Rueda traslada á conferencia de presidencias a mensaxe de Feijóo, diluída por Ayuso

Os presidentes e presidentas das autonomías, con Pedro Sánchez, o rei, a presidenta do Congreso e o seu homólogo do Senado, este 6 de xuño en Pedralbes (Barcelona) © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

O marco 'eleccións xa' que a dirección do PP encomendou aos seus dirixentes territoriais para a cita con Pedro Sánchez vira en 'linguas oficiais diferentes do castelán, non' por mor das manobras da presidenta de Madrid

A apenas dous días da manifestación na que a dirección estatal do PP prevé esixir o cesamento do Goberno de España equiparándoo cunha "mafia" contraria á "democracia" onde Pedro Sánchez non exerce como presidente, senón como "capo", o poder territorial dos populares sentou á mesma mesa que o tamén líder do PSOE. Foi en Barcelona, na vixésimo terceira Conferencia de Presidencias autonómicas.

Alí a representación do PP tiña a encomenda de reclamar a convocatoria de eleccións xerais anticipadas, alén de sinalar que a cita resulta inútil para chegar a acordo ningún por culpa de Sánchez. As directrices lanzadas pola cúpula que dirixe o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo foron aplicadas por varios presidentes e presidentas do PP; tamén polo galego, Alfonso Rueda. Pero a mensaxe quedou en boa medida diluída pola posta en escena da súa homóloga de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, saúda o presidente da Generalitat catalá, Salvador Illa, no inicio da Conferencia, este 6 de xuño en Barcelona CC-BY-SA Xunta

O marco 'eleccións xa' virou en 'linguas oficiais diferentes do castelán non' cando a dirixente madrileña cumpriu a súa advertencia de abandonar a xuntanza cando algún dirixente falase en galego, catalán ou éuscaro nun foro no que ata agora estaban vetados. E, efectivamente, Ayuso saíu da xuntanza cando comezou a falar o lehendakari, Imanol Pradales, que empregou a súa lingua e tamén o catalán -por celebrarse o encontro en Barcelona- e máis o castelán. Previamente, a presidenta de Madrid mantivo un enfrontamento público coa ministra de Sanidade, Mónica García, antiga líder da oposición no parlamento madrileño.

O presidente reduce a conferencia a unha "foto" e unha "sucesión de monólogos", pero admite que ve "aceptables" algunhas das iniciativas propostas por Pedro Sánchez en materia de vivenda

Rueda, pola súa banda, si compartiu unhas palabras en galego, salientou "o privilexio de ter dúas linguas na miña terra" -explicou posteriormente en conferencia de prensa- e despois "por operatividade" empregou o castelán. Esta cuestión, de calquera xeito, embazou moitas outras. Que "o mellor sería convocar eleccións", en verbas de Rueda, e mesmo a crítica de que a Conferencia se limitou a "unha foto", critica o presidente da Xunta.

"A miña valoración xeral" é como na anterior cita, asegura: unha "sucesión de monólogos", engadida a unha crítica a Sánchez por "non someter nada a votación". "Eu mesmo preguntei se era porque o Goberno estaba en contra de todas as propostas formuladas polas comunidades autónomas" e Sánchez, di, respondeu: "Si, iso é".

Plenario da Conferencia de Presidencias Autonómicas, presidida por Pedro Sánchez e con Alfonso Rueda á esquerda da imaxe © Pool Moncloa/Fernando Calvo

Posibles acordos sobre vivenda

Admite Rueda, non obstante, que a Xunta mesmo "pode chegar a ver aceptables" algunhas das propostas relativas a políticas de vivenda que Pedro Sánchez apostou por converter no centro da xuntanza. Entre elas, que o próximo Plan Estatal de Vivenda pase de 2.300 a 7.000 millóns de euros, o 60% achegados polo Goberno de España, que todas as vivendas protexidas sen excepción teñan esta cualificación indefinidamente ou unha base de datos pública que outorgue máis transparencia tanto ao mercado de compra como ao de alugueiro.

En plena viraxe do Goberno galego nesta materia -a Xunta reduciu a vivenda protexida en xeral e a de promoción pública en particular á mínima expresión na última década e media-, Rueda di ver marxe "previa negociación" para un acordo co Estado neste eido. Reitera, ademais, a demanda de que as vivendas da Sareb -o banco malo- en Galicia sexan cedidas á Xunta -que xa dispón dalgunhas delas- e canda isto, a súa oposición ao groso da lei de vivenda estatal, que insiste en que é "contraproducente para activar o mercado" e "coarta a liberdade do mercado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.