Os días festivos de Semana Santa, sexa por relixión ou ocio, están a supoñer unha paréntese nas axendas de varios partidos, que en anteriores comicios só pararon por sucesos imprevistos
A última vez que unha campaña electoral foi paralizada en Galicia ocorreu nas autonómicas de 2016. O primeiro día, o venres 9 de setembro, un tren descarrilou no Porriño deixando catro mortos. Todos os partidos suspenderon os seus actos daquel día. Dous comicios antes, nas xerais de 2015, un avión militar estrelárase en Sevilla deixando outros catro mortos, o que tamén afectou á campaña, como tamén o fixeran os atentados do 11-M en 2004. Desta volta, sen sucesos imprevistos polo medio, e sen aclarar se o fan por relixión ou ocio, as axendas de actos para o xoves e o venres santos veñen de reducirse notablemente en PP e PSOE e en menor medida na maioría do resto de formacións.
No PP, tras varios días de intensa actividade de campaña, o último mitin de Feijóo tivo lugar o mércores pola tarde en Vilalba, contemplando a súa axenda pública un único acto o xoves como presidente da Xunta: a recollida dunha medalla dunha confraría relixiosa de Ferrol. Este venres, o principal acto dos candidatos do PP é un paseo por un treito do Camiño de Santiago ao seu paso por Vigo da presidenta do Congreso e aspirante á reelección por Pontevedra Ana Pastor. No PSdeG, o seu tamén especialmente activo secretario xeral, Gonzalo Caballero, si tivo actos o xoves pero non o venres. Pola contra, diversos cargos da Xunta ou de gobernos locais do PSOE, como o vigués Abel Caballero, están a prodigarse en procesións e eventos festivos de todo tipo.
En anos anteriores o PP, que agora reduce os seus actos de campaña, empregou a Semana Santa como campo de batalla político
Ralentizaron PP e PSOE a campaña por respecto relixioso? No caso do PP non parece, xa que en anos anteriores non lle importou empregar a Semana Santa como campo de batalla político. Baixaron o ritmo polo risco de que os seus actos quedasen baleiros por mor dos días de ocio? Porque este sábado non saen á rúa os xornais en papel? O feito é que, en menor medida, tamén a maioría do resto de partidos optaron por actos modestos nestes días festivos, especialmente este venres. A candidata de En Común Unidas Podemos Yolanda Díaz non ten axenda este venres, no que os principais actos convocados pola formación limítanse a declaracións para os medios de comunicación de Antón Gómez-Reino sobre o saneamento da ría do Burgo e contra as touradas.
A situación das rías tamén concentra este venres a atención das campañas de En Marea e Ciudadanos. O portavoz da primeira formación, Luís villares, e a candidata ao Congreso por Pontevedra, Iris Malvido, embárcanse en Marín para comprobar o estado da ría de Pontevedra mentres que en Boiro quen visita ás mariscadoras é o cabeza de lista de Ciudadanos ao Parlamento Europeo, Luis Garicano. Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompaña á cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, nun acto en Vigo de reivindicación da transferencia da AP-9.
Fóra de Galicia, Pedro Sánchez rectificou e agora está disposto a acudir tanto ao debate de TVE como ao de Atresmedia e Oriol Junqueras, nunha rolda de prensa desde o cárcere, asegurou que non facilitará "nin por omisión" un Goberno de extrema dereita
Sen mitins en grandes cidades e sen grandes actos con grandes promesas, a situación fóra de Galicia non semella moi distinta, coa atención informativa máis centrada novamente na forma que no fondo co debate sobre o debate novamente como principal elemento de confrontación despois de que Pedro Sánchez veña de rectificar e agora estea disposto a acudir tanto ao de TVE o luns como ao de Atresmedia o martes.
Tamén a forma (unha rolda de prensa desde o cárcere) máis que o fondo (“non facilitaremos nin por acción nin por omisión un Goberno de extrema dereita en España”) serviu ao candidato de ERC, Oriol Junqueras, para atraer a atención da oitava xornada dunha campaña electoral que agarda pola súa resurrección.