Feijóo defende o estudo de 30.000 euros sobre aeroportos: a Xunta precisa "formación"

Feijóo, con Rueda e Hernández no Consello © Ana Varela

Na tarde do pasado luns reuníase por primeira vez o Comité de Coordinación Aeroportuaria, unha xuntanza en Compostela da que saíu o acordo de que o Ministerio de Fomento elaborará un plan estratéxico para coordinar a actividade das tres terminais galegas e tentar que dean competido ante o Sá Carneiro do Porto. Como adiantou Praza Pública, esa mesma mañá a Xunta iniciaba, a través da Axencia Turismo de Galicia, os trámites para encargar, a través dun procedemento negociado sen publicidade, a elaboración de, precisamente, un "plan estratéxico do sistema aeroportuario de Galicia", cun impacto de 30.000 euros nas arcas públicas. Este xoves, o presidente da Xunta tentou xustificar esa duplicidade de estudos.

A preguntas da prensa tras a reunión semanal do Consello da Xunta Feijóo enmarcou esta decisión de Turismo -que depende directamente da Presidencia da Xunta- no "asunto que vén constantemente coleando" a respecto da coordinación dos aeroportos e no que, non obstante, admite que Fomento é o organismo "competente exclusivo". Pero malia non ter competencias, argumenta, no Goberno galego "nos formamos e nos informamos" porque "parece razoable que se alguén forma parte dunha comisión" como a acabada de crear "leve formación especializada ao respecto".

Feijóo evidencia que os aeroportos son competencia "exclusiva" de Fomento, pero defende a contratación do estudo

Non obstante, na propia exposición ante os xornalistas o presidente xa realizou, brevemente, parte do diagnóstico que Turismo lle reclama á empresa adxudicataria. Así, mentres a axencia pública pagará por que lle realicen unha "descrición" da xestión de AENA nos tres aeroportos e "detalles" sobre a "oferta actual de voos", Feijóo xa ten claro que a situación actual dos aeródromos é "consecuencia de tres cuestións", non só en Galicia, senón tamén no conxunto do Estado. Os problemas, diagnostica, son "a reestruturación profunda que está sufrindo Iberia despois da alianza con British [Airways], a creaba de Spanair e o feito de que Ryanair sexa a compañía que máis viaxeiros move en tráfico doméstico". "Esas tres circunstancias están producindo unha diminución da competitividade", conclúe.

"Parece razoable que se alguén forma parte dunha comisión leve formación especializada ao respecto"

Neste contexto, o presidente da Xunta asegura que, apoiándose no estudo encargado, o seu Executivo vai "colaborar lealmente" co ministerio de Ana Pastor. "As nosas propostas serán técnicas e exclusivamente baseadas en criterios profesionais" que non serán, "polo tanto, nin partidistas nin localistas" porque "nos preocupa Galicia no seu conxunto". Do mesmo xeito, Feijóo aproveita para remitir un recado que parece encamiñado á única cidade con aeroporto non gobernada polo PP: Vigo. "Os concellos que queiran sumarse poden contar coa nosa colaboración", non así "os que se guíen por criterios partidistas, localistas ou caprichosos". Os municipios que queiran "maior conectividade" aeroportuaria poden "contar coa Xunta", os que queiran "fundir a súa cidade", non, sentenza.

Así as cousas, o Goberno galego segue adiante coa contratación do seu estudo mentres Fomento se dispón a elaborar o seu. Só resta, polo tanto, saber cal será a empresa que se fará cargo da elaboración do documento. As compañías convidadas -cuxos nomes o Executivo non revela a priori- teñen ata este vernes ás dúas da tarde para presentaren as súas ofertas.

Feijóo, con Rueda e Hernández no Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.