Confirman o asasinato dunha muller en Viveiro como un feminicidio

Fotografía de arquivo dunha acción contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo

O asasinato este mércores na parroquia de Covas, en Viveiro, dunha muller presuntamente pola súa parella está a ser investigado pola Policía como un feminicidio, segundo confirma o Ministerio de Igualdade. O suposto asasino tratou de quitarse a vida tras cometer presuntamente o crime e foi detido na vivenda que ambos compartían. Os axentes trasladárono ao hospital da Mariña, en Burela, polas feridas que se causara. 

A investigación segue aberta, pero xa se pode confirmar que se trata da quinta muller asasinada en Galicia neste 2024, e a vítima 46 no conxunto do Estado. Segundo a información que puido confirmar Praza, a muller asasinada en Viveiro deixa un fillo orfo. Son 35 os orfos menores de idade que deixa a violencia machista no Estado este ano. 

Viveiro dende a praia de Covas CC-BY-SA Turismo de Galicia

A vítima tiña 42 anos e residía en Viveiro. Neste caso non existían denuncias previas por violencia de xénero e ao sospeitoso non lle constan antecedentes na base de datos do xulgado en funcións de garda. 

O de Viveiro é o quinto asasinato por violencia machista que se rexistra en Galicia no que vai de ano, tras os acontecidos en marzo en Ribeira, en agosto na Coruña, en outubro en Moaña e o pasado 8 de novembro en Baiona.

O histórico de datos sobre os asasinatos machistas indica que oito de cada dez crimes cométense no fogar común ou dun dos membros da parella ou exparella, como sucedeu este mércores en Viveiro. 

A ministra de Igualdade, Ana Redondo García, e a delegada do Goberno de España contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, expresan a súa máis absoluta condena e rexeitamento ante este novo asasinato machista e piden "todos os esforzos desde as institucións, administracións e o conxunto da sociedade para chegar a tempo e evitar máis mortes".

 

O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.