Aviación Civil investiga o accidente na xornada de reflexión dun helicóptero de incendios do que a Xunta non informou

Imaxe de arquivo da Xunta dun helicóptero contra incendios e fragmento da investigación CC-BY-SA Praza Pública

O balde de auga do aparato chocou cunha liña eléctrica mentres despegaba para un voo de adestramento do comandante “que acababa de incorporarse na base” do Marroxo, en Monforte

O sábado 11 de xullo, xornada de reflexión para as eleccións galegas do día seguinte nas que o PP revalidou a maioría absoluta, un helicóptero de loita contra os incendios forestais tivo un accidente ao despegar da base do Marroxo, en Monforte, e chocar cunha liña eléctrica. Os seus dous ocupantes resultaron ilesos pero o aparato resultou con danos “importantes”, segundo a investigación técnica oficial que vén de abrir a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac) do Ministerio de Transportes.

Malia resultar tan relevante como para que o investigue a Ciaiac, a Xunta non informou publicamente do accidente do helicóptero, en liña coa súa restritiva política informativa en materia de incendios forestais. Aquel día, e malia rexistrarse outros varios incendios por toda Galicia, a Consellería de Medio Rural só informou da evolución dun na Pobra do Caramiñal que afectou a 47 hectáreas, o único que segundo ela superaba as 20 hectáreas, limiar baixo o cal o Goberno galego non dá conta dos lumes a non ser que afecten a espazos protexidos ou persoas.

Fragmento da investigación aberta pola Ciaiac CC-BY-SA Praza Pública

“O contacto coa liña eléctrica produciu o desprazamento do helibalde, que impactou contra a superficie esquerda do estabilizador horizontal”, sinala a información preliminar da investigación

Segundo a información “preliminar” recollida pola Ciaiac, que pode variar ao longo da súa investigación, o accidente produciuse ás 9.40 da mañá, cando durante o despegue o helibalde, o recipiente no que se carga a auga e que colga baixo o helicóptero, chocou cunha liña eléctrica de baixa tensión situada nas inmediacións da base. “O contacto coa liña produciu o desprazamento do helibalde, que impactou contra a superficie esquerda do estabilizador horizontal”, a ‘cola’ do helicóptero, di a Ciaiac, que engade que “a tripulación notou un vaivén, pero tras comprobar que o helibalde estaba en boas condicións, continuou co voo durante un total de 25 minutos”. 

Foi tras aterrar cando a tripulación comprobou que o helicóptero “presentaba danos no estabilizador horizontal e cono de cola”, danos que a Ciaiac clasifica como “importantes”.

A comisión de investigación tamén está a analizar un incidente hai un ano dun dos dous helicópteros de salvamento marítimo que a Xunta aluga á empresa á que llos vendeu en 2012 por "obsoletos"

A información preliminar dos investigadores sinala que o voo do helicóptero realizábase “cun dobre propósito: realizar un voo de adestramento na base do comandante, posto que acababa de incorporarse na base de Marroxo” e “realizar a proba do helibalde, que fora reparado por perda de auga”. Nesa liña, o aparato, un Bell412, estaba a ser operado por Rotorsun, unha das empresas adxudicatarias este ano dun dos diversos contratos cos que a Xunta opera os seus servizos aéreos de loita contra o lume e que ata agora viñan sendo acaparados maioritariamente por Inaer-Babcock, empresa de cabeceira do Goberno galego.

A Ciaiac tamén ten en investigación un "incidente", de rango menor ao "accidente", dun dos dous helicópteros de salvamento marítimo que a Xunta aluga a Babcock tras venderllo en 2012 por "obsoleto". Hai un ano o aparato con base en Peinador, o Pesca 1, descendeu "inadvertidamente" de 150 a só 15 metros sobre o mar durante un voo nocturno de adestramento sobre a ría de Vigo.

O Pesca 1, un dos dous helicópteros de salvamento marítimo alugado pola Xunta a Babcock-Inaer, a empresa á que os vendeu en 2012 por obsoletos, e que hai un ano tivo un "incidente" tamén baixo investigación da Ciaiac Dominio Público Gardacostas de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.