Ducias de educadoras e persoal de escolas infantís concentráronse este xoves ante a Consellería de Política Social durante a xornada de folga convocada por Comisións Obreiras para "exixir condicións dignas e unha rede pública de calidade" para o ciclo educativo de 0 a 3 anos.
Educadoras do primeiro ciclo de Educación Infantil van á folga e exixen "condicións dignas" no seu traballo e unha "rede pública de calidade"
A folga e mobilización enmárcase dentro da xornada de paro a nivel estatal que convocou CCOO no primeiro ciclo de Educación Infantil. Trátase dunha protesta claramente feminina, xa que case o 100% do persoal neste período educativo son mulleres, que protestan polos seus baixos salarios e a sobrecarga de traballo.
A marea amarela impulsada por CCOO e pola Plataforma de Escolas Infantís de Galicia denuncia que o primeiro ciclo de Educación Infantil continúa "sendo tratado, en demasiadas ocasións, como unha etapa asistencial e non como o que é: unha etapa educativa determinante para o desenvolvemento persoal, a equidade, a inclusión e a compensación das desigualdades desde os primeiros anos de vida".
O persoal denuncia a falta de recoñecemento do seu labor, que acaba "traducíndose en salarios baixos, ratios excesivas, sobrecarga laboral ou xornadas inasumibles"
"Somos educadoras, non coidadoras", "creamos sonrisas con suedos de risa", ou "a profe, loitando, tamén está educando" foron algunhas das proclamas que se escoitaron ante a Consellería en Santiago, nunha mobilización que se repetiu á tarde noutras cidades, impulsada pola Plataforma de Escolas Infantís de Galicia.
O sindicato denuncia esta falta de recoñecemento que acaba "traducíndose en salarios baixos, ratios excesivas, sobrecarga laboral, xornadas inasumibles, falta de tempo para a coordinación educativa e condicións moi desiguais segundo o tipo de centro ou o modelo de xestión". E entre as súas demandas está a integración das escolas en Educación, un plan para este traspaso que a Xunta anunciara hai 17 anos e non se cumpriu.
Ao igual que no conxunto do Estado, destaca o persoal mobilizado, en Galicia o sector está marcado pola coexistencia de centros privados, centros públicos de xestión indirecta ou externalizada e centros públicos.
A coexistencia de centros privados, públicos de xestión indirecta e públicos provioca "condicións laborais, salariais e organizativas moi diferentes e unha tripla desigualdade"
"Esta fragmentación provoca que profesionais que realizan funcións equivalentes teñan condicións laborais, salariais e organizativas moi diferentes. O resultado é unha tripla desigualdade: social, educativa e laboral", denuncian.
Gratuidade e precariedade
Ademais, e respecto das condicións da Xunta, advirten de que a gratuidade das escolas infantís para as familias "non pode construírse sobre a precariedade das traballadoras". "A universalización do acceso a Infantil 0-3 debe ir acompañada de financiamento suficiente, planificación pública, condicións laborais dignas e garantías de calidade educativa", reclaman.
"Trátase de decidir se Galicia quere unha etapa Infantil 0-3 plenamente educativa, pública, inclusiva e de calidade, ou se acepta que siga dependendo da precariedade laboral, da externalización e da desigualdade entre centros", di CCOO, que lembra, ademais, que "sen rede pública suficiente non hai dereito efectivo" á educación nesta primeira etapa de vida.
"A xornada de hoxe non é un punto final, senón un novo paso nun proceso de mobilización sostido", advirte CCOO, que insiste en reclamar "dignificación salarial, homologación progresiva das condicións laborais, recoñecemento profesional das traballadoras, redución da atención directa, recoñecemento da atención indirecta como tempo de traballo efectivo e formación en horario laboral".
"Non pode haber calidade educativa se a etapa continúa construída sobre a precariedade das súas profesionais", rematan, nunhas demandas que comparte e engade a Plataforma de Escolas Infantís, que denuncia as ratios "abusivas", o "infrafinanciamento perpetuo" deste nivel educativo e a escaseza de escolas infantís "públicas e accesibles". "Falamos de condicións laborais, de dignidade para a infancia e os seus profesionais, pero tamén de transformación educativa", explican no seu manifesto.