Procesións e festas poboan a axenda da Xunta tras a apoteose de inauguracións

Quintana, no acto de Baiona © Xunta

As do pasado día 30 foron as derradeiras vinte e catro horas nas que os diferentes gobernos puideron realizar inauguracións, presentacións, postas en servizo e demais actos de autobombo sen limitación legal ningunha. Ese día figuraban na axenda do Goberno galego un total de 17 actos, a maioría dos cales non pasaría o filtro da lei electoral se se celebrasen ao día seguinte. Tras esa apoteose de inauguracións a coincidencia da convocatoria oficial das eleccións municipais do 24-M e dos días festivos da Semana Santa reduciu á mínima expresión a actividade da Xunta. O presidente e os conselleiros practicamente desapareceron da primeira liña política nestes días e onde antes figuraban cortes de cinta e descubrimentos de placas agora hai festas e procesións ás que acoden cargos da segunda ringleira de mando en San Caetano.

Despois dos 17 actos do día 30 a xornada seguinte, o 31, o número de actos oficiais pasaron a 11. O 1 de abril foron xa unicamente 6, un deles a reunión semanal do Consello da Xunta, adiantada ao mércores por mor do inicio do período festivo. O día 2, Xoves Santo, a única integrante do Goberno que non puido iniciar a ponte festiva foi a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que xunto á directora xerla de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asistiu á Mostra Culinaria Vive a Lonxa, unhas "xornadas divultativas e gastronómicas na lonxa de Baiona" que percorreron acompañadas polo alcalde da localidade, o popular Jesús Vázquez Almuíña.

A fin das inauguracións e o inicio da Semana Santa fixo que presidente e conselleiros desaparecesen da axenda oficial

O día 3, Venres Santo, nin o presidente nin os conselleiros tiveron actividade ningunha e a axenda oficial tiña tres citas. Pola mañá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á procesión do Encontro en Viveiro -"procesión de El Encuentro", segundo a axenda oficial-. Pola tarde, Castro desprazouse a Ferrol para asistir, tamén na súa condición de cargo público dependente da Presidencia da Xunta, á procesión do Santo Enterro -"procesión do Santo Entierro", indicou o Goberno"-. Quen tamén estivo de garda foi o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, quen asistiu á Feira do Requeixo e o Mel das Neves.

Os actos convocados para este sábado son só de secretarios e directores xerais

Para este sábado a actividade incrementou un chisco, ata un total de sete actos, todos eles protagonizados por secretarios e directores xerais. Así, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participa pola mañá nunha entrega de premios en Vilagarcía e, pola tarde, acode a un partido do Arousa Futbol 7, que se celebra na mesma vila. A responsable de Turismo, Nava Castro, visita unha exposición en Santiago e pronuncia o pregón da Feira de Artesanía e Produtos de Triacastela.

A axenda do primeiro día da fin de semana festiva complétana tres altos cargos de Medio Rural e Mar. O secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, asiste á Festa da Vitela do Bolo, a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, vai á Festa do Queixo de San Simón, en Vilalba, coa delegada da Xunta na provincia e o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, entrega os premios dunha regata en Rianxo.

Quintana, no acto de Baiona © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.