Responsables das Casas-Niño denuncian as precarias condicións nas que traballan as titulares do servizo e demandan da Xunta que asuma as súas responsabilidades no sostemento desta rede.
As Casas Niño son un servizo impulsado pola Xunta de atención aos nenos e nenas de 0 a 3 anos en concellos rurais, lugares onde debido ao reducido número de nacementos, resulta difícil poñer en marcha escolas infantís, públicas ou privadas. Neste momento hai 104 en funcionamento, distribuídas en 78 concellos, sobre todo das provincias de Ourense (51) e Lugo (29), pero tamén da Coruña (18) e Pontevedra (6).
Estas instalacións emprestan unha atención personalizada (só poden atender un máximo de cinco nenos e nenas), de luns a venres por un máximo de oito horas ao día. Trátase, ademais, dun servizo gratuíto para as familias, que asegura o coidado dos seus fillos e fillas mentres están no traballo. Un servizo público, polo tanto, imprescindible en moitas localidades da Galicia rural que permite a moitas persoas seguir a vivir na zona.
Hai uns días "un grupo maioritario de casas-niño" que di representar a tres de cada catro, difundiron un comunicado que denuncia as precarias condicións nas que traballan as titulares do servizo e demandan da Xunta que asuma as súas responsabilidades no sostemento desta rede.
Son autónomas e reciben da Xunta unha contía anual de 24.800 euros (29.000 se levan tres anos ou máis) coa que deben facer fronte a todos os gastos, o que moitas veces lles deixa un ingreso neto ao redor dos mil euros
As traballadoras que xestionan as casas-niño (maioritariamente mulleres) son autónomas ou, nalgúns casos, forman parte de cooperativas de traballo asociado. Todas elas reciben da Xunta unha contía anual fixa de 24.800 euros (29.000 euros no caso das que leven cando menos tres anos traballando). Ademais, para a reposición do equipamento, material didáctico e de xogo, a Xunta achega unha subvención anual de 1.500 euros. Igualmente, para a reforma e adaptación do inmoble onde funcione a Casa Niño a Xunta paga ata o 100% do custo cun máximo de 15.000 euros.
Trátase dunha cantidade que foi aumentando nos últimos anos, grazas á presión das traballadoras, que arrincaron do Goberno galego un aumento do 15% en 2024 e doutro 5% en 2025. Con eses cartos as responsables das casas-niño deben facer fronte ao alugueiro e gastos de luz, auga e calefacción do local (ás cedido polos Concellos, pero non noutras ocasións), pagar a súa cota de autónomas ou un 19% en concepto de IRPF, entre outros gastos, o que lles pode chegar a deixar ao redor de mil euros de salario neto real, unha cantidade que mesmo era inferior antes das recentes subas.
O problema agrávase cando teñen que pedir unha baixa por enfermidade, pois deben pagar a súa substituta coa mesma cantidade que reciben inicialmente, o que as pode deixar sen ingreso ningún
O problema agrávase para estas traballadoras cando teñen que pedir unha baixa por enfermidade ou outro motivo. Como son autónomas e deben prestar o servizo para o que reciben a axuda anual da Xunta, elas mesmas deben contratar unha persoa que as substitúa e pagarlle o seu salario a partir desa cantidade inicial, o que pode deixalas sen ingreso ningún. Iso si, no caso de quedar embarazadas si que reciben unha cantidade semanal que lles permite pagar a súa substituta, grazas a unha modificación introducida pola Xunta en resposta ás denuncias das que Praza.gal deu conta nesta reportaxe hai dous anos.
"O gran problema que temos é que somos autónomas pero, en realidade, somos falsas autónomas", destaca Rita Doallo, responsable da casa-niño A Parruliña de Taboadela (Ourense), en conversa con Praza.gal. "Dependemos unicamente dunha subvención dun pagador, que ademais fixa todas as condicións do noso traballo. Temos todos os deberes dunha traballadora por conta allea, pero ningún dos seus dereitos", di.
Rita Doallo, responsable da casa-niño de Taboadela, denuncia que "en realidade, somos falsas autónomas", con todas as obrigas dunha traballadoras por conta allea e ningún dos seus dereitos
Por exemplo, "estamos obrigadas a ter o servizo aberto, pero non temos ningunha prima extra para contratar unha substituta. E, despois, se pechamos polo motivo que sexa, non temos dereito a unha prestación de desemprego. Ademais, o traballo que facemos aquí tampouco nos conta para unha posible convocatoria da administración", argumenta.
"Ás veces temos a sensación de ter unha relación inxusta e non igualitaria coa administración, posto que nós temos que cumplir escrupulosamente os prazos e condicións marcadas e dar conta de cada paso ou incidencia que temos, e pola súa banda nunca obtemos respostas claras, nin contundentes, nin existen prazos marcados pola súa parte", o que as obriga a traballar "na incerteza", aseguran. "Non hai coidado nin respecto e este mes de xaneiro traballamos vinte días sen saber que condicións íamos ter", din.
Algúns concellos cederon un local (moitas veces unha antiga escola) e mesmo ocúpanse dos gastos xerais, pero outras traballadoras non teñen esa sorte. "Non podemos depender de ter esta sorte ou non tela, ou de ir pedindo esmolas", di Doallo
Rita Doallo pon o foco, sobre todo, no problema que se presenta cando teñen que coller unha baixa e contratar unha substituta: "o custo dunha persoa substituta ao mes, entre soldo e seguro, rolda os dous mil euros. Se enfermamos ou temos un accidente perdemos cartos", di. Engade que "esta é unha profesión, ademais, na que enfermas moito, porque estás en contacto cos virus dos nenos e nenas. Así que moitas veces veces temos que seguir facendo o noso traballo enfermas, porque non nos queda outra"
Celebra, iso si, que nos últimos anos o Goberno galego foi mellorando as condicións nalgún aspecto, aumentando a prima que paga ás titulares das casas-niño ou atendendo ao problema que se xeraba coas baixas por maternidade, pero a responsable de A Parruliña reduce estes avances a "parches" que "non solucionan o problema de base", resume.
"Véndeno como un proxecto moi bonito, pero está mal na súa estrutura. Non se soluciona con parches mentres seguimos traballando nunha situación de precariedade", di
Doallo explica que as situacións nas que se atopan unhas e outras titulares das casas-niño poden ser moi distintas. Unha das diferenzas ten que ver co apoio que reciban do concello no que se atope a instalación. Algúns concellos cederon un local (moitas veces unha antiga escola) e mesmo ocúpanse dos gastos xerais de electricidade, auga e calefacción. Outras traballadoras non teñen esa sorte. "Pero non podemos depender de ter esta sorte ou non tela, ou de ir pedindo esmolas", di, engadindo que "no meu caso estou asumindo un alugueiro que me fai máis difícil a situación". Neste senso, sinala que "a propia Xunta nos di: 'pedídelle ao concello que se implique'. "Pero non debería ser a nosa responsabilidade pedirlle isto ao Concello, debería ser a propia Xunta quen o fixese", salienta.
As traballadoras amósanse, ademais, críticas con ton "triunfalista" amosado pola Xunta ao falar publicamente e nos medios de comunicación sobre as Casas-Niño, cando o seu funcionamento está asentado sobre a as malas condicións laborais das traballadoras. Din, neste senso, que "lle saímos moi baratas á Xunta", sinalando que o salario que recibe unha traballadora da rede da Galiña Azul é moi superior aos ingresos que a elas lles quedan despois de facer fronte a todos os gastos.
"Somos practicamente mileuristas, non é algo normal nin digno nin algo do que a Xunta se poida gabar publicamente", di Rita Doallo, que engade que "véndeno como un proxecto moi bonito, pero está mal na súa estrutura. Non se soluciona con parches mentres seguimos traballando nunha situación de precariedade". E recoñece que segue á fronte da Casa-Niño "unicamente porque de momento non teño outras opcións". "Se as tivese marchaba traballar a un supermercado, por exemplo, que polo menos alí tería uns mínimos dereitos laborais asegurados", di.
"Ás veces aparecemos como as salvadoras du rural, cando a realidade é que estamos explotadas por unha administración", conclúe
"O proxecto é marabilloso, pero fáltalle respaldo e posta en valor" destacan as traballadoras no comunicado enviado aos medios de comunicación, no que reclaman "condicións dignas". "Ás veces aparecemos como as salvadoras du rural, cando a realidade é que estamos explotadas por unha administración", conclúe Doallo, que recoñece que este é "un servizo moi necesario para que a xente poida vivir no rural". "En Taboadela hai unha escola infantil de 3 a 6 anos que cada ano está ao borde de pechar. Se van pechando servizos, aquí non vai quedar ninguén". "No rural necesitamos servizos, pero non se pode soster este servizo a custa da nosa precariedade", conclúe.