Josefa, de 76 anos, foi acoitelada polo seu marido, ao que a Garda Civil detivo pouco despois
Josefa, veciña das Ermidas (O Bolo) de 76 anos, foi acoitelada este domingo polo seu marido. Estas son as circunstancias que as autoridades dan por confirmados nuns feitos abordados dende pouco despois polo Concello do Bolo, a Xunta e o Goberno de España como un caso de violencia machista e que o Ministerio de Igualdade confirmou como tal na mañá deste luns.
O agresor, segundo transcendeu, trasladou un aviso aos servizos de Emerxencia no que deu conta de que rifara coa súa esposa. Foi no propio lugar onde a Garda Civil o detivo como "presunto autor dun delito de homicidio tras ferir con arma branca á súa esposa (...), que resultaba falecida".

Axentes do Instituto Armado trasladárono ao cuartel do Barco. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirman que non está previsto que pase á disposición dos xulgados de Trives durante este luns.
O Concello da localidade declara loito oficial, diversas institucións acollen actos de repulsa e o movemento feminista ultima mobilizacións para este martes
Xa na noite do propio domingo a Xunta, a través do presidente, abordaba o acontecido como un asasinato machista. Alfonso Rueda fixo pública a súa "firme condena" e o mesmo fixeron nas horas seguintes a líder do BNG, Ana Pontón, e mais o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
O Concello do Bolo ten convocado para este luns un pleno extraordinario no que declarará tres días de loito oficial polo asasinato de Josefa. O acto servirá tamén para trasladar a "condolencia" da corporación "e toda a veciñanza á familia" da muller asasinada.

A sede da Xunta, a Delegación do Goberno de España en Galicia e outras institucións oficiais están a acoller este luns minutos de silencio e concentracións de repulsa por este asasinato. O movemento feminista prevé mobilizarse contra este novo feminicidio durante a xornada deste martes, día 8.
O pasado 2024 cinco mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex-parellas, feminicidios que deixaron ademais tres menores en situación de orfandade
Durante o pasado 2024 Galicia rexistrou 7.602 denuncias por violencia de xénero. Foi a cifra máis elevada da serie histórica, cun incremento do 1,3% dende o nivel do ano anterior (7.483). Dende 2012 cada ano superou o máximo histórico de denuncias agás en 2020 e 2021, marcados pola pandemia de COVID.
Nese ano cinco mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex-parellas, a cifra máis alta dende as 7 de 2015. Estes feminicidios deixaron ademais 3 menores orfos e orfas. En decembro unha muller foi asasinada en Viveiro, unha morte que se sumou ás acontecidas en marzo en Ribeira, en agosto na Coruña, en outubro en Moaña e o pasado 8 de novembro en Baiona.

O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.