Asinado o plan para previr a violencia contra traballadoras do SAF case un ano despois do asasinato do Porriño

Sinatura do protocolo para mellorar a seguridade das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar este martes na sede da FEGAMP CC-BY-SA Delegación do Goberno de España en Galicia

O protocolo queda respaldado polo Goberno de España, a FEGAMP, o ISSGA, o Colexio Oficial de Traballo Social, os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF, e as patronais do sector. A Xunta non asina o documento de compromisos que acompaña o plan

Teresa, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello do Porriño, advertiu á empresa adxudicataria de que estaba a sufrir acoso nunha das casas ás que lle tocaba acudir vinte e catro horas antes do seu asasinato. A súa morte o 29 de xullo do ano pasado evidenciou a precariedade destas profesionais e foi un dos motivos que levou ao persoal do sector servizos á folga en novembro

A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) impulsou un protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar que este martes, case un ano despois do asasinato de Teresa, foi asinado polo delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco; polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA); pola propia FEGAMP; polos sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF; polo Colexio Oficial de Traballo Social e polas patronais do sector. 

Concentración da CIG en repulsa pola morte da traballadora do SAF, no Porriño o 30 de xullo de 2025 CC-BY-NC-SA CIG

Once meses de traballo e negociación entre administracións públicas, organizacións sindicais, entidades profesionais e patronais derivan neste protocolo que contou co aval da Xunta a través do ISSGA. O que non asinou a Consellería de Política Social foi o documento de compromiso que garante a aplicación deste plan e reclama outras reformas

Para a CIG resulta "incomprensible" que precisamente a consellería competente nesta materia "lle dea as costas a un acordo nacido tras o asasinato dunha traballadora" no Porriño. "A negativa da Xunta evidencia unha preocupante falta de sensibilidade ante unha realidade que continúa poñendo en risco a integridade física e psicolóxica das profesionais dos coidados", critica o responsable de organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez.

A finalidade é "establecer un marco de prevención, actuación e seguimento fronte a situacións de violencia externa que afectan ás persoas traballadoras, especialmente mulleres, na prestación do SAF"

"O protocolo ten como finalidade establecer un marco de prevención, actuación e seguimento fronte a situacións de violencia externa que afectan ás persoas traballadoras, especialmente mulleres, na prestación do SAF, e que poden darse nos domicilios das persoas usuarias, nos desprazamentos entre domicilios, nas comunicacións, nas actividades sociais ou de formativas vencelladas co traballo", detallan dende a FEGAMP.

O delegado do Goberno de España, Pedro Blanco, sinalou que "non pode haber unha atención de calidade ás persoas dependentes sen profesionais protexidas, recoñecidas e con recursos suficientes para desenvolver o seu traballo".

Blanco asegura que o incremento da financiación destinada ao sistema de dependencia aprobado polo Goberno de España, cun investimento adicional de 6.200 millóns de euros entre 2026 e 2027, "permitirá consolidar a mellora dos servizos e reforzar a atención ás persoas dependentes". 

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Adela Quinzá-Torroja, e o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, participaron no acto CC-BY-SA Xunta de Galicia

"O que aconteceu foi circunstancial en canto ao asasinato, pero non en canto á agresión", resumía Mercedes Domínguez, responsable da CIG no Porriño, sobre a situación ao día seguinte do asasinato de Teresa

Así mesmo, o delegado explicou que segundo as estimacións do Ministerio de Dereitos Sociais este reforzo terá un impacto directo en Galicia, pois permitirá "reducir un 62,3% as listas de espera, incorporar 15.938 novas persoas ao sistema e superar as 111.700 persoas atendidas". 

"O que aconteceu foi circunstancial en canto ao asasinato, pero non en canto á agresión", resumía Mercedes Domínguez, responsable da CIG no Porriño, sobre a situación ao día seguinte do asasinato de Teresa, durante unha concentración organizada polo sindicato en repulsa polo acontecido. 

A sindicalista revelou naquela altura que "diaria ou semanalmente as traballadoras" dos servizos de axuda no fogar "denuncian nas empresas situacións de maltrato ou agresión que non son atendidas", porque "é practicamente imposible suspender un servizo" por estes motivos.

Dende o sindicato CCOO cualifican de "histórico" este novo plan e tamén critican a ausencia da consellería liderada por Fabiola García. Apuntan que a decisión de non ratificar o documento "supón dar as costas non só ás traballadoras do SAF, senón tamén ao amplo consenso logrado por un sector que foi quen de traballar de maneira conxunta durante un ano para facer posible que este protocolo vexa hoxe a luz".

A CIG manifesta nun comunicado que manterá a súa esixencia para que a Xunta "rectifique, asine o compromiso acordado e impulse de maneira inmediata as modificacións normativas e orzamentarias necesarias para que o protocolo sexa unha ferramenta útil e efectiva, e non un documento sen consecuencias prácticas".

Mobilización en Ponteareas durante a folga no sector dos coidados do ano pasado CC-BY-NC-ND CIG

O plan incorpora un amplo procedemento de actuacións fronte á violencia que van dende a análise diaria dos factores de risco de agresión ata o abandono dese domicilio e a activación dos sistemas de alarma

O plan asinado este martes incorpora un amplo procedemento de actuacións fronte á violencia que van dende a análise diaria dos factores de risco de agresión –tanto por persoas que convivan coa persoa dependente como de animais–, ata o abandono dese domicilio e a activación dos sistemas de alarma previstos; así como de comunicación co 112, sempre en coordinación e comunicación inmediata coas persoas responsables do servizo, para solicitar a suspensión cautelar do servizo á Consellería de Política Social. "E sempre, sen deixar sen atención á persoa dependente, que deberá recibir unha atención alternativa", aclara a FEGAMP nun comunicado.

Ademais do protocolo, todos os implicados (excepto a representación do ISSGA e de Política Social) firmaron un documento de compromisos e cambios normativos que, entre os seus contidos, incorpora a proposta de creación dun Observatorio Autonómico do SAF, a recuperación da obrigatoriedade do informe social na solicitude de dependencia, a habilitación dos concellos para a suspensión preventiva por risco ou agresión, e o reforzamento do financiamento do SAF para garantir a aplicación do devandito protocolo.

Segue pendente a "imprescindible" negociación do convenio colectivo vencido dende 2012

"As traballadoras do SAF teñen dereito a desempeñar o seu traballo con todas as garantías de seguridade e a regresar vivas e sas ás súas casas ao remate de cada xornada", defende Pedro Pérez, da CIG-Servizos.

Pola súa banda, CCOO-Hábitat destaca que o protocolo "nace tamén co compromiso das partes de promover cambios normativos na lexislación da dependencia e de impulsar o relanzamento da negociación do convenio
colectivo do sector".

A central sindical lembra que segue pendente a "imprescindible" negociación deste convenio colectivo vencido dende 2012, "para darlle resposta ás necesidades do sector e aos compromisos en materia de saúde laboral, así como tamén para incorporar avances en materia salarial e social que axeiten o sector á realidade actual".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.