As Galiñas Azuis pechan por reunión: “Moita xente non ten avós, e que fai?”

As traballadoras das Galiñas azuis deixaron de contar con tempos para xuntanzas. Agora a Xunta ordena que as fagan á conta das familias CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A medida causa malestar tanto nas familias, que xa non saben como conciliar, como no persoal educativo, que cualifica de “broma” a decisión da Administración

Ninguén sae beneficiado. O Goberno galego vén de ordenar que as escolas infantís pechen de forma anticipada varios días ao ano para que as traballadoras poidan ter tempo de reunirse. Unha medida que causa malestar tanto nas familias, que xa non saben como conciliar, como no persoal educativo, que cualifica de “broma” a decisión da Administración.

Esta mesma semana centros e familias descubriron con sorpresa que ata xuño a atención aos cativos e cativas vai verse reducida algúns días para que os equipos educativos poidan reunirse e avanzar nas súas programacións e preparación de aulas xa que durante a xornada é imposible. Isto é así para a rede das Galiñas Azuis (145 escolas) porque para as da Axencia Galega de Servizos Sociais, AGASS (25 escolas) as cousas xa viñan funcionando deste xeito.

“Levamos un ano sen reunirnos os equipos educativos nas escolas, tras a redución horaria, e agora chega esta orde de forma unilateral, que as familias teñen que acatar e nós tamén, claro, aínda que xa estamos estudando medidas para protestar”. Rebeca Quintillán, delegada de persoal da CIG na Consellería de Política Social e mestra, amosa a súa sorpresa pola decisión da Consellería de Política Social.“É como se os colexios pechasen porque hai un claustro”, di.

Alfonso Rueda , durante unha visita na Galiña Azul de Coristanco CC-BY-SA Xunta

"Non nolo poñen nada sinxelo para ter fillos e traballar, a verdade. O que van facer é que a xente marche para a privada”, argumenta unha nai afectada

A orde, asinada pola xerente adxunta da área de escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Carmen García Campelo, chegou este luns aos centros educativos, coa indicación de que debían avisar durante esta semana de que día de xaneiro/febreiro, marzo e xuño reducirían a xornada desde as 13.00 horas (despois do xantar) para que así o persoal educativo poida reunirse (entre as 14 e as 16.00 horas).  “Antes tiñamos dúas horas á semana para estas cousas e unha xuntanza ao mes todas xuntas para tomar acordos”, lamenta Quintillán. 

Como a moitas nais e pais, Mónica Núñez,  nai dun pequeno de dous anos que vai á Galiña Azul, a medida pillouna por sorpresa e xa está a buscar solucións de conciliación. “Terei que recorrer aos avós pero imos andar súper apurados; ademais, son maiores e creo que non teñen que estar para iso. Penso que hai que protestar, non vale todo. Hai moita xente que non ten avós e que fai? Non nolo poñen nada sinxelo para ter fillos e traballar, a verdade. O que van facer é que a xente marche para a privada”, argumenta. 

A medida, que causa malestar nas familias, porque non estaba avisada, tampouco soluciona a falta de tempo para programar e organizar as actividades, xa que estamos a falar de seis horas ao ano. “O que están facendo é molestar pero ninguén sae beneficiado”, asegura Rebeca Quintillán. “Se fose unha proposta marabillosa podería explicarlle ás familias os beneficios que terían na calidade educativa, pero non é así”, engade.

Esta solución encaixa na legalidade porque na última resolución de 11 de marzo de 2024 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís do Corsorcio incluíuse esta frase que xa avisaba do que viña: “A Xerencia do Consorcio poderá autorizar tempos de reunión para o persoal dentro do horario de apertura destas”. 

As familias tamén foron informadas de que o día 2 de maio é non lectivo “a fin de que o persoal poida facer tarefas de planificación, programación, titorías…”, polo que deberán buscar máis solucións de conciliación.

Este novo escenario chega ás escolas do Consorcio case un ano despois da entrada en vigor da redución horaria (desde o 1 de febreiro de 2024), que deixou a xornada laboral das traballadoras en 35 horas semanais, fronte ás 37,5 que tiñan ata entón. Daquela as traballadoras xa protestaran e chegaran a concentrarse en Santiago pola forma en que se aplicaba a medida, sen ter en conta tempos para xuntanzas dos equipos educativos ou titorías. 

Nenos na escola infantil de Elviña, A Coruña CC-BY-SA Ana Varela/Xunta

 “Parece unha broma, en 11 meses de curso seis horas para reunirnos. Seguiremos traballando nas nosas casas porque o alumnado non ten a culpa”

A finais de ano (31 de outubro) representantes sindicais e da Administración mantiveron unha xuntanza onde, segundo fontes sindicais, a Xunta comprometeuse a trasladar tres propostas para mellorar a organización, pero non houbo comunicación ningunha ata esta semana, segundo relata a representante da CIG, cando recibiron a orde unilateral. “Parece unha broma, en 11 meses de curso seis horas para reunirnos. Seguiremos traballando nas nosas casas porque o alumnado non ten a culpa”, relata Quintillán.

“Nós queremos que se equipare o bo dos dous modelos, pero fan ao revés, igualan por baixo”. Desde a Asociación de Técnicos Superiores de Educación Infantil (Atsega) alertan da precarización das condicións de traballo do persoal nesta primeira etapa de 0 a 3 anos, que avanzan cara a un modelo asistencial, non educativo.  “Teñen que contratar máis persoal porque o normal sería que nos puidésemos reunir todos os meses”, defenden desde Atsega.

Nas escolas da Axencia Galega de Servizos Sociais non contaban con tempo de programacións previsto na súa xornada oficial (como si o tiñan das Galiñas Azuis), aínda que adoitaban reunirse. Tras a redución horaria a sete horas todas as escolas contan agora con tres días ao ano para estas tarefas de organización. 

Desde o comité intercentros xa presentaran alegacións a finais de ano á proposta oficial da administración para “ordenar” os tempos de programación. “As tarefas educativas de calquera centro escolar (programacion, avaliación, titoría...) non poden ir en detrimento do horario de apertura establecido. Ligar ambos conceptos só pon no ollo do furacán aos equipos educativos de maneira que os usuarios senten (e en realidade é asi) que esas tarefas van a súa conta. De ser así tería que supor unha proposta máis globalizada de xeito que os períodos lectivos e de atención nas escolas foran definidos en función da xornada laboral das traballadoras incluíndo de base horas semanais para as citadas tarefas”, explican.

A conselleira Fabiola García, nunha visita á Escola infantil Santa Susana (Santiago) CC-BY-SA Xunta

Ademais, as representantes das traballadoras tamén subliñan que teñen a obriga de elaborar unha serie documentos, baixo o epígrafe de “programacion e avaliación escolar” como son o Proxecto Educativo de Centro (PEC), a Programación Didactica de Aula (PDA), as titorías, participación familiar e atención á diversidade; elaboración de recursos didácticos de aula; Informes de avaliación de alumnado, Regulamento de Réxime Interior e Memoria Anual. 

Preguntado polo asunto, desde o gabinete de prensa da Consellería de Política Social, argumentan que “a Xunta está cumprindo o acordo asinado coas organizacións sindicais (CC.OO, UGT, CIG e CSIF) en decembro de 2023 para o persoal dos centros que dependen da Consellería, para a mellora das condicións laborais dos traballadores. Este acordo establece para o persoal das escolas infantís pasar das 37,5 horas de xornada semanal a 35. Deste xeito a resolución publicada no DOG para o curso escolar 2024-2025 xa establecía esta posibilidade. Ademais, en base a isto, homologouse o calendario escolar de todas as escolas infantís da Consellería”. 

A Xunta asegura que “pensando nas familias, propuxo diferentes opcións equivalentes para realizar esas funcións de programación fóra do horario de apertura dos centros, compensando esas horas; que non foron aceptadas polos sindicatos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.