As nais cansaron de queixarse e comezaron a organizarse para mudar o establecido. Este xoves as súas reclamacións chegaron ao Parlamento, que as avala.
Unha reclamación, logo outra e centos máis. As nais cansaron de queixarse e comezaron a organizarse para mudar o establecido e xa se sabe que hai poucas cousas que unha nai decidida non acade. Agrupadas na Plataforma Loita, conseguiran mellorar o protocolo do parto por cesárea en Pontevedra e Santiago este verán. Agora a súa causa chegou ata o Parlamento.
Este xoves o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a elaborar unha guía que homoxeneíce en todas as áreas sanitarias galegas o protocolo de atención aos nacementos por cesárea para permitir o acompañamento no parto da persoa que a nai decida e para posibilitar o contacto pel con pel continuado co bebé.
A proposta parlamentaria aprobada parte do Grupo Popular polo que é de entender que a Xunta ten o propósito real de cambiar os protocolos en todas as áreas sanitarias galegas.
Tamara Campos, presidenta da Plataforma Loita, valora a unanimidade dos partidos neste asunto e o triunfo que supón para as nais, familias e persoal sanitario que leva tempo traballando para acadar cambios. “É unha vitoria e unha noticia marabillosa. Que todos os partidos estiveran de acordo é de agradecer. Tardou, pero chega a tempo porque era algo que non tiña que seguir pasando”, explica.
Desde a Plataforma Loita agradecen a todas as persoas que puxeron reclamacións para "acadar os nacementos por cesárea respectados"
“Quero agradecer ás familias e aos sanitarios que levan moitos anos pelexando. E a toda a xente que puxo reclamacións porque puxeron o seu gran de area para acadar os nacementos por cesárea respectados”, indica a presidenta da Plataforma Loita.
O cambio xa fora unha realidade para a área sanitaria de Santiago o pasado mes de setembro. Así, o día 20 a pequena Aylen xa chegou ao mundo a través dunha cesárea na que a súa nai estivo acompañada pola súa parella en todo momento. Ademais, nai e filla non foron separadas tras o nacemento, como adoitaba ocorrer nos partos por cesárea.
Beneficios para o apego e a lactación
Patricia Peñas e Mariña Sánchez Andrade, obstetras que realizaron a cesárea de Aylen explicaban daquela que esta medida trae consigo “beneficios para o apego, a lactación e permite á paciente estar máis tranquila e máis contenta” e aseguraron que a presenza do acompañante “non interferiu pois o pai estivo na cabeceira da cama, ao carón da nai da súa filla”.
Desde a Plataforma Loita explican que van seguir traballando para mellorar os protocolos de atencións as familias noutros aspectos, unha vez acadado o cambio para os partos instrumentalizados.
A agrupación vai solicitar á Xunta a atención psicolóxica para as mulleres no caso de perda do bebé non nado ou durante o postparto no caso de que sexa necesario.
Ademais, tamén esixen o cumprimento da Lei de atención temperá que, segundo aseguran, non se está a respectar en aspectos como o acompañamento do menor por parte dos pais ou titores nas sesións terapéuticas, as listas de espera ou a elevada eventualidade dos profesionais.