A Garda Civil investiga a "morte violenta" dunha empregada no domicilio dun matrimonio maior cunha muller encamada e un home "atopado con manchas de sangue, desorientado e con manifestacións incoherentes"
A Garda Civil investiga como "morte violenta" o falecemento dunha empregada do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello do Porriño nun domicilio ao que acudira a traballar no que reside un matrimonio maior formado por unha muller encamada e un home "atopado con manchas de sangue, desorientado e con manifestacións incoherentes". Así o vén de confirmar o subdelegado do Goberno de España en Pontevedra, Abel Losada, quen sinala que "non hai indicios de violencia de xénero".
Segundo Losada, a "morte violenta" da traballadora, de 48 anos e de Mos, ocorreu nun domicilio de Atios, no Porriño, a primeira hora da mañá deste martes. Tiña "un forte golpe na cabeza".
O subdelegado do Goberno informou de que no domicilio "reside un matrimonio maior, composto por unha muller que padece unha enfermidade incapacitante que a mantén encamada e un home que foi atopado no lugar con manchas de sangue, desorientado e realizando manifestacións incoherentes".
A muller falecida non figuraba na base de datos do sistema Viogen de protección de vítimas de violencia de xénero e segundo o subdelegado do Goberno "en principio con todas as cautelas non hai ningún indicio que apunte á violencia de xénero como causa dos feitos". A Garda Civil xa instrúe as dilixencias polo sucedido "á espera dos resultados da autopsia".