Outra sentenza xudicial contra a Xunta por vulnerar o dereito á folga na central telefónica do 061

CC-BY-NC-SA CIG

O pasado outono o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, laiouse publicamente de que os medios de comunicación publicasen noticias "cando o Tribunal Superior anula os servizos mínimos" ditados polo seu Goberno en diversas convocatorias de folga. "Todas as sentenzas que ditou consolidando os servizos mínimos non son noticia", reprochou. Retrucaba así a unha pregunta sobre a acumulación de condenas á Xunta por vulnerar o dereito á folga en sentenzas xudiciais que mesmo chegaron a lle atribuír un "comportamento malicioso".

O tribunal anula a instancias da CIG os servizos mínimos do 100% na folga da central de chamadas do 061, que a Xunta xustificara argumentando que a ausencia de persoal puña en risco vidas da poboación

As queixas presidenciais chegaban pouco despois de que o alto tribunal galego ditase unha sentenza na que anulaba os servizos mínimos do 100% fixados nunha folga do persoal do 061. Algo moi semellante é o que vén de acontecer cun novo ditame xudicial do TSXG, datado no día 16 deste mes de xaneiro, no que o tribunal ate. A Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal vén de estimar o recurso da CIG contra os servizos mínimos do 100% ditados para a folga desenvolvida polo persoal da central telefónica do 061, servizo contratado á empresa privada Grupo Norte. O sindicato mesmo advertira de que os servizos mínimos foran estipulados apenas "41 minutos antes" do inicio da mobilización.

Segundo a Xunta a mobilización, consistente dous paros de dúas horas en catro días de setembro, implicaría "desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde" que atende o 061 se parte do persoal non ocupaba os seus postos de traballo. A folga, xustificou, tería "consecuencias directas sobre a mortalidade e a supervivencia na poboación" porque o persoal mobilizado é o que "atende sempre o inicio da chamada" na central de urxencias sanitarias.

Instalacións da central do 061 na Estrada CC-BY-SA Xunta

A CIG considerou que a Consellería de Sanidade fixou eses servizos mínimos de forma xenérica, a Fiscalía concordou e o tribunal dálle a razón. Para limitar o dereito á folga, razoa a sentenza, cómpre "expoñer os criterios en virtude dos cales se chegou a identificar" como "esencial" o servizo público afectado e, ademais, determinar que persoal é o que ten que "asegurar" a prestación durante a folga. E Sanidade, considera, non o fixo.

O TSXG lembra que a Xunta debería ser "especialmente rigorosa á hora de xustificar os recortes no dereito á folga", pero nin sequera especificou o número de traballadoras afectadas nin o volume de traballo atinxido pola convocatoria

Así, reprocha o tribunal, a orde que ditou os servizos mínimo nin sequera detalla "o número concreto de telefonistas ou teleoperadoras que prestan os seus servizos no 061" que estarían "afectados polos servizos mínimos". Tampouco cales foron os "criterios seguidos para determinar a necesidade de fixar ou non o 100%". "Ignórase o número de traballadores que integran o plantel e, daquela, a porcentaxe de afectados polo servizos mínimos". 

Nun contexto no que a Administración debe ser "especialmente rigorosa á hora de xustificar os recortes no dereito á folga", máis aínda ante unha convocatoria de paros "discontinuos", a Xunta podería "achegar datos referindo cal é a franxa horaria na que o servizo se ve máis afectado" ou "cantas chamadas telefónicas adoitan atenderse" nos tramos horarios afectados pola folga. Pero só empregou razóns xenéricas, polo que "non se pode afirmar que os servizos mínimos cumpran as esixencias de proporcionalidade" e, por iso, anúlaos e condena á Xunta a pagar as custas procesuais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.