Nova condena á Xunta por vulnerar o dereito á folga, agora nas ambulancias, cunha sentenza que chega oito meses tarde

Fallo da sentenza contra a Xunta pola folga das ambulancias CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior, que xa criticara ao Goberno galego polo seu “comportamento malicioso” reiterado, evidencia a reincidencia da Xunta limitándose a copiar e pegar sentenzas anteriores

O 5 de febreiro, só tres días antes do inicio o 8 de febreiro dunha folga do persoal das ambulancias que traballan para o Sergas, a Xunta fixou uns servizos mínimos do 100% para as urxencias e do 50% para o transporte de doentes non urxentes a consultas, probas ou entre hospitais. A folga prolongouse un mes e medio, que foi o que tardaron as mobilizacións, de incidencia limitada, en lograr unha mellora das condicións laborais, , pero agora, oito meses despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de anular aqueles servizos mínimos por considerar que a Xunta os fixou de forma inxustificada. 

Esta nova condena da Xunta por vulnerar o dereito á folga, tras unha denuncia de CCOO e UGT, é unha máis dunha longa lista de sentenzas similares que se veñen reiterando nos últimos anos e que estableceron, por exemplo, que o Goberno galego fixou igualmente uns servizos mínimos inxustificados en varios departamentos de todo tipo co gallo da folga feminista do 8 de marzo do pasado ano, en diversas folgas e paros na CRTVG  nos que a xustiza chegou a acusar á dirección da empresa pública de "esquirolaxe interna", así como en varios servizos sanitarios, como neste caso, durante varias mobilizacións como a do persoal de atención telefónica do 061 (nese caso cando menos en dúas ocasións, en novembro de 2018 e xaneiro de 2019), na do servizo de mantemento do complexo hospitalario de Ourense e mesmo noutra folga previa das ambulancias en 2018.

Protesta de persoal das ambulancias CC-BY-NC-SA CIG

Na nova condena contra os servizos mínimos da folga das ambulancias, con data do pasado 4 de outubro e divulgada agora polo TSXG, o propio tribunal evidencia a reiteración do comportamento da Xunta, sen matices a respecto de anteriores convocatorias de folga, copiando e pegando fragmentos de sentenzas previas condenatorias do Goberno galego. O tribunal considera que “xa resolveu con claridade as cuestións aquí plantexadas” nesas ocasións anteriores e en particular na folga de ambulancias dun ano antes.

O TSXG di que todo o dito xa por el mesmo en anteriores casos é de aplicación a este, xa que a Xunta estableceu os servizos mínimos con "argumentos xenéricos" pero sen analizar sequera as necesidades das semanas previas aos paros

O TSXG di que todo o dito xa por el mesmo en anteriores casos é de aplicación novamente a este, xa que a Xunta estableceu os anteditos servizos mínimos do 50% para os casos non urxentes sen indicar con base en que estudos concretos das necesidades e amparándose unicamente en “argumentos xenéricos que poden ir referidos a calquera fixación de servizos mínimos no sector do transporte sanitario”. O tribunal chega a afear que o Goberno galego non intentase sequera fixar os servizos mínimos en función das necesidades concretas existentes e cubertas nas semanas previas á folga. A sentenza finaliza condenando tamén á Xunta ás costas procesais nun máximo de 1.500 euros.

Fallo da sentenza contra a Xunta pola folga das ambulancias CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG chegou a criticar o reiterado “comportamento malicioso” da Xunta non só por esa falta de xustificación senón tamén por establecelos pouco antes do inicio dos paros

En anteriores condenas, nas que igualmente se censurou a fixación de servizos mínimos sen xustificalos, o TSXG chegou a criticar o reiterado “comportamento malicioso” da Xunta non só por esa falta de xustificación senón tamén por establecelos pouco antes do inicio dos paros, dificultando así que os sindicatos poidan recorrelos con éxito e que a xustiza se pronuncie a tempo. 

O propio presidente Feijóo foi preguntado hai un ano pola reiteración de condenas similares contra a Xunta, que minimizou poñendo o foco en que noutros casos o Goberno galego é absolto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.