Ao igual que sucedeu hai uns meses coa decisión dos alcaldes da Coruña, Santiago ou Ferrol de non acudir como representantes dos seus concellos a actos relixiosos, tamén a decisión de conceder ou non subvencións ás confrarías de Semana Santa e a contía destas achegas de cartos públicos acabou por converterse nunha polémica política. E, como sucedera coa presenza institucional nas ofrendas, semella ser o Partido Popular o máis interesado en avivar o lume, fronte a posicións máis moderadas nas institucións eclesiásticas ou nas propias confrarías. De feito, foi a moción presentada polos populares a pasada semana no pleno municipal a que acendeu o enfrontamento entre confrarías e Concello.
A Semana Santa ferrolá é un evento de innegable atractivo turístico, acadando o pasado ano a declaración de Interese Turístico Internacional. A implicación das institucións públicas na súa organización fora xa obxecto de debate no pasado, tanto no que respecta ás subvencións directas ou indirectas que reciben as confrarías da cidade (75 mil do Concello, 40 mil da Xunta e 30 mil da Deputación da Coruña) coma a través doutras iniciativas e gastos acordados polo anterior goberno municipal, por exemplo a instalación dunha estatua de bronce representando un neno confrade (o Capuchoncito) pouco antes das eleccións de maio, cun custe de 20 mil euros.
As xuntanzas entre Concello e confrarías foron cualificadas de "cordiais" por todas as partes, agradecendo Carreño "o diálogo"
Trala vitoria electoral da esquerda nos comicios, Jorge Suárez expresou a súa posición favorable, xa manifestada na campaña de Ferrol en Común, de suprimir a subvención á parte relixiosa da Semana Santa, os 75 mil euros destinados a financiar a Xunta de Confrarías, apostando por destinar eses cartos a actividades culturais e á promoción do comercio, a hostalaría e o turismo nesas datas. As declaracións espertaron unha pequena polémica, sobre todo nas redes sociais. Con todo, xa indicaba que en calquera caso a decisión dependería do pacto de goberno que se acadase co PSdeG-PSOE, entre outras cuestións. Co goberno constituído, Suárez mantivo xuntanzas cos representantes das irmandades e confrarías, comezando con Cesar Carreño, presidente da Xunta Xeral, unhas reunións que foron cualificadas de "cordiais" por todas as partes, agradecendo Carreño "o diálogo".
Froito destes contactos, o Concello fixou a súa posición, comprometéndose a conseguir que entre as tres administracións (Xunta, Deputación e Concello) se achegasen 75 mil euros para as confrarías. O pasado ano o Concello de Ferrol entregou eses 75 mil euros en solitario, destinándose a maior parte da subvención de 40 mil euros da Xunta a pagar a retransmisión da TVG -24 mil euros- e outros gastos de promoción, e empregándose os 30 mil euros da Deputación da Coruña á edición da revista Ecce Homo e a impresións de carteis. Ademais, propúxose modificar o actual sistema de subvencións e convenios, apostando pola libre concorrencia, en lugar das subvencións nominativas, para evitar a arbitrariedade e os posibles favoritismos ou exclusións.
Non parecía haber lugar para a polémica, cando no pleno do pasado xoves 29 de outubro o PP presentou unha moción que instaba o Concello a asegurar a entrega dende as arcas municipais deses 75 mil euros para as confrarías, independentemente da achega das restantes administracións. A moción foi precedida doutra iniciativa semellante, presentada a semana anterior no Parlamento galego, que os populares aprobaron en solitario. A moción recibiu os votos favorables de PP e Ciudadanos e foi rexeitada polos restantes grupos. Pola súa banda, o Goberno municipal (FeC+PSOE) presentou unha moción para "garantir que a organización da Semana Santa Ferrolá de 2016 disporá, cando menos, de 75.000 euros procedentes das achegas das distintas Administracións, nomeadamente o Concello de Ferrol, a Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia". Ademais, a moción pide "traballar conxuntamente co resto de Administracións para aproveitar as potencialidades da Semana Santa como reclamo turístico, favorecendo a promoción e difusión da totalidade dos recursos turísticos da nosa cidade e do seu entorno, de forma que o cheo absoluto que presenta Ferrol durante estes días contribúa ademáis decisivamente a dar ocupación a todo un sector turístico sostible durante o conxunto do ano”.
No pleno Beatriz Sestayo, tenente de alcalde, acusou o PP de "buscar confrontación e rendibilidade política" alentando o enfrontamento, despois de que a voceira popular Martina Aneiros acusase o goberno municipal de ter un "posicionamento sectario", entre os aplausos de membros das confrarías, convocados a través das redes sociais.
A reacción dos representantes das confrarías, que ata a celebración do pleno fora de diálogo e colaboración co Concello, virou nun enfrontamento directo
A reacción dos representantes das confrarías, que ata a celebración do pleno fora de diálogo e colaboración co Concello, virou nun enfrontamento directo, ameazando o presidente da Xunta Xeral con suspender as procesións en 2016 se non reciben a subvención municipal e destacando que anteriores gobernos municipais de PSOE e BNG si mantiveran as axudas públicas. Posteriormente, César Carreño matizou a súa postura, afirman que "só se suspenderían en caso extremo" e engadindo que "se o Concello non achega o suficiente buscaremos apoio de empresas ou mesmo reduciremos o número de procesións".
O Goberno local recibiu con certa sorpresa esta polémica, cualificando o alcalde este luns como "unha actitude errónea" as ameazas lanzadas polas confrarías. Suárez destacou “nunca nos pechamos ao diálogo" que "tiñamos unha proposta concreta e ben definida”, co obxectivo “tentar presionar conxuntamente con eles a outras administracións para acadar un financiamento suficiente”. O rexedor engadiu que, malia o órdago lanzado polas confrarías “sempre terei as portas abertas ao diálogo e ao entendemento” e acusou o PP de crear un enfrontamento que non existía: “En ningunha das xuntanzas houbo momentos de tensión ou conflito. A moción do PP polarizou as posicións".
Ferrol quere que a Xunta se implique no financiamento da Semana Santa, de xeito que a súa achega de 40 mil euros vaia destinada á súa organización e non a pagar a retransmisión da CRTVG
Este luns, ademais, Suárez reiterou a posición do Goberno local, xa expresada a través do moción presentada no pleno. O primeiro obxectivo é conseguir que a Xunta se implique no financiamento da Semana Santa de Ferrol, de xeito que a súa achega de 40 mil euros vaia destinada á súa organización e non a pagar a retransmisión da CRTVG e a inserción de publicidade. Neste caso, o Concello de Ferrol completaría os restantes 35 mil euros, de xeito que as confrarías mantivesen o actual financiamento. Suárez cre que sería "unha vergoña" que a Xunta non accedese a colaborar coa organización da Semana Santa. Pola súa banda, a Deputación da Coruña, que ata agora non contribúe directamente aos gastos das irmandades, non semella que vaia facelo o vindeiro ano.
As confrarías compostelás non ven problema en que o Concello non as subvencione
Santiago non manterá a actual subvención de 3.800 para a xunta de confrarías que nos últimos anos figuraba nos orzamentos municipais
Mentres todo isto sucedía en Ferrol, en Compostela o seu alcalde, Martiño Noriega, anunciou este martes que o Concello non manterá a actual subvención de 3.800 para a xunta de confrarías que nos últimos anos figuraba nos orzamentos municipais. Tras reunirse cos representantes destas entidades, o rexedor sinalou que "os fondos públicos deben estar para outras cuestións", aínda que o Concello si manterá a súa colaboración con esta celebración a través dos dispositivos de seguridade ou mesmo da cesión da banda de música.
A achega económica que desaparecerá é, polo tanto, moi inferior á que se discute en Ferrol e, ademais, nin sequera chegou a cobrarse aínda a do ano pasado, ao estar retida por Intervención, que a considera unha "subvencións encubertas". Isto non foi obstáculo para que El Correo Gallego lle dedicase este mércores 4 de novembro unha parte importante da súa portada en papel co titular "Bofetada del alcalde 2.0 a las cofradías. Ni un euro de subvención".
As confrarías compostelás sinalan que "as procesións seguirán saíndo como ata agora" porque "non dependemos das subvencións do Concello para sacalas"
En calquera caso, dende as propias confrarías restouse importancia de inmediato á decisión do Concello, sinalando o seu presidente, Antonio Llovo, que "as procesións seguirán saíndo como ata agora" porque "non dependemos das subvencións do Concello para sacalas". As confrarías manifestaron a súa satisfacción á saída da xuntanza con Noriega, confiados en que haberá colaboración do concello para a promoción turística da Semana Santa compostelá, e que se non é a través do Goberno local esta colaboración chegará "a través doutras canles", citando a Xunta, a Cámara de Comercio ou á propia hostalaría da cidade.