Fomento investiga un incidente dun helicóptero de salvamento alugado pola Xunta tras vendelo en 2012 por “obsoleto”

O Pesca 1, un dos dous helicópteros de salvamento marítimo alugado pola Xunta a Babcock-Inaer, a empresa á que os vendeu en 2012 por obsoletos Dominio Público Gardacostas de Galicia

O 26 de xullo, durante un voo nocturno de adestramento na ría de Vigo, o aparato descendeu “inadvertidamente” de 150 a só 15 metros sobre o mar, o que está a ser analizado pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil

O pasado 26 de xullo, durante un voo nocturno de adestramento na ría de Vigo, un dos dous helicópteros de salvamento marítimo da Xunta, o Pesca 1, con base nesa cidade, descendeu “inadvertidamente por parte da tripulación” a “tan só 50 ft sobre o mar” (uns 15 metros). “Obrigados a realizar unha manobra brusca” para volver ascender, a tripulación e a aeronave resultaron ilesas, pero o “incidente” está a ser investigado pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac) do Ministerio de Fomento. O helicóptero é un dos dous aparatos que a Xunta tiña en propiedade e vendeu en 2012 argumentando que ían quedar “obsoletos”, pero que desde aquela vén alugando á empresa que os mercou e que presta o servizo autonómico de salvamento.

Resumo preliminar do incidente do helicóptero de salvamento que está a investigar a Ciaiac CC-BY-SA Praza Pública

A información preliminar da comisión de investigación sinala que tanto os cinco tripulantes como a aeronave resultaron ilesos tras verse "obrigados a realizar unha manobra brusca"

Segundo a información preliminar feita pública pola comisión de investigación, “o venres 26 de xullo de 2019 a aeronave Sikorsky S76 C+, matrícula EC-JES [o helicóptero Pesca 1 de Gardacostas da Xunta con base en Vigo], sufriu un incidente ao descender inadvertidamente por parte da tripulación, ata unha altitude de 50 ft [15 metros] sobre o nivel do mar, durante a realización dun voo de adestramento e verificación sobre a ría de Vigo”. 

O helicóptero despegara do aeroporto de Peinador, “con piloto, copiloto, rescatador, operador de grúa e instrutor a bordo” para realizar a simulación dun rescate nas proximidades dun acantilado. O relato preliminar da comisión indica que ás 23.15 horas, “cando o helicóptero estaba descendendo cara a 500 ft [150 metros] de altitude, posicionándose para o inicio do adestramento, a tripulación percatouse de que a aeronave se atopaba descendendo a un réxime alto e a tan só 50 ft [15 metros] sobre o mar, véndose obrigados a realizar unha manobra brusca que permitise que o helicóptero pasase a un réxime de ascenso invertindo o réxime de descenso en que se atopaba”. “Os ocupantes resultaron ilesos e a aeronave sen danos”, remata a información preliminar da Ciaiac coa que agora dá inicio á investigación do ocorrido. 

A Consellería do Mar non comenta o incidente que agora investiga Fomento

A Consellería do Mar, da que depende Gardacostas de Galicia, foi preguntada este xoves por este diario polo incidente e, en concreto, se o mesmo ten relación co feito de que o helicóptero sexa un dos que en 2012 a propia Xunta dicía que ían quedar obsoletos e por iso os vendía. O departamento que desde aquela segue dirixindo Rosa Quintana nada respondeu aínda.

No seu momento a Xunta xustificou a venta e posterior alugueiro dos helicópteros argumentando que o contrario sería tender "a unhas condicións obsoletas co paso do tempo"

O aparato agora implicado no incidente baixo investigación é un dos dous helicópteros modelo Sikorsky S-76 C+ que a Xunta de Manuel Fraga comprou en 2005, tras a catástrofe do Prestige, por 27 millóns de euros, e que teñen as súas bases en Vigo e Celeiro. En 2012 o Goberno de Feijóo vendeunos pola metade, 13 millóns, á mesma empresa que xa os viña operando e á que desde aquela llos segue alugando cun custo anual do servizo superior. Aquela operación de venta e posterior alugueiro foi defendida pola Consellería do Mar argumentando que “o contrario sería anquilosarse, tender ao monopolio e a unhas condicións obsoletas co paso do tempo”. 

O Pesca 1, con matrícula EC-JES, implicado no incidente agora investigado © Gardacostas de Galicia

O Consello de Contas criticou a venta e alugueiro dos helicópteros porque a Xunta non realizou "ningún estudo sobre a repercusión" da operación nas contratacións futuras do servizo

O propio Feijóo dixo que ao desfacerse da propiedade dos aparatos e pasar a contratalos externamente “cada cinco anos a Xunta terá a opción de licitar outra vez este concurso e poder ofertar as empresas helicópteros máis modernos e helicópteros con máis prestacións”. Porén, iso non sucedeu e os helicópteros seguen a ser os mesmos, agora con sete anos máis de antigüidade a respecto do momento da súa venta. 

Aquela operación foi criticada no seu momento polo Consello de Contas, que censurou que non se fixese “ningún estudo sobre a repercusión da venta dos helicópteros” nas contratacións futuras do servizo. Se antes de 2012 o custo de mantemento anual do servizo era de 7,5 millóns de euros, en 2017 a Xunta adxudicouno para o seguinte lustro por 8,5 millóns ao ano. O Goberno galego argumentou que o incremento se debía a que agora se esixen novas condicións á empresa que presta o servizo, Babcock, que se fixo coa antiga Inaer, operadora da gran maioría dos servizos aéreos de helicópteros de incendios ou emerxencias do Goberno galego e investigada a nivel estatal no marco do denominado cartel do lume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.