Advertencia en inglés e sen enfermeiro en Lavacolla: as conclusións dunha caída ao baixar dun voo de Ryanair

Vista da terminal do aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

Tras un novo accidente dun pasaxeiro nas escaleiras dos seus avións, agora en Santiago, as autoridades aéreas insisten en recomendar á compañía que avise do risco tamén “no idioma oficial do país” no que opere

O pasado 10 de decembro un pasaxeiro dun voo de Ryanair caeu polas escaleiras ao desembarcar no aeroporto de Lavacolla, en Santiago, e acabou no hospital con varios puntos de sutura. Nos últimos tempos producíronse varios accidentes similares en distintos puntos de España en escaleiras idénticas, as dianteiras pregables que teñen os avións Boeing 737 que habitualmente emprega Ryanair en lugar de usar as que proporcionan os aeroportos ou as pasarelas de embarque. Así que a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac) abriu unha análise do sucedido.

A investigación, que se fixo pública este venres, non busca responsabilidades senón mellorar a seguridade, pero conclúe que a causa da caída foi que o pasaxeiro descendía cunha maleta nunha man e un abrigo na outra, o que “non era acorde coas instrucións de desembarque”. Porén, o documento permite coñecer que esas instrucións, indicando que se debe empregar o pasamáns ao baixar as escaleiras, foron proporcionadas en inglés. A investigación tamén revela que no momento da caída non estaba dispoñible o enfermeiro que hai no aeroporto, polo que o accidentado tardou 29 minutos en ser atendido por unha ambulancia desprazada ata o lugar.

Fragmento da investigación cunha imaxe das escaleiras © Ciaiac

A investigación agora rematada é similar a outras previas sobre accidentes semellantes de caídas en escaleiras pregables de avións Boeing 737 operados por Ryanair o 12 de maio do pasado ano en Alacante, o 13 de xuño en Málaga ou o 16 de xullo tamén en Málaga e en Valencia. As conclusións son que os pasaxeiros non empregaran o pasamáns, no caso do accidente de Santiago por levar nelas unha maleta e un abrigo. 

A Ciaiac constata que Ryanair foi mellorando a seguridade das escaleiras dos seus avións con materiais antideslizantes, advertencias e pasamáns, e que ten letreiros de advertencia no marco da porta dos avións e nos chanzos e comunica aos pasaxeiros antes de desembarcar que deben empregar o pasamáns. Pero esa mensaxe, no caso do accidente de Santiago e outros, foi en inglés, e o propio accidentado, “de nacionalidade española”, non lembraba se a tripulación lle fixera ningunha advertencia.

No caso do accidente de Santiago os investigadores remítense ás recomendacións xa emitidas na investigación previa do sinistro de Alacante de maio do pasado ano, que pediu a Ryanair “que modifique o seu procedemento de desembarque a fin de que tamén dea o seu aviso sobre o uso do pasamáns ao baixar as escaleiras no idioma oficial do país desde o que despegue a aeronave e no do país no cal aterre a aeronave”. Tamén recomendou á empresa “que reforce o seu procedemento de desembarque de tal forma que se a tripulación de cabina de pasaxeiros observa que algún pasaxeiro se dispón a descender polas escaleiras dianteiras sen unha man libre lle recorde a obriga de usar o pasamáns ao baixar estas escaleiras”.

Conclusións da investigación do accidente do pasaxeiro en Santiago © Ciaiac

En Lavacolla hai enfermeiro das 6.30 ás 0.30 horas, pero “no caso de que se produza calquera ausencia motivada por unha baixa, permiso, etc. non se cubre a quenda”; o día do accidente “o enfermeiro tivo que ausentarse e por iso o aeroporto non prestou este servizo sanitario”

A investigación de Santiago tamén permite constatar que no momento do accidente non estaba dispoñible o enfermeiro do aeroporto de Lavacolla, polo que o pasaxeiro tardou 29 minutos en ser atendido por unha ambulancia que o acabou desprazando ao hospital. Segundo a Ciaiac, “o horario no cal os enfermeiros prestan o servizo sanitario” en Lavacolla é en “quendas de mañá-tarde, de 6:30 a 15:30 e de 15:30 a 00:30 hora local”, pero malia que o accidente produciuse ás 13.28 horas este “non se atopaba dispoñible”. O informe sinala que “no caso de que se produza calquera ausencia motivada por unha baixa, permiso, etc. non se cubre a quenda” e constata que aquel día “o enfermeiro do aeroporto tivo que ausentarse e por iso o aeroporto non prestou este servizo sanitario”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.