O TSXG obriga o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a facer indefinida a unha educadora infantil contratada desde 2010 con sucesivas interinidades e que nun só ano sumou 19 contratos en 9 concellos distintos
Hai anos que familias e persoal veñen denunciando a precariedade laboral nas escolas infantís da Xunta, tanto nas da Axencia Galega de Servizos Sociais directamente dependente da Consellería de Política Social como nas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conformado a medias polo Goberno galego e diversos concellos. Sobre estas últimas, baixo a marca A Galiña Azul, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén emitindo nos últimos meses diversas sentenzas obrigando a facer persoal indefinido a traballadoras que viñan sendo empregadas durante anos con sucesivos contratos de interinidade.
Unha desas sentenzas, emitida o pasado 10 de setembro, é reveladora da temporalidade e precariedade das contratacións: unha educadora infantil tivo ata 30 contratos de interinidade durante 8 anos que a fixeron desprazarse por escolas de 12 concellos distintos da provincia de Pontevedra.
A sentenza agora feita pública polo TSXG, que ratifica o "abuso" na contratación temporal e establece que a muller debe ser considerada indefinida, recolle as datas e lugares das sucesivas contratacións interinas. Comezaron en decembro de 2010 e durante os oito anos seguintes a muller acumulou 30 contratos sucesivos, a metade de menos dunha semana e ata 2016 ningún chegou a un ano de duración. En 2018 a muller iniciou outro contrato de interina pero tamén de longa duración durante o cal en 2022 formulou a reclamación xudicial que agora vén de darlle a razón.
O tribunal vén constatando en varias sentenzas dos últimos meses o "abuso" e a "duración excesiva" da contratación por interinidade nas escolas infantís
Sobre o seu caso, o TSXG constata que "leva contratada como interina desde 3/12/2010, coa mesma categoría, polo que á data de presentación da demanda existe unha duración que se considera como excesiva sen que se acredite que a demandada convocase procesos selectivos para a cobertura regulamentaria das prazas vacantes en distintas localidades polas que rotou".
E foron unhas cantas as localidades polas que rotou: Barro, O Grove, Nigrán, Gondomar, Pontevedra, Vigo, As Neves, Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Poio, Mos e Tui, en varias delas traballando en varias ocasións.
Se en 2013 traballou en dous sitios tan afastados como As Neves e O Grove, en 2014 a muller chegou a contar 19 contratos que a fixeron rotar por escolas infantís de 9 concellos distintos. 13 deses contratos tiveron unha duración de menos dunha semana. Entre un contrato e o seguinte apenas pasaban uns días e o maior tempo que pasou sen estar contratada foi durante pouco máis dun mes coincidente coas vacacións de agosto das escolas infantís. Só no mes de maio daquel ano a muller traballou en escolas infantís da Galiña Azul de Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Vigo e Nigrán.
Este caso que agora revela a sentenza do TSXG é significativo pero non é único. En febreiro o mesmo tribunal emitía outra sentenza convertendo tamén en indefinida a outra educadora infantil que acumulara 20 contratacións interinas entre 2011 e 2018, cando iniciou o contrato no que acabou denunciando a súa situación ante a xustiza. No seu caso tivo 5 contratos en 2013, 7 en 2014 ou 6 en 2015, a maioría deles duns poucos días.