Os partos xa non son rendibles para a sanidade privada: das complicacións á negativa dos profesionais pola carga de responsabilidade

CC-BY-SA Javier de la Maza

O 1 de xaneiro deste ano o hospital privado HM Rosaleda de Santiago de Compostela deixou de atender partos e o vindeiro 30 de xuño fará o mesmo o centro privado Ribera Povisa de Vigo, onde tamén cesou a súa actividade nesta área a clínica Pintado. Antes, rematou este servizo na sanidade privada tanto nas cidades de Lugo e Ourense como en Pontevedra. As empresas tras estes hospitais alegan motivos económicos como base da toma de decisións, tanto pola diminución no número de mulleres que dan a luz en Galicia e a dispoñibilidade de persoal que implica a atención dun nacemento como polas responsabilidades posteriores ante as complicacións que poidan existir.

É un problema fundamentalmente organizativo e de volume de partos. Ter unha estrutura para atender partos supón ter un persoal dispoñible, se non presencial, de ámbitos como son matroas, anestesistas, pediatras e xinecólogos. Iso, se non hai un volume suficiente, desde o punto de vista da rendibilidade, é dificilmente asumible”, explica o xinecólogo Manuel Macía, que foi xefe do servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Clínico de Santiago e continúa a exercer no hospital privado de HM Rosaleda.

Fachada do hospital privado HM Rosaleda de Santiago © HM Rosaleda

"É un problema fundamentalmente organizativo e de volume de partos" explica o xinecólogo Manuel Macía, que foi xefe no CHUS e exerce no hospital privado de HM Rosaleda

Unha nai de Santiago que estaba a seguir o seu embarazo na Rosaleda a partir do seu seguro privado conta a Praza.gal que soubo que deixaban de atender partos por unha conversa que escoitou nas clases de preparto ás que acudía na Escola de Mamás. “Pensei que era unha broma. Pero logo algunhas compañeiras dixeron que as chamaran da Rosaleda para avisalas diso”, di. Era decembro de 2023 e a súa data probable de parto estaba prevista para finais de xaneiro.

“Ao principio a información non era clara, que non se sabía...”, explica sobre as súas primeiras chamadas ao centro privado. Finalmente, nunha consulta coa xinecóloga confirmou a noticia. “Púxenme moi nerviosa porque non sabía onde tería que ir. Xa tiña confianza con ela e estaba de acordo coa súa filosofía”, asegura.

 "Sentinme algo abandonada", conta a Praza.gal unha muller que tivo que ir dar a luz á Coruña polo cese na atención a partos na Rosaleda 

Puxo reclamacións na Rosaleda e no seu seguro privado, pero a súa única opción foi desprazarse á Coruña para que o nacemento do seu bebé tivese lugar na Maternidad HM Belén, do mesmo grupo empresarial que o hospital de Santiago e a onde se derivaron todos os partos que tiñan pendentes que non puideron optar pola atención no Sergas.

O seu parto complicouse e tivo que quedar varios días ingresada. De volta na casa, con malestar e febre foi a urxencias da Rosaleda e non había xinecólogos para atendela porque era fin de semana. Entón, foi ata as urxencias do CHUS. “Alí déronme antibióticos en vea por unha posible infección e calmantes para a dor. No Sergas dixeron que tiña que pedir permiso ao meu seguro privado. No seguro rifáronme por non ter ido ao Belén na Coruña”, lembra.

Esta muller compostelá aínda segue no proceso de recuperación despois do parto e ten que pagar consultas necesarias que non están incluídas no seu seguro. “Sentinme algo abandonada, a verdade. Intentei por todos os medios cambiarme á seguridade social”, destaca, pero para cando lle deron a alta tras o parto o prazo para os cambios –que se abre unha vez ao ano– xa rematara.

Bebé nunha cuna de hospital CC-BY-SA Solen Feyissa

A resposta oficial do hospital HM Rosaleda sobre o seu cese na atención aos nacementos este ano é que “a actual situación fai inviable manter a estrutura que require devandito servizo cos estándares de calidade de HM Hospitales”. “Neste sentido, remarcar que o Servizo de Xinecoloxía de HM Rosaleda seguirá realizando o seguimento dos embarazos das pacientes que así o demanden e que poñen á súa disposición a Maternidad HM Belén da Coruña por se queren que o seu parto sexa atendido neste centro de HM Hospitales”.

Macía compara o feito de que sanidade privada deixe de atender partos polo volume de nacementos co intento do Sergas de pechar o paridoiro do hospital de Verín: "Non parece lóxico ter un paridoiro na porta de cada casa"

O xinecólogo Manuel Macía defende que se debe alcanzar un mínimo de partos para manter as infraestruturas “cunha mínima penosidade”. Ese mínimo tamén permite que os equipos de profesionais implicados estean ‘engraxados’. “Se isto non se cumpre, non é raro que se opte por deixar os partos. De feito, iso intentouse no ámbito público no hospital de Verín, onde sería máis que razoable facelo porque non parece lóxico ter un paridoiro na porta de cada casa”, detalla. Neste momento, quedan dous centros privados que cumpren estes requisitos de volume de atención na Coruña e un en Vigo.

Ademais, Macía pon sobre a mesa outra cuestión importante: as responsabilidades dos médicos nun nacemento. “O problema dos resultados non desexados no manexo dos partos fai que problemas de responsabilidades se estean disparando a uns niveis que xa non son só os centros, senón os propios profesionais, quen cada vez máis prefiren non atender Obstetricia. Iso é un problema xeneralizado, nos Estados Unidos teñen moitas dificultades á hora de ter obstetras dispoñibles para atender os partos por un tema relacionado coas demandas; e no noso ámbito cada vez hai máis xinecólogos que non queren atendelos”, argumenta o especialista en Xinecoloxía e Obstetricia.

Porén, Manuel Macía explica que as complicacións para nais e bebés no parto son moito menores que hai trinta anos, só que teñen “máis repercusión”. Existen complicacións derivadas das idades avanzadas das nais na actualidade e as patoloxías sobreimpostas que poidan ter, pero o xinecólogo céntrase nun dato concreto: que “se entende o parto como un feito absolutamente normal”.

Fachada do hospital privado Ribera Povisa en Vigo © Ribera Povisa

"Na situación actual semella que calquera problema que haxa durante a evolución dun embarazo ou dun parto parece que ten que ter un responsable ou ten que terse feito algo mal", salienta o xinecólogo de Santiago

“Pasouse dunha situación na que había unhas mortalidades e morbilidades na atención obstétrica moi altas a unha situación actual na que calquera problema que haxa durante a evolución dun embarazo ou dun parto parece que ten que ter un responsable ou ten que terse feito algo mal”, salienta Macía, para reiterar que “se asume moi mal por parte da sociedade calquera resultado non desexado na atención a un parto”. Esta circunstancia provoca que moitos profesionais, independentemente dos centros para os que traballen, cheguen a “escaparlle á Obstetricia”.

Aínda que o seguimento dos partos se faga con criterios cada vez máis axeitados e se tomen actitudes preventivas con maior precocidade, está claro que non hai un risco cero nun parto. “Hai determinadas complicacións que, aun actuando na mellor das condicións e tendo os máximos coidados, pódense producir; pero insisto, iso non é asumido pola sociedade”, di Manuel Macía, quen sinala que postos todos estes factores nunha balanza explican “a posibilidade de que o cese na atención aos partos no ámbito privado aumentase en moitos lugares”. Hai poucas semanas coñeceuse o fallo dun xulgado compostelán que condena a unha aseguradora a pagar preto de 13 millóns de euros a unha familia pola “neglixencia médica” nun parto na Rosaleda do que naceu un bebé ao que se lle recoñeceu un 100% de discapacidade.

O Hospital Ribeira Povisa deixará de atender partos o 30 de xuño, pero o Sergas nunca lle contratou a atención obstétrica da poboación que atende grazas ao concerto coa pública

O mesmo proceso vivido na Rosaleda está a suceder agora en Vigo, onde o 30 de xuño deixarán de traer bebés ao mundo desde o Hospital Ribeira Povisa, que só atende partos por seguros privados. O concerto que mantén co Sergas –que ten que renovar antes de que remate o verán– pola carencia de infraestruturas da sanidade pública na comarca de Vigo exclúe a atención obstétrica, centralizada no Hospital Álvaro Cunqueiro. Desde a CIG-Saúde explican que, como representantes das traballadoras deste centro, aínda non recibiron ningunha comunicación oficial sobre como se vai levar a cabo o cese na atención aos nacementos.

Entendemos que haberá moi pouco persoal de Povisa afectado e que o que hai se reasignará nos quirófanos, pero aínda non obtivemos resposta da dirección”, indican da central sindical. Pola súa banda, a manifestación oficial do Hospital Ribeira Povisa é que “unha vez analizada a situación actual do número de nacementos, cun significativo descenso da natalidade, e primando sempre a seguridade das pacientes, potenciará novos servizos na unidade de Xinecoloxía e Obstetricia ao longo deste ano”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.