Condenado a 13 anos e medio un home por agredir sexualmente en Vigo a dúas menores da súa congregación relixiosa

Cidade da Xustiza de Vigo © Xunta

A Audiencia de Pontevedra salienta "os contundentes datos que corroboran a versión das menores", incluídas gravacións de cámaras de seguridade

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, vén de condenar a trece anos e medio de prisión a un home acusado de agredir sexualmente nesa cidade a dúas menores da súa congregación relixiosa, Testemuñas de Xehová. O tribunal considérao autor de tres delitos de agresión sexual sobre menores de 16 anos, polos que tamén lle impón o pago dunha indemnización a unha das vítimas de 10.000 euros e, á outra, de 4.000 euros. 

Símbolo da Xustiza nun tribunal galego CC-BY-SA Praza Pública

Os maxistrados consideran probado na sentenza que o condenado aproveitou a relación de amizade que mantiña coa familia dunha das vítimas para gañarse a súa confianza e cometer os feitos entre finais de 2023 e abril de 2024. Segundo a sentenza, o home facía agasallos ou entregaba cartos ás vítimas.

O tribunal sustenta a súa decisión condenatoria nas declaracións das dúas menores, consideradas verosímiles e consistentes, as cales foron corroboradas por testemuñas, informes periciais, mensaxes de WhatsApp e imaxes de cámaras de videovixilancia dun centro comercial da cidade e varios aparcamentos. 

Cidade da xustiza de Vigo CC-BY-SA CIG

"Ningunha dúbida ten este tribunal da veracidade dos feitos", di a Audiencia

"Ante os contundentes datos que corroboran a versión das menores ningunha dúbida ten este tribunal da veracidade dos feitos que se declaran probados", salienta a sentenza, que non é firme pois pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.