“Realizaba un ascenso por riba dunha ladeira moi pronunciada e precipitouse”: Comeza a investigación do accidente do hidroavión en Lobios

Imaxe do avión accidentado en Lobios divulgada por @BrifLaza e fragmento da investigación aberta © Praza Pública - @BrifLaza

Aviación Civil fai pública a “información preliminar” do sinistro no que morreu o copiloto e resultou ferido grave o piloto

Este martes a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac) fixo pública a denominada “información prelimiar” coa que vén de abrir a investigación sobre o accidente do hidroavión portugués que loitaba contra o lume en Lobios o 8 de agosto no que faleceu o copiloto e o piloto resultou ferido grave. Segundo esa información preliminar, “mentres realizaba un ascenso, voando por riba dunha ladeira de pendente moi pronunciada, precipitouse contra o terreo”

A Ciaiac sinala que “os dous ocupantes resultaron feridos de gravidade, pero puideron abandonar o avión polos seus propio medios e afastarse ata quedar fora do alcance das chamas” dun pequeno incendio que se orixinou diante da aeronave tras o impacto. Ese incendio foi sufocado polas brigadas que traballaban na zona pero “o copiloto faleceu mentres era atendido polos servizos de emerxencia e o piloto foi trasladado en helicóptero a un centro hospitalario de Portugal”, mentres que “a aeronave resultou destruída”.

Información preliminar da investigación aberta pola Ciaiac sobre o accidente do hidroavión en Lobios CC-BY-SA Praza Pública

A descrición inicial que a Ciaiac fai do sinistro fíxao nas 12.20 horas e sitúao no “Concejo de Lobios”, onde o avión participaba na extinción dun incendio que acabaría queimando máis de 400 hectáreas do parque do Xurés. O aparato estaba operado por Babcock Portugal, filial da multinacional que é a empresa de cabeceira da Xunta para a gran maioría dos seus servizos aéreos de emerxencias, salvamento ou extinción. 

A Ciaiac ten abertas tamén investigacións dun accidente dun helicóptero de incendios da Xunta na xornada de reflexión do 12X e outra dun incidente hai un ano dun dos aparatos de salvamento marítimo

As investigacións da Ciaiac adoitan durar meses. Ademais desta que agora se abre a entidade ten tamén en marcha outra por outro accidente ocorrido cun helicóptero contra incendios da Xunta o 11 de xullo, na xornada de reflexión das eleccións galegas, do que o Goberno galego non informou. A Ciaiac tamén ten aberta desde hai un ano unha investigación sobre outro incidente doutro helicóptero da Xunta, un dos dous de salvamento marítimo que a Xunta aluga a Babcock tras venderllo en 2012 por obsoleto.

Imaxe de arquivo da Xunta dun helicóptero contra incendios e fragmento da investigación aberta sobre o accidente ocorrido o 11 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.