Radiografía das axudas á natalidade nos pequenos concellos: efectos escasos e ningunha avaliación

Un neno e unha nena nunha escola infantil de Vigo e mapa de concellos atinxidos polo reto demográfico segundo os criterios do Consello de Contas CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Consello de Contas identifica un cento de concellos coma os máis atinxidos pola crise demográfica, a maioría concentrados nas provincias de Lugo e Ourense

O "reto demográfico" vén sendo un lugar común nos últimos anos en diversos programas políticos e económicos para sinalar a problemática que Galicia, como outros moitos lugares do mundo desenvolvido, padece por unha combinación de envellecemento e baixa natalidade só compensada nos últimos anos pola inmigración. Un "reto" que atinxe especialmente a contornas rurais, pequenos concellos que van ficando relativamente despoboados e abertamente envellecidos, mesmo tendo en conta que ao noso país dificilmente lle acae o retrato da España baleira  por razóns como a nosa configuración territorial.

Con este pano de fondo, o Consello de Contas tivo entre as encomendas que o Parlamento lle formulou para o pasado 2023 a de realizar unha "fiscalización sobre as medidas adoptadas para abordar o reto demográfico nos concellos de menor poboación". O resultado vén de chegar coa forma dun amplo informe que aborda a cuestión dende perspectivas diversas e entre cuxas conclusións constata que algunhas das principais medidas aplicadas, caso das axudas á natalidade, veñen tendo efectos escasos nun contexto no que as avaliacións do seu impacto son practicamente inexistentes.

A primeira tarefa que tivo que abordar o organismo fiscalizador foi a de definir que concellos están atinxidos polo devandito "reto demográfico". Incluíron na súa mostra os dun máximo de 5.000 habitantes e un decrecemento vexetativo -diferenza entre nacementos e mortes- a partir do -10%. Ademais, estes municipios terían que perder poboación no período 2016-21 e escasas densidades de poboación.

A media ducia destes concellos que ofrecen axudas para a natalidade achegan entre 500 e 1.000 euros por nacemento cun "impacto pouco relevante", insuficientes para ter "un efecto positivo na demografía"

O resultado de aplicar estes criterios foi unha listaxe de case un cento de concellos que se concentran fundamentalmente no leste das provincias lucense e ourensá. Neste sentido, Contas analiza que as cidades de Lugo e Ourense "constitúen unha barreira de contención ao problema, un certo oasis que se estende aos concellos limítrofes con efectos que poderían exacerbarse como consecuencias da extensión do bum turístico que xa se observa nas cidades máis occidentais" e que se caracteriza, resalta, por "expulsar a poboación cara a concellos limítrofes con menos presión nos prezos".

Definida a mostra, Contas detense en aspectos concretos como un mapa de servizos dispoñibles nunha vintena deles -plasmado baixo estas liñas. E noutros como as devanditas axudas á natalidade, "unha medida habitual dende hai máis dunha década" en diversos municipios dentro das accións encamiñadas a tentar fixar e aumentar poboación. Dentro da mostra de concellos elixida, "só seis indicaron que convocaban axudas" deste tipo: Aranga, Bande, Covelo, Os Blancos, Ourol e Xermade

Estes subsidios son dispares en canto á contía e condicións. Van dende un pagamento único de 1.000 euros diversas achegas mensuais ou anuais que, en total, oscilan de 500 a 1.000 euros. Todas elas levan aparellada a esixencia de residencia ou empadroamento previo de entre 3 meses (Os Blancos) a 24 meses (Bande) e algunhas, esixencias de renda (un máximo e 45.000 euros no IRPF, en Covelo) ou matricular a nena ou neno na escola infantil -Bande- ou colexio -Xermade- local.

Accións como a Tarxeta Benvida da Xunta ou un plan semellante da Deputación de Ourense, advirte o informe, poden "supoñer unha medida de fomento do consumo" pero "sen efecto ningún na natalidade"

A análise do Consello de Contas conclúe que "o impacto" destas axudas é "como mínimo, pouco relevante" e "as obrigas de empadroamento previo" xunto coa propia contía dos importes "non semellan dabondo para un efecto positivo na demografía dos concellos". Ao tempo, obrigacións como levar as crianzas á escola infantil do municipio "poden ter un impacto positivo na conciliación co traballo" pero "restan a totalidade do importe económico das axudas".

O ente fiscalizador vai alén destes concellos e fíxase tamén noutros subsidios para familias que teñen fillas e fillos como a Tarxeta Benvida da Xunta ou ou o plan Chegou da Deputación de Ourense. En ambos casos trátase de tarxetas precargadas (un importe xeral de 1.200 euros no caso da Xunta, e de entre 300 e 500 no caso ourensán) para adquirir produtos para bebés en eidos como a hixiene ou a alimentación.

A conselleira de Política Social e o delegado da Xunta na Coruña, promocionando o uso da Tarxeta Benvida en Ikea CC-BY-SA Xunta de Galicia

Considera Contas sobre o plan ourensán que "a finalidade do gasto e a configuración da axuda", neste caso, pode "supoñer unha media de fomento do consumo", pero "sen efecto ningún na natalidade da provincia" e "menos aínda, se cabe, na fixación de poboación" nos concellos considerados que afrontan o "reto demográfico" segundo a devandita definición. Observa "na mesma liña", alén de "certas particularidades" como as limitacións por renda familiar, os efectos da Tarxeta Benvida do Goberno galego.

"Constatouse a ausencia de avaliación efectiva" destas políticas e "tampouco se verifican os posibles efectos de peso morto", isto é, que axudas coma estas non impliquen "unha modificación nas decisións de investimento ou localización" nestes lugares 

O toque de atención á Xunta chega tamén por outra das presentadas como accións estrela nesta materia, a gratuidade xeral das escolas infantís. "Ten un evidente impacto nos gastos das familias", pero non é posible "medilo nos concellos en situacións de reto demográfico" ao "non dispoñer de información sobre o reparto de prazas financiadas". Así e todo, Contas coida que "dito efecto é pouco relevante ou residual no que atinxe ás escolas infantís do sector público" xa que ningunha das dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais se atopa nun destes concellos e só 12 das 146 integradas no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está nalgún deles.

En calquera caso, advirten, se algo é común a todas estas medidas é que as administracións que as impulsan non achegan "un seguimento de datos das medidas implantadas" nin "realizan unha comprobación do mantemento no tempo dos requisitos esixidos para a concesión nin para a continuidade das axudas". "Constatouse -resumen- a ausencia de avaliación efectiva" do seu impacto "e tampouco se verifican os posibles efectos de peso morto", isto é, de que non implican "unha modificación nas decisións de investimentos ou localización nas áreas afectadas".

En xeral, advirte o informe, por parte da Xunta e das deputacións "hai financiamento significativo, pero non concreción nos obxectivos e territorios nos que o problema" demográfico "semella máis relevante". Pola contra, nos concellos "o financiamento é moi limitado e os requisitos ou obrigas exceden na maior parte dos casos da axuda efectivamente concedida ás familias"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.