O documento para homexeneizar os partos en Galicia estará listo no primeiro trimestre de 2024, segundo dixo o conselleiro de Sanidade
Foron necesarias centos de reclamacións con historias de partos “desnaturalizados” nos que os bebés eran separados da nai durante horas para que o Sergas decidise mover os papeis de vez e cambiar o protocolo de atención nos partos, tal e como demandaba a sociedade.
O conselleiro de Sanidade informou esta semana de que o seu departamento está a deseñar un documento para homoxeneizar o proceso de atención ao parto -e posparto-, e “no que se prestará especial atención ao contacto pel con pel entre nai e neonato”, tamén na cesárea, durante polo menos os primeiros 70 minutos, tras o nacemento.
Julio García Comesaña fixo o anuncio durante a inauguración dunhas xornadas de saúde reprodutiva en Santiago e asegurou que esta guía, común para o conxunto das áreas sanitarias, estará lista no primeiro trimestre de 2024.
A creación desta guía que permita unha mellora na atención dos partos responde a unha demanda social das nais que cristalizou no Parlamento galego a comezos de outubro. Foi entón aprobada por unanimidade unha proposición non de lei na que se instaba á Xunta a elaborar a guía que homoxeneíce en todas as áreas sanitarias galegas o protocolo de atención aos nacementos por cesárea para permitir o acompañamento no parto da persoa que a nai decida e para posibilitar o contacto pel con pel continuado co bebé.
A orixe dos cambios hai que buscala na revolución iniciada polas propias nais como foi o caso das agrupadas na plataforma Loita desde hai un ano
Mais a orixe dos cambios hai que buscala na revolución iniciada polas propias nais como foi o caso das agrupadas na plataforma Loita desde hai un ano. Daquela, Tamara Campos tiña que levar o seu fillo pequeno de seis meses a unhas sesións de fisioterapia en Pontevedra e atopouse con que non lle permitían entrar na consulta. “Eu quería acompañalo e aprender para repetir os exercicios na casa pero non me deixaban”, explica a nai.
Campos informouse e deixou rexistradas numerosas reclamacións no hospital para que non se vulnerasen os seus dereitos. “Deime de conta de que a lei dicía que os menores teñen dereito a estaren acompañados”, argumenta.
Moitas nais puxéronse entón en contacto con ela e crearon un grupo de WhatsApp. Logo chegou a plataforma en redes sociais en xuño, onde contan 1.200 membros en Facebook.
Precisamente unha das principais demandas da plataforma era o acompañamento da nai durante o parto por cesárea e que se permitise o pel co pel cos bebés e para iso foron mantivendo reunións cos responsables das distintas áreas sanitarias nos últimos meses.
Como froito da presión das nais organizadas chegaron os cambios nos protocolos de Pontevedra e Santiago nos últimos meses
Como froito da presión das nais organizadas chegaron os cambios nos protocolos de Pontevedra e Santiago nos últimos meses. 'A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza pon en marcha un novo Protocolo de acompañamento ao nacemento mediante cesárea no que se posibilita o acompañamento á nai, de quen ela decida, durante todo o proceso, e a non separación en ningún momento do seu fillo, ao igual que xa se viña facendo no parto vaxinal, polo que se adianta o contacto pel con pel continuado co recén nado’. A Xunta proclamaba así nun comunicado que por fin se ían cumprir os criterios legais recollidos no seu propio Plan de Parto de 2017, no que se indica que a muller ten que poder decidir e manter o control sobre o proceso do parto.
No plan tamén se indicaba que no caso dun parto por cesárea ou instrumental "promoverase, ao igual que no parto eutócico, o acompañamento continuado, a intimidade, e o contacto inmediato pel con pel tras o nacemento". Pero a realidade era que ata o de agora moi poucos hospitais respectaban estas indicacións.
Mais os últimos avances parecen indicar que agora si, nos vindeiros meses, todos os hospitais do Servizo Público de Saúde terán que facilitar o acompañamento no parto malia que sexa cesárea e a non separación dos recén nados.
“Eu estiven separada dos meus fillos 10 horas”, aseguraba a Praza Mercedes, nai viguesa de mellizos, tras coñecer os cambios en Santiago. “Chega tarde para min pero espero que se poidan beneficiar o resto de mulleres”, aseguraba. “Oxalá sexa unha realidade pronto no Cunqueiro e sexa algo máis natural, non algo desnaturalizado onde unha nai non volve saber nada máis dos seus fillos ata que se recupera dunha anestesia. É aberrante non telo feito ata agora”, indicaba.
Desde Loita explican que seguen a traballar para acadar outras melloras como a atención psicolóxica para as mulleres no caso de perda do bebé non nado ou durante o postparto no caso de que sexa necesario.
Ademais, tamén esixen o cumprimento da Lei de atención temperá que, segundo aseguran, non se está a respectar en aspectos como o acompañamento do menor por parte dos pais ou titores nas sesións terapéuticas, as listas de espera ou a elevada eventualidade dos profesionais.