Detido un home de 76 anos polo asasinato da súa muller na Coruña

Concentración e minuto de silencio ante a Delegación do Goberno na Coruña © Delegación do Goberno

Unha muller de 74 anos foi asasinada na madrugada do xoves ao venres da pasada semana no barrio coruñés de Labañou

Unha muller de 74 anos foi asasinada na madrugada do xoves ao venres da pasada semana no barrio coruñés de Labañou. A Policía Nacional informou este luns que o seu home, de 76 anos, foi detido o venres pola tarde como presunto homicida. O Ministerio de Igualdade e a Delegación do Goberno central confirman que se trata dun caso de violencia de xénero, o segundo asasinato machista no que levamos de ano en Galicia

Os feitos tiveron lugar na vivenda que compartían dende había corenta anos, na Avenida de Gran Canaria. A muller faleceu por asfixia e o seu cadáver foi atopado ao día seguinte, despois de que o propio presunto agresor advertise ás forzas de seguridade, indicando que atopara á súa muller morta ao espertar. A investigación posterior confirmou que se tratara dun homicidio e o home foi detido na tarde do venres. Non existían denuncias previas por violencia de xénero contra el. 

Trátase da segunda asasinada por violencia de xénero no que levamos de ano en Galicia. Dende o ano 2003 son preto de 70

O sábado pola tarde o home pasou a disposición xudicial e a xuíza do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña decretou o seu ingreso en prisión provisional e sen fianza como investigado por un delito de homicidio.

Este luns pola mañá tivo lugar ante a sede da Delegación do Goberno en Galicia unha concentración e un minuto de silencio. A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu o acto de repulsa polo crime. Rivas subliñou que “cada muller que é vítima dunha agresión, dun homicidio ou de calquera manifestación desta violencia fainos retroceder como democracia e como sociedade libre” e destacou o "compromiso inquebrantable do Goberno pola defensa da igualdade e dos dereitos e a seguridade das mulleres"

Este mércores terán lugar concentracións de repulsa en cidades e vilas galegas convocadas polo movemento feminista

Este mércores terán lugar concentracións de repulsa en cidades e vilas galegas convocadas polo movemento feminista. As convocatorias publicaranse ao longo deste luns e martes.

Trátase da segunda asasinada por violencia de xénero no que levamos de ano en Galicia. O pasado mes de marzo Andrea Yrrury, de 24 anos, foi asasinada pola súa exparella en Palmeira (Ribeira) e deixou orfo un neno de dous anos. Nese caso o presunto agresor si contaba con "denuncias previas por violencia de xénero" e tratou de quitar a vida tras o crime. Dende o ano 2003 ao redor de 70 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex parellas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.