A investigación oficial atribúe a un controlador que un avión de Santiago se achegase demasiado a outro tras fallar un sistema de seguridade

Torre de control do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro e instalacións da terminal, nunha imaxe de arquivo © Aena

Os días 2 e 3 de outubro de 2018 rexistráronse tres erros dun dos dous sistemas automáticos que evita colisións en voo, un deles cun voo desde Lavacolla con 184 persoas a bordo, pero a análise oficial pon o foco nun erro humano

O 2 de outubro de 2018 un avión de Ryanair que saíra de Santiago cara a Palma de Mallorca con 184 persoas a bordo e outro da mesma empresa entre Sevilla e Toulouse con 160 persoas cruzáronse sobre Navarra achegándose máis do permitido polas normas de seguridade aérea, a un cento de metros en vertical e catro quilómetros en horizontal. Ese día e o seguinte rexistráronse a nivel estatal tres fallos (agora xa detectados e arranxados) dun dos dous sistemas automáticos que evitan colisións en voo, pero a investigación oficial do sucedido conclúe agora sinalando que “a causa do incidente” no que se viu implicado o avión que saíra de Lavacolla “foi a non identificación do conflito por parte do controlador” do sector aéreo existente sobre Navarra.

Recorrido dos avións entre Santiago e Palma de Mallorca, en vermello, e entre Sevilla e Toulouse, en azul © CIAIAC

A investigación aberta sobre o ocorrido hai agora dous anos pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC) vén de ser feita pública hai uns días e nela relátase o fallo do sistema de seguridade e como o controlador aéreo da zona de Navarra e o da de Zaragoza, na que ían entrar os dous voos, non son quen de coordinarse inicialmente para separar as traxectorias dos dous voos que ían á mesma altura tras ser alertados por un terceiro controlador de Burdeos da situación.

“Das dúas barreiras tecnolóxicas para evitar colisións en voo só unha delas funcionou", di a investigación, que o atribúe a "unha incidencia" xa arranxada nun programa informático

Segundo a investigación agora rematada, “das dúas barreiras tecnolóxicas para evitar colisións en voo (STCA e TCAS) só unha delas funcionou: o TCAS”. Ese sistema instalado nos avións alerta aos pilotos da proximidade doutra aeronave e activouse correctamente facilitando que un ascendese e outro descendese, afastando así as súas traxectorias. Porén, previamente non funcionara o outro, o STCA, que segue desde terra as traxectorias dos avións e avisa aos controladores se poden aproximarse demasiado. 

Instrucións dadas aos avións e distancia horizontal en millas (NM) e vertical en pés (ft.) entre eles no seu momento de máxima aproximación CC-BY-SA CIAIAC

“A causa pola que o sistema STCA non funcionou correctamente neste e outros dous eventos de achegamento foi identificada e subsanada por ENAIRE [a empresa pública dependente do Ministerio de Transportes encargada do control aéreo en España] que, de xeito inmediato, aplicou medidas correctoras con resultado satisfactorio”, di a investigación da CIAIAC, que apunta a “unha incidencia” nun programa informático.

"Queres que baixe [o meu voo] por se acaso?", preguntou un controlador ao outro, que contestou "si por favor!", pero o primeiro tardou en facelo, segundo os investigadores, e os dous avións baixaron á vez antes de que outro sistema automático alertase aos pilotos

Malia o erro do sistema, que non alertou aos controladores, a CIAIAC considera que o técnico a cargo da zona de Navarra (sector PAL) transferiu o seguimento dos voos ao controlador da zona de Zaragoza (sector ZGZ, onde se acababa de producir un cambio de quenda entre controladores) sen comprobar que a traxectoria era confluínte. Cando un terceiro controlador de Burdeos alertou da situación, un minuto e 27 segundos antes do máximo achegamento dos avións, os controladores de Navarra e Zaragoza “emitiron instrucións ás dúas aeronaves no mesmo sentido en contra do coordinado previamente”

O de Navarra preguntou ao de Zaragoza se quería que baixase o seu voo, e este respondeulle “si por favor!”, segundo a transcrición da investigación. Porén, segundo a CIAIAC o de Navarra actuou demasiado lentamente e de xeito pouco imperativo, mentres que o de Zaragoza, ao ver que o outro avión non descendía, deulle unha orde similar ao que el controlaba, o que fixo que os dous aparatos se dirixisen a unha mesma altura. 

Diálogos entre os controladores e entre estes e os pilotos recollidos na investigación © CIAIAC

Os pilotos, alertados polo sistema automático que si funcionou, o TCAS, acabaron realizando os movementos opostos que este lles indicou, un ascendendo e o outro descendendo, dándose así por resolta a situación de conflito. A CIAIAC conclúe que malia o fallo do outro sistema, o STCA, que alertaría con máis tempo aos controladores, a causa do incidente foi a actuación do técnico encargado do sector de Navarra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.