A violencia machista máis silenciosa: "Non o podo facer porque me quita a tarxeta"

Estímase que 2.488.962 mulleres en todo o Estado sufriron violencia económica nas súas relacións de parella CC-BY-SA RosZie

A Macroenquisa de Violencia contra a Muller estima que o 11,7% das mulleres residentes no Estado español con 16 ou máis anos foi vítima da violencia económica no ámbito da parella nalgún momento. "O primeiro paso é que elas identifiquen que iso é violencia, pois é a máis silenciosa", di a presidenta de Asocim 

Estímase que o 11,7% das mulleres residentes no Estado español con 16 ou máis anos (2.488.962 mulleres) foi vítima da violencia económica no ámbito da parella nalgún momento da súa vida. Son datos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2024, presentada en decembro do ano pasado pola Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, dependente do Ministerio de Igualdade, que constitúe a radiografía máis ampla da que dispoñemos para tratar de achegarnos á envergadura das violencias machistas.

Montserrat González, presidenta da Asociación de profesionais dos CIM (Asocim), argumenta que as cifras que aporta o estudo estatal “quedan moi curtas” en relación á presenza deste tipo de violencia nos casos que se abordan a diario en Galicia desde os Centros de información á muller (CIM). “A violencia económica é unha das patas do control. É unha das maneiras que empregan os homes para exercer presión sobre as mulleres. O que pasa é que moitas non son conscientes dela ata que lles abres os ollos”, explica.

Cando nunha relación de parella el non a deixa traballar; ou dille que é mellor que traballe só el porque gana abondo e que así ela pode quedar cos fillos, que non paga a pena pagarlle a ninguén e así están da súa man; ou non lle permite ter unha tarxeta bancaria propia; ou mesmo non lle deixa acceder á conta na que están todos os cartos a pesar de estaren casados en réxime de gananciais... É violencia económica.

Datos da 'Macroenquisa de violencia sobre a muller 2024' coas preguntas realizadas sobre violencia económica © Ministerio de Igualdade

“Todo se complica porque elas tardan moito en romper a relación, están atrapadas economicamente e se teñen fillos que dependan delas é moito peor. Se non teñen traballo e non teñen medios económicos, cústalles moito máis saír da tea de araña”, razoa Montserrat González. Esa tea de araña está formada polo conxunto de violencias machistas que afectan a cada muller. “O primeiro paso é que elas identifiquen que iso é violencia, pois a violencia económica é a máis silenciosa. Todas as violencias son terribles, pero esta ademais é silenciosa”, incide.

O 5% das mulleres que na actualidade ten parella afirma ser vítima de violencia económica

O 5% das mulleres que na actualidade ten parella afirma ser vítima de violencia económica (679.881 mulleres), e entre as mulleres que no pasado mantiveron relacións de parella son o 15,6% (1.926.247 mulleres) as que afirman que padeceron esta violencia ao longo da súa vida. Os datos da Macroenquisa do Ministerio baséanse en 11.894 entrevistas e é importante ter en conta que dependen exclusivamente da violencia revelada, é dicir, das experiencias que as mulleres enquisadas poden ou queren compartir nas entrevistas.

Para entender a magnitude da violencia económica, a Macroenquisa tamén recolle que o 33,6% das mulleres que sufriron esta tipoloxía de violencia machista por parte da súa parella actual, e o 47,2% das que a sufriron de parellas pasadas, afirman que se prolongou durante máis de 5 anos.

Fotografía de arquivo dun acto en Vigo con carteis nos que se mostra o ciclo da violencia machista CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Os datos indican que a violencia psicolóxica ou a económica están presentes practicamente sempre nas relacións nas que tamén hai violencia física e/ou sexual

Ademais, os datos indican que a violencia psicolóxica ou a económica están presentes practicamente sempre nas relacións nas que tamén hai violencia física e/ou sexual. O 95,6% das mulleres vítimas de violencia física e/ou sexual de calquera parella (actual ou pasada) manifestan sufrir tamén algún tipo de violencia psicolóxica (emocional, de control, medo) ou económica.

Montserrat González lembra que cando comezou traballar nun CIM, hai preto de 22 anos, resultáballe moi difícil de dixerir o nivel de violencia que soportaban as mulleres que chegaban alí, e en moitos casos sen ser conscientes. “Aprendín a facerlles preguntas que non pensei que precisara facer, pero decateime de que eran necesarias. Aínda que as veas modernas, ben vestidas e cun nivel de vida aparentemente alto, podían non ter acceso aos cartos se non era a través das súas parellas, nin para elas nin para os seus fillos. Trátanas a elas como se foran menores de idade”, describe.

"En moitos casos eles lles dan uns cartos en metálico ao mes, e elas non poden acceder a nada máis nin saben os cartos que teñen", conta Montserrat González

“En moitos casos eles lles dan uns cartos en metálico ao mes, e elas non poden acceder a nada máis nin saben os cartos que teñen. Non saben onde están os documentos de propiedade ou as escrituras da vivenda. Moitas non saben que se están casadas en sociedade de gananciais teñen dereito a estar na conta do banco. Están limitadas para cuestións sociais e teñen que pedir permiso para todo. Van caendo no pozo e non ven a luz, por iso tardan en romper a relación”, engade González, que na súa traxectoria profesional aprecia certa connivencia das oficinas dos bancos nestes casos de violencia económica.

A principal manifestación da violencia económica cando se produce a separación da parella e hai fillos en común é a falta de pagamento das pensións alimenticias en favor dos fillos e fillas. “O 11% das mulleres que teñen fillos ou fillas e tiveron parellas no pasado sinalan que, en polo menos unha ocasión, a súa exparella non lles pagou o importe correspondente á pensión alimenticia polos fillos e fillas comúns. Supoñen o 4% das mulleres residentes en España de 16 e máis anos (854.939 mulleres)”, especifica a Macroenquisa de Igualdade.

Mobilización en Santiago o 6 de xuño de 2023 contra as violencias machistas convocada pola Marcha Mundial das Mulleres © Marcha Mundial das Mulleres

A presidenta de Asocim reclama que se recoñeza como delito tipificado no Código Penal a violencia económica

Montserrat González coñece casos de rapaces que non puideron estudar na universidade porque os pais non pasaban a pensión, pais aos que non se lles retira nin o réxime de visitas. “A pesar de que o delito de violencia económica non está tipificado no ordenamento xurídico español, o Tribunal Supremo hai uns cinco anos que estabelece que non pagar a pensión alimenticia é violencia. O problema é que moitos xuíces non o aplican. Precisamos que estea tipificada como delito para que non haxa dúbidas”, asevera a presidenta de Asocim. 

Nos últimos anos, González conta que o Ingreso Mínimo Vital, aínda que non é unha prestación específica para as vítimas, está aser a “salvación” para moitas mulleres que deciden separarse e que quedan sen ningún tipo de ingreso. Incluso coas demoras na súa concesión, de máis de seis meses, é unha achega estable de cartos que lles permite seguir adiante coas súas vidas

Desde o seu posto no CIM de Bueu, González enviou a moitas mulleres á Axencia Tributaria para informarse dos ingresos da súa unidade familiar, un matrimonio en sociedade de gananciais. “Iso non o podo facer porque me quita a tarxeta” é unha das respostas que lle dan as vítimas, que en canto comezan a facer preguntas, ou sen chegar a facelo, son expulsadas da conta conxunta do banco ou ven diminuída a asignación en metálico que reciben do seu marido. 

 

🟣 O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.