Prisión provisional para o acusado do primeiro feminicidio do ano en Galicia

Xulgado de Trives © Google Street View

Tras tomarlle declaración na mañá deste martes, a xuíza acorda investigar o presunto asasino polos delitos de homicidio e maltrato habitual, co agravante de parentesco

O xulgado de instrución número 1 de Trives decreta prisión provisional comunicada e sen fianza para o acusado do crime machista do Bolo, o primeiro feminicidio en Galicia no que vai de ano. Tras tomarlle declaración na mañá deste martes, a xuíza acorda investigalo polos delitos de homicidio e maltrato habitual, co agravante de parentesco porque se trata dun matrimonio, segundo informan desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A vítima, Josefa, de 76 anos de idade, faleceu a causa das coiteladas que presuntamente recibiu por parte do seu marido –de 72 anos– no seu fogar este domingo na aldea das Ermidas, pertencente ao Concello do Bolo, que este luns decretou tres días de loito oficial nun pleno extraordinario. 

Minuto de silencio contra a violencia machista no Parlamento este martes CC-BY-SA Parlamento de Galicia

O acusado alertou a Garda Civil despois do crime, foi detido xa o propio domingo e trasladado ao cuartel do Barco de Valdeorras, onde permaneceu ata este martes. Familiares do matrimonio declararon este luns aos medios de comunicación desprazados ao Bolo que lamentaban non ter actuado e denunciado por iniciativa propia a violencia de xénero que o home exercía sobre a muller nesa parella. 

Josefa é a primeira vítima da violencia machista en Galicia neste 2025, e a número 73 desde o ano 2003

Unha violencia que a xuíza de Trives estima presente, polo que non só lle imputa o delito de homicidio e suma o de maltrato habitual. Josefa é a primeira vítima da violencia machista en Galicia neste 2025, e a número 73 desde o ano 2003. No conxunto do Estado é a sétima muller asasinada pola súa parella ou exparella no que vai de ano, xa son 1.301 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas homes desde que comezaron as estatísticas no ano 2003. 

O movemento feminista galego responde volvendo saír á rúa para denunciar e rexeitar as violencias machistas. Concentracións nas principais vilas e cidades este martes a partir das 19.30h, dende A Coruña á Rúa, pasando por Betanzos, Cangas, Melide, O Rosal, Rivadavia, Santiago, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. 

Convocatorias contra o feminicidio do Bolo recollidas pola Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-SA MMMGaliza

 

O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.