Así se deixan ver candidatos e candidatas no día de reflexión

Os partidos intentan seguir tendo visibilidade tamén na xornada de reflexión CC-BY-SA Praza Pública

Paseos en lugares concorridos e imaxes de vida en familia predominan entre as estampas preparadas polos partidos para que a cidadanía non esqueza a votación deste domingo

Xa non poden pedir o voto, pero si deixarse ver para que a xente non esqueza as súas caras e as teña presentes este domingo cando se dirixa ao colexio electoral. A xornada de reflexión supón un reto máis para os partidos á hora de buscar unha maior visibilidade que o contrincante, pero máis alá das variacións máis ou menos rechamantes a maioría seguen a optar pola combinación de paseo por lugar concorrido con imaxes de vida en familia.

Feijóo pasea por Vigo coa súa nai

O candidato do PP a revalidar a presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu un paseo polo centro de Vigo, onde votará este domingo, xunto coa súa nai, Sira.

Feijóo e a súa nai en Vigo na xornada de reflexión © PP

O candidato popular foi máis alá do tipo de declaracións que se adoitan facer nas xornadas de reflexión e durante cinco minutos valorou sobre o brote de coronavirus na Mariña que “está diminuíndo a incidencia”, con “bos resultados” fronte aos que “pode haber algún interese polo menos por sementar dúbidas”. Porén, asegurou que “os galegos son moi intelixentes e saberán distinguir entre o ruído e outras cousas” e aventurou que este domingo “obxectivamente non habería ningunha dificultade para poder acudir a un colexio electoral”.

Caballero visita os seus pais en Ponteareas

O candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse á súa vila natal de Ponteareas para visitar aos seus pais.

Gonzalo Caballero cos seus pais en Ponteareas na xornada de reflexión © PSdeG

O candidato socialista salientou que os seus pais, mestres xubilados sempre lles inculcaron a el a súa irmá “a importancia do esforzo, de estudar e formarse, e de ser solidarios e boas persoas”. Este domingo Caballero votará en Vigo.

Pontón ‘terracea’ coa familia na praza de Santiago

A candidata do BNG, Ana Pontón, paseou pola praza de abastos de Santiago e pasou o día coa familia, especialmente coa filla que tivo hai seis meses.

Pontón paseando coa súa familia este sábado xunto á praza de abastos de Santiago © BNG

Pontón animou á cidadanía a votar porque, di, estamos no momento de “definir a Galiza do futuro”, polo que pediu á xente que pense “que Galiza quere construír, con que Galiza soña e que vote pensando en facer realidade ese soño”. Este domingo a candidata nacionalista votará tamén en Santiago.

Gómez-Reino volve ‘mollarse’

O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, convocou aos medios na cala de San Roque, na Coruña, onde votará o domingo, para darse un novo baño e "mollarse", como fixo durante toda a campaña, e finalmente acabou dando un paseo e facendo declaracións.

Gómez-Reino fixo un chamamento a “unha mobilización democrática para cambiar este país" e asegurou que a partir do próximo luns “imos continuar co firme obxectivo de mellorar a vida dos galegos e as galegas”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.