Investigan como posible caso de violencia de xénero a morte dunha muller en Baiona

Acto contra a violencia de xénero en Baiona hai un ano © Concello de Baiona

De 36 anos, estaba incluída no sistema VioGen e a súa ex-parella contaba con orde de afastamento

A Garda Civil investiga como posible caso de violencia de xénero a morte dunha muller en Baiona. O seu corpo, con signos de golpes, foi atopado na madrugada do xoves ao venres na parroquia de Belesar, no lugar de Insuas. A muller deixa orfa unha nena pequena.

Este sábado, a Subdelegación do Goberno confirmou que a autopsia da muller atribúe a causa da morte aos golpes que tiña na cabeza. Mentres, continúa a procura do home co que estaba na noite do xoves. Para iso, a Garda Civil incorporou medios aéreos e pediu a colaboración da Policía Nacional e das autoridades policiais portuguesas. 

Zona de Baiona na que ocorreron os feitos, coa vivenda situada entre as árbores que se ven no centro da imaxe, a carón da estrada entre Sabarís e Belesar © Google

Segundo confirmou o subdelegado do Goberno de España en Pontevedra, Abel Losada, o venres, a muller, E. B. S., de 36 anos, estaba incluída no sistema VioGen de vixilancia de casos de violencia de xénero con "risco medio". A súa ex-parella, que contaba con orde xudicial de afastamento desde o pasado 30 de abril, foi quen chamou aos servizos sanitarios ás 5 da madrugada. Cando estes chegaron ao lugar o home negou ter relación co falecemento e marchou da zona. A Garda Civil está buscándoo e polo momento non se produciron detencións en relación con este crime.

Este sería o cuarto asasinato machista que se rexistra en Galicia no que vai de ano

O caso está a ser investigado xa polo maxistrado do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo. De confirmarse a violencia machista, este sería o cuarto asasinato que se rexistra en Galicia no que vai de ano, tras os acontecidos en marzo en Ribeira, en agosto na Coruña e hai un mes en Moaña.

En Baiona hai ano e medio foi asasinada outra muller de 47 anos pola súa ex-parella. E só uns meses despois era asasinada outra de 44 anos no veciño concello de Oia.

Acto contra a violencia machista en Baiona hai un ano © Concello de Baiona

Desde as administracións públicas xa comezaron a chegar as condenas polo sucedido. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admite que "queda moitísimo por facer" ante a violencia machista porque "esa lacra segue".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.