As mobilizacións servirán para denunciar "todas as violencias" sufridas polas mulleres, que abranguen todo tipo de agresións sexuais, violencias psicolóxicas, violencia obstétrica ou a violencia na saúde mental, sinala a MMM
O feminismo galego mobilízase este venres 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación das violencias contra as mulleres. Faino a través de 25 convocatorias en cidades e vilas galegas, que comezarán ao redor das oito da tarde. Estas mobilizacións servirán para denunciar "todas as violencias" sufridas polas mulleres, que van máis aló da violencia física cometida por parellas e exparellas e abrangue tamén outro tipo de agresións sexuais, violencias psicolóxicas e tamén violencias específicas en determinados ámbitos, como denuncia a Marcha Mundial das Mulleres, en referencia á "violencia obstétrica" ou a "violencia na saúde mental".
No seu manifesto para este 25N a Marcha fai un chamamento a "analizar todas as violencias que nos atravesan e ter a capacidade de dar unha resposta contundente e alzar a voz en denuncia contra todas elas", sinalando que "ningunha violencia afecta máis ca outra, porque todas están atravesadas polo mesmo fío condutor: un patriarcado criminal que nos quere submisas".
No texto denúnciase tamén a violencia xudicial e dise que "ningunha violencia afecta máis ca outra, porque todas están atravesadas polo mesmo fío condutor: un patriarcado criminal que nos quere submisas"
No texto denúnciase tamén a "violencia institucional" e a "violencia xudicial", sinalando que "cada día nas comisarías e xulgados da Galiza mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, á protección das súas fillas ou á protección fronte aos seus agresores". Critícase a "falta de asesoramento cando se decide denunciar e no momento da denuncia e do atestado policial" e de "medidas cautelares que na mesma orde se dita afastamento para os agresores e vistas do agresor ás súas crianzas". Así mesmo, advírtese contra a concesión de "réximes de visitas para agresores sexuais das crianzas".
"Neste 25 de novembro sumamos as nosas voces contra as violencias machistas! Non somos culpábeis das violencias que vivimos e non hai desculpa que a xustifique. Querémonos vivas e libres", remata un texto encabezado polo lema "Se o presente é loita, o futuro será libre"
Mobilizacións convocadas este 25N en Galicia
As contentracións convocadas para este venres poden consultarse nos perfís da Marcha Mundial das Mulleres nas redes sociais.
- A Coruña, 20h no Obelisco
- A Estrada, 20h30 Praza do Concello
- As Pontes, 19h30 Praza do Hospital
- Betanzos, 20h30 detrás do palco da música
- Carnota, 19h30 Praza da Pedra
- Catoira, 20h Alameda do Concello
- Cee, 20h na Praza 8 de marzo
- Celanova, 19h30 Praza Maior
- Compostela, 20h Praza 8 de marzo
- Lalín, 20h30 Praza da Igrexa
- Lugo, 20h diante da Subdelegación do Goberno
- Narón, 19h30 Praza da Gándara
- Noia, 20h30 diante do Concello
- O Porriño, 20h Praza do Concello
- Ordes, 20h30 Alameda
- Ourense, 20h Castañeira
- Ponteceso, 20h Praza do Recheo
- Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
- Ribadavia, 20h Praza Maior
- Sarria, 20h30 Praza da Vila
- Val Miñor, 20h no Cruce da Ramallosa
- Vigo, 20h Vía Norte
- Vilagarcía, 20h30 Praza de Galicia
- Vila de Cruces, 19h Praza da Igrexa
- Vilalba, 20h30 na Praza da Constitución