Prazos diferentes e solicitude múltiple sen penalización. Estes son os principais ingredientes da receita do caos nas matrículas de moitas escolas infantís galegas privadas subvencionadas que aplican os criterios de admisión da Xunta por primeira vez
Prazos diferentes e solicitude múltiple sen penalización. Estes son os principais ingredientes da receita do caos que reina, a nivel administrativo, en moitas escolas infantís galegas nos últimos días. Un cóctel onde tamén se inclúe a ausencia dunha plataforma informática común para a xestión das solicitudes ou a posibilidade de incluír criterios discrecionais distintos que queira cada escola en caso de empate para a adxudicación de prazas.
Para este vindeiro curso 2025-2026 por vez primeira o Goberno galego estableceu uns criterios para puntuar as solicitudes das familias que queiran matricular as súas crianzas nunha escola infantil privada subvencionada pola Xunta. Esta medida, moi demandada tanto pola propia Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei) como polas familias, chega catro anos despois da implantación da gratuidade para a atención educativa de 0 a 3 anos.

E chega regular. “Para nós é algo que ten que mellorar moito porque a carga de traballo agora duplicouse ao ter que baremar”, explica Fernando Rolland, presidente de Agadei. “Hai que darlle unha volta e pensar en limitar o número de escolas ao facer a solicitude. É algo moi mellorable”, engade.
“Estamos atopando xente que solicitou praza en 12 escolas, porque é gratis, e isto é unha tolemia”, asegura o presidente de Agadei
Rolland, que tamén é director da Escola Infantil Lúa (Vigo) lamenta que non haxa un programa informático ou plataforma común que lles axude e que os criterios comúns realmente non o sexan ao 100% para todas as escolas, xa que a Xunta deixou liberdade para que cada escola fixe os seus no caso de empate. “Estamos atopando xente que solicitou praza en 12 escolas, porque é gratis, e isto é unha tolemia” asegura. Estas persoas reciben a asignación de praza en varias escolas e logo deberían avisar das renuncias, pero é algo que non sempre se fai.
Ata agora para a reserva de praza había que aboar 100 euros na escola, que se reembolsaban en forma de servizos prestados (comedor, actividades..) unha vez formalizada a matrícula e perdíanse se non se elixía o centro reservado. Esta medida, moi criticada polas familias, na práctica era un moi eficaz elemento disuasorio para que non solicitaran praza en máis de unha escola.
Na última orde de gratuidade publicada pola Xunta no pasado mes de xullo por vez primeira aparecen uns criterios de admisión que teñen que baremar as escolas infantís privadas á hora de xestionar as solicitudes de matrícula, cun período flexible para este primeiro procedemento dun mínimo de 15 días entre o 1 de febreiro e 31 de marzo.

Os criterios de preferencia son os seguintes:
1º. Solicitudes para nenos e nenas xa escolarizados no centro no curso anterior.
2º. Solicitudes de fillos ou fillas de persoal que preste servizo na escola infantil.
3º. Solicitudes para nenos ou nenas con irmás ou irmáns con praza renovada no mesmo centro ou centro asociado.
4º. Solicitudes para nenos ou nenas en que as dúas persoas proxenitoras ou un deles no caso de familias monoparentais xustifique unha situación laboral de ocupación.
A maiores, segundo explica a Xunta a Praza.gal “as escolas infantís teñen a capacidade de establecer uns criterios para os casos de empate. Por exemplo, hai escolas que teñen establecido como criterio de desempate a proximidade ao lugar de residencia”.
“A día de hoxe é como se non houbese criterios. É o primeiro ano e é un pouco lea. Non temos certezas”, asegura Belén Muíña, directora da Escola Infantil Piolín, de Bertamiráns
Este sería un 5º punto de facto, que non consta na orde publicada, pero que si queda moi claro no comunicado remitido ás escolas desde a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica onde achega ideas para o desempate, “a modo de exemplo”: proximidade ao centro, familia numerosa, familia monoparental, irmáns de ex alumnos/as, xornada completa sobre media xornada, data de presentación da solicitude, renda da unidade familiar, etc.
Na práctica isto supuxo que aínda que menos ca noutros anos, aínda houbese ringleiras de xente agardando para entregar a solicitude o primeiro día do prazo establecido por segundo que escola. “O ano que vén queremos que se faga exclusivamente online, ou polo menos que non se permita iso da orde de chegada, para evitar as colas”, subliña Fernando Rolland.
“A día de hoxe é como se non houbese criterios. É o primeiro ano e é un pouco lea. Non temos certezas”, asegura Belén Muíña, directora da Escola Infantil Piolín, de Bertamiráns. Muíña explica que a problemática agora mesmo é o movemento de prazas. “Como este ano a reserva é gratuíta houbo familias que se anotaron en moitas escolas e agora temos que agardar a que acaben todos os prazos dos diferentes centros e logo, cando comecen as matrículas da pública, aínda haberá máis movementos. Este ano non temos garantía de matrícula ata máis tarde”, argumenta Belén Muíña, que está na directiva de Agadei.
Para ela, o feito de establecer uns criterios de admisión preferente é moi positivo, sobre todo no caso das familias cos dous proxenitores traballando que podían quedar fóra pese a necesitar a praza para conciliar, “pero ao poder solicitar en todas as escolas da zona, bloqueouse o sistema”, asegura. “É o primeiro ano e entendemos que están abertos a suxerencias, como limitar o número de solicitudes a catro, por exemplo”, indica Muíña.
“Nós temos que aplicar os baremos. No meu caso, tiven que contratar xente que cubra o meu posto mentres eu fago todo ese traballo”, explica Noe González, directora da escola infantil Alve, en Vigo
Para a directora da Escola Infantil Alve, no centro de Vigo, a experiencia non está resultando “nada positiva” xa que “ralentiza” o sistema de matrícula e “estamos empantanados”. “O erro foi deixar botar a solicitude en todas as escolas”, explica Noe González.
González cualifica de “caos” a situación actual na xestión das matrículas, con prazos diferentes e solicitudes múltiples, algo que lle obrigou a buscar persoal extra. “Nós temos que aplicar os baremos. No meu caso, tiven que contratar xente que cubra o meu posto mentres eu fago todo ese traballo”, explica.
Desde a Consellería de Política Social parecen conscientes da situación e aseguran que “unha vez rematado este período de solicitude de prazas, a Xunta de Galicia analizará coas asociacións de escolas infantís o funcionamento desta primeira experiencia, co obxectivo de seguir mellorando aquilo que sexa necesario para beneficio das propias familias usuarias”.