A Consellería do Mar indica que o aparato involucrado nun incidente baixo investigación ten autorización para seguir voando e que no caso de ter que parar moito tempo sería substituído por outro similar
O incidente dun dos dos helicópteros de salvamento marítimo da Xunta ocorrido o pasado 26 de xullo na ría de Vigo que está a ser investigado por Fomento non implicou a paralización da aeronave, que segue a voar sometido ás inspeccións e revisións permanentes habituais nese tipo de aeronaves. Así o salienta a Consellería do Mar, que indica que no caso de que algún dos dous aparatos tivese que ser paralizado sería substituído por outro coa mesma capacidade operativa ata a súa reparación.
A Consellería do Mar, da que depende Gardacostas de Galicia, foi preguntada este xoves por este diario polo incidente e, en concreto, se o mesmo ten relación co feito de que o helicóptero sexa un dos que en 2012 a Xunta vendeu argumentando que ían quedar “obsoletos” pero que desde aquela segue a alugar á empresa que presta o servizo. A resposta de Mar chega unha vez publicado o incidente e nela o departamento que dirixe Rosa Quintana sinala que é coñecedora do ocorrido e que está “a disposición da comisión de investigación para calquera asunto que lle sexa requirido”. Nada di a consellería sobre o proceso polo que hai sete anos se desfixo da propiedade deses aparatos para agora seguir alugándoos.
Mar salienta que as inspeccións para poder voar corresponden a Aviación Civil pero que neste caso non se tivo que paralizar a operatividade do aparello
O Goberno galego subliña que “en todo caso, as aeronaves están obrigadas por lei a pasar inspeccións moi rigorosas de forma periódica para garantir a seguridade durante o voo. Todo este control corresponde a Aviación Civil e en caso de non superar algunha das probas, os helicópteros non poden operar”. Mar destaca que “o incidente non foi considerado grave posto que o helicóptero está a operar con normalidade e as autoridades competentes non adoptaron medidas cautelares para evitar riscos, co que nin sequera se tivo que paralizar a operatividade do aparello”.
A consellería salienta que “estes helicópteros seguen tamén un protocolo de mantemento preventivo e correctivo periódico que leva a unha revisión permanente dos equipamentos do aparello. Neste senso, no caso de detectarse calquera anomalía que puxese en risco o voo, procederíase a decretar a inoperatividade do helicóptero e, de estenderse esta situación, á súa substitución temporal por outro aparello coa mesma capacidade operativa ata o arranxo das anomalías ou avarías”. “En todo caso, e sempre en base ao criterio dos técnicos, a Consellería do Mar procedería a deter a operatividade do helicóptero involucrado neste feito de non darse as condicións óptimas de seguridade para o seu voo”, conclúe a Xunta.