Casas Niño: o modelo da Xunta para promover a conciliación e a natalidade no rural que penaliza as traballadoras por quedar embarazadas

Casa-niño de Folgoso do Courel © Xunta

Neste momento hai 95 Casas Niño en funcionamento en Galicia. Son gratuítas para as familias, acollen un máximo de 5 nenos ou nenas e son xestionadas por unha traballadora autónoma

As Casas Niño son un servizo de atención aos nenos e nenas de 0 a 3 anos en concellos rurais, lugares onde debido ao reducido número de nacementos, resulta difícil poñer en marcha escolas infantís, públicas ou privadas. Están impulsados pola Xunta e contan as máis das veces coa colaboración dos concellos nos que se sitúan, que en ocasións ceden locais para acoller estes espazos. Neste momento hai 95 en funcionamento e é a provincia de Ourense (46) a que ten un maior número, seguida de Lugo (26) e A Coruña (17), mentres que en Pontevedra hai unicamente 6.

Unha das características do servizo é a atención personalizada, pois esas casas-niño só poden atender un máximo de 5 nenas ou nenos a un tempo, por un máximo de 8 horas ao dia, de luns a venres e con carácter gratuíto para as familias. A outra característica que define o seu funcionamento é que as traballadoras que as xestionan (maioritariamente mulleres) son autónomas ou, nalgúns casos, forman parte de cooperativas de traballo asociado.

Interior dunha Casa Niño. 'Os Cativiños', en Piñor © Os Cativiños

As responsables de cada Casa Niño reciben unha asignación económica anual do Goberno galego, que neste momento está fixada nuns 21.560 euros. Na práctica traballan como falsas autónomas, pois na maior parte dos casos todos os seus ingresos saen sun único pagador (a Xunta), para o que realizan unha xornada laboral completa

As responsables de cada Casa Niño reciben unha asignación económica anual do Goberno galego, que neste momento está fixada nuns 21.560 euros, unha cantidade (algo menos de 1.800 euros mensuais) coa que deben subsistir, pagar a súa cota de traballadora autónoma (que ata este ano estaba fixada en algo menos de 300 euros e agora depende dos ingresos, situándose ao redor dos 310 euros neste treito) e facer funcionar a Casa Niño. Ademais, a Xunta ofrece axudas para reforma e adaptación do inmoble onde funcione a Casa Niño (ata 100% cun máximo de 15.000 euros). En realidade, na práctica, estas persoas traballan como falsas autónomas, pois na maior parte dos casos todos os seus ingresos saen sun único pagador (a Xunta), para o que realizan unha xornada laboral completa.

Os problemas chegan, como sucede con todos os traballadores autónomos, cando estas enferman e teñen que pedir unha baixa por unha doenza ou, tamén, por quedar embarazadas. Neste caso, as responsables das Casas Niño teñen que empregar os cartos recibidos anualmente da Xunta para pagar directamente todos os gastos derivados da contratación dunha persoa substituta para todo o tempo que dure a súa baixa por enfermidade ou de maternidade. E aí, moitas veces, as contas non saen.

Os problemas chegan cando teñen que pedir unha baixa por enfermidad ou por quedar embarazadas. Nese momento deben pagar a unha substituta.  E aí, moitas veces, as contas non saen

É o caso da responsable da Casa Niño de Folgoso do Courel, Pilar de Valcárcel, que vai pasar oito meses sen traballar, catro de baixa médica e outros catro de baixa de maternidade. Pilar denuncia que, dado que ten que facerse cargo da contratación da súa substituta (uns 1.100 euros mensuais de salario e os pagamentos á Seguridade Social) ademais de seguir pagando a súa cota de autónoma, seguros e impostos, vaille quedar a ela un salario mensual duns 700 euros, pois ademais da achega da Xunta ela ten que engadir unha parte do pagamento mensual que recibe da súa mutua pola súa baixa laboral, uns 900 euros ao mes.

"Algún mes mesmo vou ter menos de 700 euros para min. E isto é moi inxusto", explica en conversa con Praza.gal, na que denuncia que "se a baixa é porque estás enferma e non embarazada é aínda peor, porque nin sequera cobras o 100% da baixa". Cantidades, polo tanto, que se sitúan moi por debaixo do salario mínimo,

Interior dunha Casa Niño. 'Os Cativiños', en Piñor © Os Cativiños

A responsable da Casa Niño de Folgoso do Courel vai pasar oito meses sen traballar, catro de baixa médica e outros catro de baixa de maternidade. Denuncia que vai ter que subsistir con 700 euros

Pilar de Valcárcel cre que a situación melloraría se o Goberno galego se decidise a contratar as responsables das Casas Niño. "Somos falsas autónomas e na práctica isto está deseñado para que sexas unha falsa autónoma, porque o que cobras non vén do que ti vas facturando, senón dunha prima que che dá a Xunta", que está pensada "para que ti traballes 11 meses ao ano e 22 días ao mes". "Iso si, no momento en que te pos enferma ou quedas embarazada, xa non dá o orzamento", engade.

Comenta que a maior parte das traballadoras das Casas Niño queren ser contratadas, "porque agora mesmo non temos dereito a paro e outros dereitos que teñen os asalariados" e así "non teríamos que preocuparnos tanto por quedar enfermas". Outra solución, di, sería que a Xunta se fixese cargo dos gastos xerados pola contratación das substitutas.

Pilar de Valcárcel cre que a situación melloraría se o Goberno galego se decidise a contratar as responsables das Casas Niño

Cando fixo contas e viu os cartos que lle ían quedar, Pilar de Valcárcel púxose en contacto co Goberno galego para tentar atopar unha solución, pero non conseguiu que a Xunta se fixese cargo de ningún gasto máis. Tampouco pode renunciar, porque a concesión da Casa Niño ten unha duración de tres anos e no caso de abandonar antes a actividade, a persoa responsable debería devolver os cartos recibidos para a súa xestión.

Iso si, defende o modelo das Casas Niño para o rural galego: "Fóra do tema económico, o proxecto está moi ben. É unha educación individualizada, son só 5 nenos e están moi ben atendidos", salienta. Ademais, engade, é un servizo imprescindible, porque "ninguén vai abrir unha escola infantil no rural"

Iso si, Pilar de Valcárcel defende -máis aló da cuestión económica- o modelo das Casas Niño para o rural galego: "Fóra do tema económico, o proxecto está moi ben. É unha educación individualizada, son só 5 nenos e están moi ben atendidos", salienta. Ademais, engade, é un servizo imprescindible, porque "ninguén vai abrir unha escola infantil no rural".

O caso de Pilar de Valcárcel non é o único e, de feito, hai cando menos outra traballadora de Casa Niño embarazada. Cada vez que unha traballadora enferma ou queda embarazada ten que enfrontar grandes problemas, tendo que pensar moito se pode finalmente permitirse coller unha baixa. Chama a atención especialmente o seu caso, por ser as Casas Niño un servizo que entre outros obxectivos busca fomentar a conciliación, axudar ás nais e pais e fomentar a natalidade. Pero non no seu caso, no que o feito de estar embarazada a está a penalizar.

A Consellería de Política Social sinala, en resposta a Praza.gal que "a Xunta sempre é receptiva e escoita a todas as persoas e entidades que forman parte do ámbito social" e destaca que "o ano pasado aprobouse unha suba na axuda do 10% a todas as casas niño, que supuxo ao redor de 2.000 euros máis por casa", engadindo que "a partir do terceiro ano a axuda por actividade que reciben sube dos 21.560 euros/ano aos 24.200 euros/ano". A Xunta salienta, finalmente, que "seguirá avanzando en novas melloras que redunden nas promotoras das casas niño, para que o mantén contactos permanentes con elas".

Escola infantil na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Xunta

Chama a atención especialmente o seu caso, por ser as Casas Niño un servizo que entre outros obxectivos busca fomentar a conciliación, axudar ás nais e pais e fomentar a natalidade. Pero non no seu caso, no que o feito de estar embarazada a está a penalizar

A situación das traballadoras das Casas Niño vén sendo denunciada por Interior Galego Vivo, que salienta que "se es titular dunha Casa Niño e tes calquera enfermidade ou permiso laboral ou calquera continxencia non tes os mesmos dereitos ca calquera traballadora". A plataforma denuncia que "a Xunta ten a traballadoras como 'falsas autónomas', que prestan un servizo básico que corresponde á Administración". Dáse, ademais, a circunstancia de que ofrecen un servizo con menos días de descanso que o convenio laboral que se lles aplicaría, convenio que si deben respectar as persoas que contraten como substitutas, salienta.

Interior Galego Vivo critica que "o que é unha alternativa moi interesante, con atención personalizada ás crianzas, e con moito potencial para moitas aldeas está sustentada no traballo inxente das titulares do servizo e nunhas condicións laborais precarias, máis que no esforzo da Xunta de Galicia". "O que fai a Xunta é descansar sobre os ombreiros do emprendemento de moitas mulleres do rural o que é un servizo básico –a atención á infancia de 0 a 3 anos– ao que teñen dereito as crianzas galegas, vivan onde vivan", engade.

A plataforma destaca igualmente "este mesmo é o modelo que segue a Xunta coas Casas do Maior para non incrementar recursos na atención á Dependencia", servizos que no rural seguen un funcionamento semellante que tamén penaliza ás súas responsables.

A situación das traballadoras das Casas Niño vén sendo denunciada por Interior Galego Vivo, que reclama "unha política planificada de prazas de atención de 0 a 3 anos en todo o interior galego e que contemple a mellora das condicións laborais das persoas titulares de Casas Niño"

Interior Galego Vivo sinala finalmente que a posta en marcha de Casas Niño "non pode substituír a necesidade de máis prazas en escolas infantís públicas" e destaca que hai municipios de zonas rurais sen prazas suficientes para 0-3 anos. A propia vila de Monforte, capital da comarca de Lemos, non ten escola infantil da Xunta e en Chantada "hai sempre lista de agarda e só se accedeu a ampliar prazas este ano 2022", di a plataforma. 

A formación explica que concellos coma Chandrexa de Queixa non teñen ningún recurso público de atención á infancia e outros coma Laza, Portomarín ou Vilardevós non tiveron nada ata que abriron cadansúa Casa Niño, que só poden ter un máximo de 5 prazas

A plataforma reclama, polo tanto, "unha política planificada de prazas de atención de 0 a 3 anos en todo o interior galego e que contemple a mellora das condicións laborais das persoas titulares de Casas Niño" e que se elabore "un mapa de necesidades de prazas de atención á infancia 0-3 anos nos Concellos do interior galego para aumentar as prazas públicas naquelas zonas con déficit ata garantir os dereitos da infancia ao acceso gratuíto ao ensino infantil".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.