"Por que estivo tapando e ocultando durante meses que o ex-conselleiro do Mar estaba denunciado por unha agresión sexual". É a pregunta que o BNG reclama que o presidente da Xunta responda nunha comparecencia específica no vindeiro pleno do Parlamento, que principia o martes día 10.
"O que está dicindo é que cando unha muller denuncia, o presidente en vez de poñerse do seu lado, ponse do do presunto agresor", coida a líder do BNG, que reclama alterar a orde do día do vindeiro pleno para inserir unha comparecencia do presidente sobre o caso Villares
Despois de que Alfonso Rueda confirmase que foi o pasado febreiro cando coñeceu a denuncia por un presunto delito contra a liberdade sexual polo que o Tribunal Superior imputou a Alfonso Villares esta semana, a portavoz nacional do Bloque advirte de que "queremos saber se nese momento o señor Rueda xa sabía da gravidade dos feitos". E se nese caso, se "simplemente, mirou para outro lado", subliña Ana Pontón.
Para a líder do primeiro grupo da actual oposición, o que é innegable é que Rueda "mantivo isto en segredo durante meses" e "unha vez que se coñece, non só non cesa o conselleiro, senón que se utilizan as institucións públicas para tentar dicir á sociedade que é inocente". Por todo isto, o BNG solicitou formalmente unha alteración da orde do día do pleno para inserir a comparecencia de Rueda, solicitude que previsiblemente o PP freará.
Advirte Pontón que, en calquera caso, a formación soberanista empregará outras vías para reclamar explicacións por unha "posición do Executivo de Rueda que revictimiza as mulleres" que denuncian casos de violencia machista. "O que está dicindo é que cando unha muller denuncia, o presidente en vez de poñerse do seu lado, ponse do do presunto agresor", cre.
Neste sentido, a portavoz nacional do BNG tamén censura que, tras a dimisión, Villares fose "despedido entre bicos e apertas" polo resto do Goberno. "Son unha auténtica vergoña e unha humillación a todas as mulleres do país", reprocha.
"Nin unha palabra" para a denunciante, pero si "vulneración do anonimato"
O xeito en que os membros do Goberno galego evidenciaron o seu apoio a Villares, tanto a través das redes sociais como no acto de toma de posesión da nova conselleira do Mar, Marta Villaverde, é tamén reprochado polo PSdeG. A súa secretaria de organización, a tamén deputada Lara Méndez, censura o que "pareceu máis un acto de homenaxe ao conselleiro saínte que un reproche á violencia contra as mulleres".

Lara Méndez (PSdeG) ve no Goberno galego un exemplo de "machismo institucional" por "non tomar medidas cando coñeceron a denuncia" e, agora, ao "vitimizar novamente" á denunciante
O acontecido, lamenta Méndez, é no seu conxunto un exemplo de "machismo institucional". A comezar, cre, por que "Rueda tiña que ter tomado medidas cando coñeceu a denuncia" pero "non afastou, senón que o mantivo no cargo e nas súas facultades". E agora, di, non dedicando "nin unha soa palabra" á muller denunciante, pero si contribuíndo a "vulnerar o seu anonimato".
Con estas condutas, di a socialista, a Xunta está contribuíndo a "vitimizar novamente ás que sempre sofren os abusos. Nesta liña, o Grupo Socialista anunciou tamén iniciativas para reclamar saber, entre outros aspectos, a orixe da "filtración" do nome da denunciante.