Ás 6.30 horas da mañá, o agresor asestou varias puñaladas á falecida. A Policía acudiu pouco despois e detivo de inmediato o home no propio inmoble
A primeira hora da mañá un home asasinou unha muller no barrio coruñés da Sagrada Familia. Os feitos tiveron lugar pouco despois das 6.30 horas nunha vivenda situada na rúa San Isidoro, onde o agresor asestou varias puñaladas á falecida, de 49 anoas de idade. A Policía acudiu pouco despois e detivo de inmediato o home, de 61 anos de idade, no propio inmoble.
Ademais, activouse o protocolo VioGén por un posible caso de violencia de xénero, pois segundo varias fontes asasino e asasinada eran ou foran parella, un dato aínda non confirmado polas autoridades. Segundo fontes citadas por EFE, a muller teríao denunciado con anterioridade e figuraba xa no sistema VioGén.
De confirmarse, trataríase do terceiro asasinato dunha muller a mans da súa parella ou ex-parella en Galicia no que levamos de ano, despois dos que tiveron lugar en Campo Lameiro a finais de maio e no Bolo en abril. Ademais, nas últimas semanas O Barco e Tomiño foron tamén escenario de intentos de asasinato.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, expresou a través das redes sociais a súa "máis profunda consternación" e a súa "firme condena" ante "o crime machista" cometido na Coruña
Esta mañá a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, expresou a través das redes sociais a súa "máis profunda consternación" e a súa "firme condena" ante "o crime machista" cometido na Coruña. Rey trasladou o seu "apoio e agarimo para a familia da vítima" e concluíu a súa mensaxe subliñando que "O machismo mata. Erradicalo é unha responsabilidade colectiva".
O Concello da Coruña convocou unha concentración de repulsa na Praza de María Pita este luns ás 20 horas.
O Concello da Coruña convocou unha concentración de repulsa na Praza de María Pita este luns ás 20 horas
Tamén se pronunciaron colectivos feministas, como a Marcha Mundial das Mulleres, que ante o feminicidio cometido na Coruña, fixo un chamamento á convocatoria de concentracións de repulsa, que se celebrarían o martes pola tarde. Tamén a Plataforma Feminista Galega se pronunciou en repulsa polo asasinato, chamando á mobilizacións que, de acordo co habitual protocolo do movemento feminista, terán lugar dentro de dous días.