Na que pasou a ser a vella normalidade en oposición á que os gobernos deron en denominar nova normalidade tras o primeiro período de confinamento para frear os contaxios do coronavirus, era estraña a campaña na que non agromaba o debate sobre a conveniencia ou non de suspender actos electorais. Xa fose como mostra de solidariedade e respecto por sucesos tráxicos ou por outras razóns máis simbólicas.
Na carreira cara ás eleccións galegas que finalmente se van celebrar este domingo, o primeiro que houbo que suspender foron as eleccións mesmas, inicialmente convocadas para o 5 de abril e despois reconvocadas para o 12 de xullo entre receos, medos e tensións. Porque se algo houbo na campaña que vén de rematar foron temores e nervios.
Antes de que a covid-19 o puxese todo patas arriba, as eleccións galegas e vascas -que xa viraron binomio- eran lidas como o primeiro proceso electoral do mapa político xurdido do electoralísimo ano de 2019, aquel no que o PSOE logrou ser primeira forza en Galicia por primeira vez na súa historia e no que, tras catro anos de teimosa oposición, o PP non logrou participar da alternancia nos concellos que gobernaban as mareas, onde rexedores socialistas pasaron a soster o bastón de mando na estela do éxito de Pedro Sánchez. Pero veu a pandemia e as eleccións galegas, como todo, pasaron a tratar, en esencia, do coronavirus en Galicia.
Cos mitins con asistencia limitada á forza, a campaña das máscaras e a distancia social deu os primeiros pasos cun debate na CRTVG. Alí, o candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, lembrou por veces a aquel Felipe González de 1993 que acudiu debater con José María Aznar ollando por riba do ombro a un líder da dereita que suplira a ausencia de carisma cunha preparación que o socialista obviara, confiando unicamente na súa ampla bagaxe. Ao contrario que na Galicia de 2020, aquel cara a cara tivera unha segunda volta, que González si prepara ata inverter o acontecido no primeiro encontro.
O debate da CRTVG deixou un sabor agre nas filas populares que non deu marchado en toda a campaña, malia ás boas perspectivas demoscópicas
O visto no debate axudou, neste xullo estraño, a inxectar un chisco de moral nas forzas da esquerda que, segundo as enquisas publicadas, van sentar no Parlamento que se constituirá o vindeiro 7 de agosto. Mentres, nas filas populares deixou un sabor agre que non marchou en toda a campaña, malia que disque os inquéritos non publicables por imperativo legal lles seguían a augurar fortuna para a hora do escrutinio.
O brote da Mariña, sobre todo, e algunha que outra pantasma familiar fugazmente aparecida polos titulares da prensa, desacougan nun PP que espremeu a campaña ao límite, dende os mitins ata as chamadas persoais aos teléfonos fixos do electorado de máis idade. O temor apareceu ata a saciedade nas ideas forza de campaña: dende para atribuír á esquerda a intención de "meter medo" aos maiores ata para axitar o medo a un "multipartito".
Esa confrontación de intanxibles con números, de lóxica política con temores e nervios, atinxiu á dereita é tamén á esquerda, pero con proporcións diferentes na mestura. E tentando, ao tempo, esconxurar os medos axitados dende a dereita dando a entender que o entendemento para gobernar é ben posible.
Nas filas do BNG, por exemplo, percibíronse sensacións que había tempo que non abondaban no seo da formación frontista. Mesmo vertixe. A que provoca, por exemplo, atoparse con máis concorrencia da esperada nun mitin ou as mostras de simpatía cara á súa candidata, Ana Pontón, procedentes de electorado que noutrora apostara por outras forzas políticas. "Fagamos historia", repetiu Pontón, quen reitera a súa aposta por ser a "primeira presidenta" da historia galega. "Quen queira cambio galego, que me siga", pediu na coruñesa Praza de María Pita para pechar a campaña.
Esa confrontación de intanxibles con números, de lóxica política con temores e nervios, atinxiu á dereita é tamén á esquerda, pero con proporcións diferentes na mestura
De liderar un posible cambio falou tamén, e moito, o candidato do PSdeG. Na súa primeira campaña como cabeza de cartel, Gonzalo Caballero despregou unha intensísima axenda de actos coa teimosía de quen acumula moitos anos de militancia de base, as máis das veces contracorrente. Na caravana socialista reiterábase que os números das enquisas non reflicten as sensacións a pé de rúa, "as mesmas", explicou Caballero, que sentían no exitoso 2019. Un picazo na roda do avión que o ía trasladar a Vigo impediu que Pedro Sánchez compartise mitin con Caballero por terceira vez na carreira do 12X e pechar xuntos a campaña no vigués parque de Castrelos. Alí, o alcalde Abel Caballero restou importancia ao imprevisto: a próxima vez que Sánchez viaxe a Vigo, augurou, o seu sobriño será tamén presidente. A implicación do rexedor vigués e dunha amplísima parte do poder local do PSdeG foi unha das grandes diferenzas a respecto da campaña socialista de hai catro anos.
Visitas do Goberno central recibiu tamén a comitiva electoral de Galicia en Común. A coalición de Podemos con Esquerda Unida, Anova e as principais mareas urbanas, con Antón Gómez-Reino á cabeza, viu como os seus actos electorais collían especiais folgos da man da ministra Yolanda Díaz, mesmo máis que co vicepresidente Iglesias. No seu debut nos comicios ao Parlamento, Gómez-Reino veu defendendo que calquera resultado será bo se a suma da esquerda implica mudanza de Goberno. A súa convicción, asegura, é que uns poucos milleiros de votos poden converter a do 12X nunha noite politicamente explosiva.
Chega así á súa fin a carreira electoral. Na noite do 12 de xullo, o reconto seguirase co mesmo temor e nervios que a campaña mesma. A sombra dos comicios municipais franceses, cun forte devalo da participación ao fío da crise do coronavirus, mantén moitos corazóns nun puño, cos latidos aumentando a velocidade ante previsións que poidan tender ao 50%. Cincuenta e seis candidaturas para 75 escanos. Historia repetida ou unha noite histórica.