126 das 174 escolas infantís dependentes de Política Social tiveron que deixar solicitudes en agarda por superar o número de prazas para o curso 25-26. En total, 3.070 en toda Galicia
As escolas infantís dependentes da Xunta, isto é, as xestionadas dende a Consellería de Política Social a través da Axencia Galega de Servizos Sociais ou do Consorcio de Igualdade e Benestar (ente no que tamén participan os concellos) están inmersas no proceso de asignación de prazas para o curso 2025-26. O pasado 6 de maio ambas entidades publicaron as listas provisionais de admisión, abertas ao preceptivo prazo de reclamacións, e con elas constataron que centos de nenas e nenos van ficar sen praza nunha escola infantil pública competencia do Goberno galego.
Dos 174 centros que conforman ambas redes (28 da Axencia, 145 do Consorcio), ata 126 tiveron que deixar algunha solicitude en agarda por superar o número de prazas dispoñibles, unhas 10.500 na suma de todas as escolas. Nas restantes 48 todas as peticións puideron ser atendidas.
En total, son 3.070 as peticións que non recibiron o selo de "admitidas", atendendo aos listados publicados por Política Social. Esas listaxes non permiten constatar que correspondan a 3.070 nenas e nenos diferentes -é posible solicitar praza en máis dunha escola e simultaneamente na Axencia e no Consorcio e, ademais, en cumprimento da lexislación de protección de datos están identificados con códigos de expediente e non con nomes e apelidos-, pero si evidencian que as prazas públicas da Xunta non son dabondo. E fano escasos meses despois de que devolvese ao Estado 22,3 dos 34,9 millóns de euros de fondos europeos de recuperación que lle adxudicara para crear ata 3.417 novas prazas públicas de educación infantil.
A Coruña, con 587, é o concello con máis peticións de prazas en escolas infantís que non foron aceptadas. Séguea Vigo, con 415. Dous centros coruñeses son os que máis peticións tiveron que deixar fóra
As dúas cidades máis poboadas do país concentran o maior número de peticións de prazas en escolas infantís públicas dependentes da Xunta -Axencia e Consorcio- que ficaron en lista de agarda. A maior cifra non é, non obstante, na cidade con máis habitantes, senón na segunda: na Coruña ficaron en espera ata 587 solicitudes, mentres que en Vigo chegan ás 415. Séguenas a maior distancia Pontevedra e Lugo, con 240 e 181. Tamén Ourense e Santiago están por riba do cento. A continuación destacan os volumes de agarda en dúas vilas da área metropolitana coruñesa, Oleiros (92) e Culleredo (85), e unha da viguesa, Mos (68).
Se ollamos por centros, son dúas escolas infantís coruñesas as que presentan maior lista de espera: a da Sardiñeira e a do parque de Eirís, ambas dependentes do Consorcio. Nas dúas ficaron sen praza máis de cen nenas e nenos e por riba do cento están tamén as escolas viguesas de San Paio e da rúa Palencia, pertencentes á AGASS e ao Consorcio, respectivamente.
Outras dúas escolas da Coruña, As Mariñas (AGASS) e Monte Alto (Consorcio) achéganse ao centenar de solicitudes non atendidas. Amplamente por riba do medio cento quedaron as listas de agarda en Valadares, do Consorcio en Vigo, e en dous centros lucenses, un do Consorcio e outro da Axencia.
Extensión da gratuidade pola privada
A Xunta reclamou que os 22 millóns aos que renunciou puidesen ser empregados para subvencionar prazas en escolas privadas e non estar "condicionados" a crear máis nas públicas
Estas cifras, como a propia renuncia aos devanditos 22 millóns de euros de fondos europeos, teñen como pano de fondo a aposta política do Goberno galego de estender o modelo de matrículas gratuítas neste primeiro nivel educativo a través de centros privados subvencionados e non mediante ampliacións relevantes das redes públicas. Estas redes seguen sendo dúas malia á promesa de unificalas nunha soa e traspasala á Consellería de Educación, lanzada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo en 2009 mentres suprimía a denominación "Galescolas" para os centros do Consorcio.
Como é sabido, nos últimos anos a extensión da gratuidade das matrículas por esta vía supuxo, de facto, a creación dunha nova rede de escolas concertadas que ata agora, ademais, non tivo aplicar baremo ningún de acceso. Cara ao vindeiro curso 25-26 os centros privados subvencionados si se rexen con criterios de acceso marcados pola Xunta. Non son os mesmos que nas escolas públicas e deron lugar, ademais, segundo denuncian os propios centros, a un "caos" de xestión.
O desexo da Xunta era poder empregar os fondos europeos devoltos ao Estado para sufragar tamén as subvencións ás escolas privadas. Ao executar a devolución, a Consellería de Política Social lamentou que o Goberno de España non lle permitise "utilizalos para financiar o programa de gratuidade que ten Galicia" e puxo o foco, asemade, en que o noso país "supera a barreira do 60%" na escolarización da súa poboación de cero a tres anos, "cumprindo sobradamente" o limiar do 50% fixado pola UE para 2030.
Política Social destaca que "máis de 32.000 familias se benefician da gratuidade" da matrícula en escolas infantís, polo que en torno a dous terzos das prazas financiadas non son públicas
O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evidenciou daquela que "pediamos que non viñesen condicionados pensando en comunidades que teñen unha taxa de escolarización de poboación infantil moi inferior". No caso galego, sostivo, eses 22 millóns resultarían "proveitosos" se puidesen financiar matrículas e sostemento de prazas "nas garderías tanto públicas como privadas" e por iso "cedémolos para outras comunidades que non teñan esa gratuidade e poidan aproveitalos, se é que son capaces". No recente debate de política xeral, non obstante, o PP aprobou unha proposta de resolución reclamando ao Goberno de España máis fondos para as escolas infantís galegas.
Os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, correspondentes a 2024, indican que a poboación galega de nenas e nenos de entre 0 e 3 anos está composta por 60.718 persoas. Daquela, para que as escolas infantís públicas cubrisen cando menos o 50% sería preciso practicamente triplicar as arredor de 10.500 que, indica Política Social, ofrecen para o curso 25-26 os centros da Axencia e do Consorcio.

O departamento que dirixe Fabiola García subliña que, sumando "as públicas, as de iniciativa social e as de titularidade privada", "son máis de 32.000 familias que se poden beneficiar da gratuidade". Deste xeito, en cifras redondas, as prazas en centros públicos -sen contar as dos concellos con escolas de seu alleas ao Consorcio- son apenas un terzo do total das sufragadas cuns fondos públicos que a Xunta cifra nuns 60 millóns de euros anuais.