O PP reabre, na ofrenda á Virxe dos Remedios, o debate sobre a asistencia de alcaldes a actos relixiosos

O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, realizou a ofrenda á Virxe © Xunta

Debe un representante público, nun Estado aconfesional, participar como tal nunha cerimonia relixiosa? O debate, aberto hai uns meses trala decisión dos rexedores da Coruña e Compostela de non acudir ás ofrendas ao Santísimo Sacramento e ao Apóstolo en representación das súas respectivas institucións, volve estar sobre a mesa, trala decisión do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, de non participar este domingo na ofrenda á Virxe dos Remedios, realizada en Mondoñedo. Suárez sinalou que non acudiu por tratarse "dun acto relixioso, non institucional" e engadiu que "como alcalde de Ferrol, preferín estar na concentración de apoio aos refuxiados [celebrada á mesma hora na cidade departamental] que pedindo emprego á Virxe dos Remedios diante de Rouco Varela".

"Como alcalde de Ferrol, preferín estar na concentración de apoio aos refuxiados que pedindo emprego á Virxe dos Remedios diante de Rouco Varela", sinalou Suárez

Aínda que as críticas populares á esta decisión foron máis contidas das que hai uns meses lanzaron a Noriega e Ferreiro, a alcaldesa de Mondoñedo (e presidenta da Deputación de Lugo), Elena Candia, si sinalou que aínda que "respecta" todas as decisións, "paréceme que debería estar aquí". Tamén o ex alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, afirmou que el si tería acudido ao acto relixioso representando o Concello e que "as institucións están por riba das persoas". A posible polémica, en calquera caso, parece interesar máis ao Partido Popular que á propia Igrexa Católica, que non se pronunciou sobre a ausencia dos e das representantes do Concello de Ferrol. Xa hai uns meses o propio arcebispo compostelán, Julián Barrio, e o deán da Catedral quitáronlle ferro ao asunto, e colectivos cristiáns de base consideraron "axeitado e responsable" que os representantes públicos non vaian "oficialmente" a actos relixiosos.

O alcalde de Vilalba pediulle á Virxe dos Remedios "sabedoría" para "dar solución ao cotián e ao extraordinario", en relación a tres asuntos: a situación da mocidade, a dos refuxiados, e a dos traballadores do campo

Na ofrenda á Virxe dos Remedios si participou o Goberno galego, representado polo seu vicepresidente, Alfonso Rueda, e pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez. Ademais da xa referida Elena Candia, tamén acudiron José Manuel Barreiro (portavoz popular no Senado), o deputado José Manuel Balseiro e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, encargado de realizar a ofrenda. Criado pediulle á Virxe dos Remedios "sabedoría" para "dar solución ao cotián e ao extraordinario", en relación a tres asuntos: a situación da mocidade, a dos refuxiados e inmigrantes, e a dos traballadores e traballadoras do campo. A cerimonia relixiosa, que foi seguida dunha procesión e un xantar, estivo presidida polo cardeal Antonio María Rouco Varela, xa que a diócese Mondoñedo-Ferrol está pendente da designación dun novo bispo.

O vicepresidente Alfonso Rueda e a conselleira Ethel Vázquez participaron no acto relixioso © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.