e acaban pagándoo os traballadores e traballadoras”. E desde CCOO, o seu secretario xeral en Galicia, Ramón Sarmiento, lamenta que na década de goberno popular na Xunta “xa gastou milleiros de euros de diñeiro público en recursos e no pagamento de custas xudiciais; outras patronais pensaríano moito, xa que é un gasto económico, pero aos nosos xestores non parece importarlles gran cousa, porque non lles vai ao peto, senón ao peto das galegas e dos galegos”.
Sarmiento pon como exemplo que en 2013 o Supremo ratificou a ilegalidade dos servizos mínimos da folga xeral de 2010 e “condenou a Xunta a pagar 4.000 euros en custas xudiciais” despois de ter que desembolsar previamente outros 1.200 euros para poder recorrer ao alto tribunal. “É dobremente vergoñento; por un lado o Goberno de todas e de todos está a vulnerar o exercicio dun dereito fundamental, o de folga, e polo outro co noso diñeiro paga as condenas a custas que ditamina a Xustiza”.
Desde a vertente técnica do conflito, un avogado dun sindicato con ampla experiencia impugnando servizos mínimos da Xunta xustifica a tardanza da xustiza en emitir as súas sentenzas. “O sistema xudicial debe ser garantista, ten que consultar ás partes, á Fiscalía, e seguir un procedemento nun prazo duns meses que entendo que é razoable”, sinala, pero lamenta o atraso da administración en publicar os servizos mínimos. “Se os ditase antes, podería haber máis medidas cautelares por parte dos xulgados, que nese eido non son nada lentos”, di, para lamentarse que nada no sistema incentive ás administracións a mudar o seu comportamento.
Son varias nos últimos meses as condenas que reflicten como a Xunta nin intentou xustificar a súa postura durante o proceso xudicial
“En ocasións os avogados da Xunta nin intentan defenderse”, sinala este avogado sobre unha situación que os propios xuíces veñen reflectindo nas súas sentenzas. Son varias nos últimos meses as condenas que reflicten como a Xunta nin intentou xustificar a súa postura durante o proceso xudicial. Noutros casos, a reiteración do comportamento do Goberno galego chega ao punto de que os propios xuíces repiten literalmente os mesmos argumentos que xa empregaron en condenas previas, unhas veces pola vía máis ortodoxa de citar sempre a mesma xurisprudencia e outras limitándose a copiar e pegar argumentos textuais empregados por eles mesmos en casos previos. Así o fixo o TSXG nunha recente sentenza contra os servizos mínimos da folga de ambulancias de comezos do pasado ano, na que a sentenza chegou a dicir que o tribunal “xa resolveu con claridade as cuestións aquí plantexadas” nunha folga de ambulancias similar dun ano antes.
Tamén foron duros os xuíces ao pronunciarse sobre as demoras da Xunta en ditar os servizos mínimos, comportamento reiterado que unha sentenza sobre a folga feminista do 8 de marzo chegou a cualificar como “malicioso”. Nesa liña, desde CIG Méndez lembra que nunha das folgas no 061 os servizos mínimos foron comunicados ao persoal afectado “40 minutos antes”.
A Xunta fixa servizos mínimos, despois anulados pola Xustiza, que superan mesmo os de xornadas ordinarias
A responsable do sindicato nacionalista lamenta tamén que a Xunta “vez tras vez repite os mesmos servizos mínimos que xa foron anulados en folgas anteriores e nalgún caso mesmo os empeora” sen que teña ningunha repercusión. “Establecen servizos mínimos que superan os de xornadas ordinarias”, laméntase a responsable da CIG, ao que o presidente do CSIF engade que os domingos e festivos poderían servir como base para establecer os servizos mínimos de folgas en xornadas laborais ordinarias, pero que a Xunta, como veñen reiterando as sentenzas, obvia explicitar calquera criterio obxectivo. “As propias resolución xudiciais reprochan, en moitos casos, que os servizos mínimos estean concibidos para garantir un funcionamento normal, o que bate frontalmente contra a propia concepción dunha folga”, critica desde CCOO Sarmiento.
Para esa situación, José Francisco Méndez reclama que se teñan en conta as sentenzas de folgas previas. “Na sanidade ou noutros servizos públicos levamos décadas de conflitos laborais, non é unha situación nova, xa houbo folgas e deberan terse en conta as decisións da xustiza sobre elas para fixar os servizos mínimos das seguintes folgas”, di o dirixente de CSIF. Desde CCOO, Sarmiento advirte que “a reiteración da Xunta nesta actitude podería ser un caso de prevaricación, delito que se comete cando se adopta á mantenta unha resolución inxusta; tendo en conta os numerosos precedentes, desde o Goberno galego non poden alegar descoñecemento de que este xeito de actuar vulnera a legalidade”.
O propio Feijóo, preguntado pola sucesión de sentenzas condenando á Xunta, defendeuse coa tese de que o importante non é a reiteración coa que a administración vulnera un dereito fundamental senón as veces en que cumpre a súa obriga de respectar a lei
Ademais da demora na fixación dos servizos mínimos, a súa falta de xustificación, a reiteración deses procederes ou a falta de interese da Xunta por sequera defenderse nos procesos xudiciais, as últimas sentenzas tamén critican outras irregularidades cometidas polo Goberno galego. No caso da folga na CRTVG do 19 de decembro do pasado ano, o TSXG criticou os servizos mínimos como un caso de “esquirolaxe interno” e censurou que estes fosen fixados pola dirección da empresa pública e non pola propia Xunta, que é a competente para garantir un dereito constitucional. “Non resulta de recibo atribuír ao Director Xeral da CRTVG a competencia para concretar o persoal”, di aquela sentenza, xa que iso quebranta “as naturais esixencias de neutralidade, obxectividade e imparcialidade que cabe agardar da autoridade gobernativa”. “Inténtase evitar que decisións tan relevantes para o exercicio dun dereito constitucional queden en mans de quen, polo seu cargo institucional, non pode adoptar unha decisión allea ás partes en conflito”, explica a condena, para a que “distinto é que tal fixación a efectúe a Consellería correspondente”.
O propio presidente Feijóo foi preguntado hai un ano pola reiteración de condenas similares contra a Xunta, situación que minimizou poñendo o foco en que noutros casos o Goberno galego é absolto. O importante, segundo a súa tese, non é a reiteración coa que a administración vulnera un dereito fundamental senón as veces en que cumpre a súa obriga de respectar a lei.
“Ao PP éncheselle a boca falando do respecto ás leis e ás sentenzas xudiciais, pero no caso do dereito de folga, perfectamente regulado por lei, fai caso omiso”
A falta de repercusións para as administracións das súas vulneracións do dereito de folga está a impedir, segundo os sindicatos, que corrixan esa práctica. Un proceder que ameaza con estenderse. “Agora o sector privado intenta colarse nesa fraude pedindo servizos mínimos para actuacións de mantemento ou seguridade en empresas”, indígnase a representante da CIG. “Ao PP éncheselle a boca falando do respecto ás leis e ás sentenzas xudiciais, pero no caso do dereito de folga, perfectamente regulado por lei, fai caso omiso”, censura o dirixente de CCOO.
Malia as sentenzas reiteradas, a Xunta insiste no seu proceder. A pasada semana os servizos mínimos da folga na atención primaria foron fixados polo Goberno galego apenas un día antes. E o 12 de decembro está convocada unha folga na educación anunciada a comezos de novembro. Os sindicatos agardan aínda coñecer cando ditará a Xunta os servizos mínimos.